Publicacións

mércores 5 de decembro de 2007

Segundo volume da colección Tradución&Paratradución

Obra de Ana Luna e Silvia Montero

Obra de Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper, Tradución e Política Editorial de Literatura infantil e xuvenil, é un libro que segundo as súas autoras " quere abrir camiños para uns estudos sobre a tradución que teñan en conta os aspectos paratradutivos". Trátase, en definitiva, de " contribuir a unha aplicación anovadora da transversalidade nos estudos sobre tradución".
O segundo volume da colección Tradución&Paratradución, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, afonda nas estratexias seguidas polas editoriais á hora de seleccionar non só a tradutores, autores, obras, etc, pero alén diso, "investiga na tremoia do escenario do que se traduce, coa fin de entender as circunstancias do mercado e mesmo propoñer metodoloxías que completan con novos elementos de análise a engranaxe da tradución".

xoves 22 de novembro de 2007

O autor portugués presentou a obra "África Acima"

O libro foi presentado no edificio Xurídico Empresarial

O salón de graos trasladouse por unha tarde ao continente africano con motivo da presentación do libro África Acima, un caderno de viaxe no que o portugués Gonçalo Cadilhe, recompila as crónicas semanais publicadas ao longo dos meses no xornal portugués Expresso, do seu percorrido entre o cabo de Boa Esperanza e o estreito de Xibraltar. Oito meses, quince países, 27.000 kilómetros e 50.000 palabras despois, o autor pode presumir de coñecer a maxia e os misterios dunha África sempre fascinante para o viaxeiro.

mércores 21 de novembro de 2007

Na presentación do libro "A fenda dixital e as súas implicacións educativas"

O libro foi presentado polos seus coordinadores X.M. Cid e Xesús Rodríguez e o ex Reitor

Unha emblemática librería no casco vello da cidade, Torga, foi o escenario escollido para presentar A fenda dixital e as súas implicacións educativas. O libro, é unha recompilación das reflexións e análises que se levaron a cabo nun congreso co mesmo nome celbrado en Silleda e no que participaron diversos docentes e profesionais do mundo do ensino tanto de Galicia coma de Portugal.
Os coordinadores do mesmo, Xosé Manuel Cid, decano de Educación e Xesús Rodríguez, profesor e director da Revista Galega, foron os encargados de conducir o acto acompañados do antigo Reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo.

xoves 15 de novembro de 2007

Pedro Membiela, na presentación dun libro sobre experiencias educativas:

“Unha obra excelente”, así cualificou Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, unha nova publicación que recolle as comunicacións presentadas na I Xornada de Innovación Educativa, que tivo lugar o 15 de decembro do pasado ano. Membiela presentou o libro ante o conxunto de autores que nel participaron, agradecéndolles “o esforzo do traballo colectivo para elaborar vinte e cinco capítulos de alta calidade e variada temática”, xa que “cousas como esta son as que demostran que a área de innovación da Universidade desenvolve unha actividade moi intensa”.

martes 30 de outubro de 2007

É a primeira publicación editada que afonda neste campo

A inexistencia no mercado editorial dunha publicación que afonde no eido do protocolo dentro da institución universitaria foi a que levou ao profesor Fernando Ramos a embarcarse neste novo proxecto que tivo como resultado o libro “O Protocolo Universitario. Historia, tradicións e práctica actual do ceremonial na Universidade española”.
Foron catro meses de traballo para obter, segundo as verbas do profesor de Dereito da Información, “unha monografía baseada na recopilación e ordenación do material sobre protocolo, tradicións e acerbo universitario que vén dende a Idade Media ata os nosos días cunha profunda influencia relixiosa”.

luns 22 de outubro de 2007

Así se reflicte no libro A pobreza en Galicia, obra de tres profesores da UVigo

Mapa comparcal do IP A existencia en Galicia dun 10% de fogares pobres, é unha das conclusións ás que chegan os profesores da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez, Antonio Vaamonde e Xenaro García no seu libro A pobreza en Galicia. Medición a través do equipamento dos fogares, publicado pola editorial Sotelo Blanco.
O libro que se inicia cunha revisión do concepto de pobreza, continúa co desenvolvemento e proposta dun novo método de medida a aplicar no caso concreto de Galicia. Trátase dun indicador, o índice de pobreza material, no que o foco de atención céntrase no equipamento co que as familias contan nas súas vivendas, e non en medidores monetarios, biolóxicos ou subxectivos. A construción dun novo indicador xustifícase segundo Patricio Sánchez por que “os que existían teñen problemas, e centrarse en cuestións materiais do fogar permite ser máis obxectivo, que se empregamos un indicador baseado en medidas monetarias como ingresos ou gastos”.

martes 16 de outubro de 2007

O coordinador da obra define o campus como un anaco de cidade nun entorno privilexiado

O pousadoiro das letras. Leopoldo Novoa “Queriamos facer algo distinto a un catálogo dunha exposición, pero tamén diferente dun libro dedicado a unha obra de arquitectura ou un conxunto de obras. O que se nos ocorreu foi converter o habitual catálogo nunha singular guía do campus”, así define o arquitecto Xosé Carlos Rodríguez, coordinador da obra, o volume Campus universitario de Vigo. “Sirva esta guía para comezar un percorrido pola nosa Universidade que nos axude a coñecela, comprendela e converternos en cómplices durante o camiño que queda por percorrer”, sinala o Reitor, Alberto Gago, nun dos textos de introdución.

mércores 10 de outubro de 2007

No centenario do nacemento do polígrafo pontevedrés

“Xosé Filgueira Valeverde.1906-1996. Un século de Galicia”. Baixo este título recollese a obra coa que se puxo punto e final aos actos conmemorativos do primeiro centenario do nacemento dun dos persoeiros máis importantes da cultura galega. Trátase dunha extensa publicación que recolle, en galego e castelán, diversos textos elaborados no Congreso do pasado decembro.

 

martes 9 de outubro de 2007

Elaborado principalmente por profesores da Universidade

Reflexións, investigacións e análises levadas a cabo por membros da Universidade e colaboradores de outras entidades, acaban de saír publicadas no Anuario de Dereito 2006.
No seu interior conta con máis de trinta achegas que afondan nos retos máis actuais do ordenamento xurídico co fin de contribuír ao seu debate.
En total, conforman 647 páxinas, que supoñen ademais unha vía excepcional para difundir os traballos que moitas ves restan nos caixóns dos despachos.

martes 25 de setembro de 2007

O profesor Pedro Pablo Gutiérrez afonda na historia da radio en Vigo

Trinta anos de percorrido pola historia das ondas na cidade de Vigo centran o último traballo do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Pedro Pablo Gutiérrez.
Baixo o título “Historia da Radio en Vigo: 1920-1950”, o docente recolle os resultados dunha investigación que iniciou no seu traballo de doutoramento: “un profesor da Complutense suxeriume a idea, e foi así como comecei a mergullar nas orixes deste medio”, apunta Gutiérrez.

Primeira | Anterior

37 de 37

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal