Deportes

martes 10 de abril de 2018

Será o 14 de abril e o prazo de inscrición remata este xoves

En 'marcha nórdica' polo campus

Este deporte ten beneficios como o alivio de dores cervicais ou a mellora da postura corporal

Demostración de exercicios da marcha nórdica

Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, o Club Peña Trevinca e a Nordic Walking Vigo, o campus de Vigo acollerá o vindeiro sábado 14 de abril, unha xornada de marcha nórdica, un deporte que incorpora o uso activo duns bastóns específicos á forma natural de camiñar para, así, impulsar o corpo cara adiante. Os membros da comunidade universitaria dispoñen ata este mércores 11 de abril para inscribirse na páxina web da Área de Benestar, Saúde e Deporte.

luns 9 de abril de 2018

O equipo universitario derrotou por 1-5 ao Círculo das Artes de Lugo

O EXP-UVigo segue a estela do líder grazas á súa quinta vitoria consecutiva

A falta de tres xornadas, atópanse a dous puntos do líder da División de Horna, o USC

O equipo universitario logrou en Lugo unha nova vitoria a domicilio

Tralo parón da Semana Santa, que levou a varios dos seus integrantes aos campos de refuxiados sirios en Xordania, no marco do proxecto Chess Strategy for Peace, o Escola de Xarez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia Pola Paz retomou esta fin de semana a competición autonómica mantendo a súa boa liña como equipo visitante. O equipo universitario, o que máis puntos suma fóra da súa casa nesta competición, superou por 1-5 no seu campo ao Círculo das Artes de Lugo, o que lle permite manterse a dous puntos do líder da competición, o equipo da USC.

luns 9 de abril de 2018

A medalla regresa a Vigo nas mans de Laura Valverde e Alejandro Rivadulla

Bronce en parellas mixtas no Campionato de España Universitario de Bádminton

Esta fin de semana iniciouse tamén o Campionato Galego de tenis por equipos

Laura Valverde e Alejandro Rivadulla co seu bronce

O campionatos de España universitarios seguen achegando alegrías e satisfaccións para os equipos vigueses. Tras os dous ouros en Orientación hai unha semana, agora o palmarés da Universidade de Vigo suma un bronce en bádminton na modalidade de dobres mixtos. Nesta fin de semana tamén arrancou o Campionato Galego de Tenis absoluto por equipos con vitoria feminina para a Universidade e a proclamación do Kaleido Universidade de Vigo RC Sub14 comocampión da Liga Galega.

xoves 5 de abril de 2018

Promovido pola Federación Galega coa colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte

O campus acolle un curso gratuíto de iniciación á arbitraxe no baloncesto

Desenvolverase a vindeira semana e o prazo de inscrición permanece aberto ata este domingo

Partido de baloncesto no Pavillón Universitario, onde terá lugar a formación práctica do curso

No marco da colaboración entre a Federación Galega de Baloncesto e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, o campus de Pontevedra acollerá a vindeira semana un curso gratuíto de iniciación de árbitros e oficiais de mesa, integrado por oito horas de formación teórica e dúas de carácter práctico. Aberto tanto á comunidade universitaria como a calquera persoa interesada, a inscrición no curso que se vai desenvolver na Casa das Campás e no Pavillón Universitario poderá realizarse ata este domingo a través do correo arbitrosarousa@fegaba.com.

martes 3 de abril de 2018

Begoña Crespo e Brais Piñeiro acadaron sendos primeiros postos

O equipo de Orientación consegue dous ouros no campionato de España

A cita reuniu no concello leonés de La Robla 1400 participantes de todo o territorio nacional

Begoña Crespo no podio acompañada doutras corredoras

“Tremendamente satisfeitos e moi, moi contentos”. Así se amosaron á súa chegada a Vigo as corredoras e corredores do equipo de Orientación da Universidade de Vigo tras participar no campionato de España celebrado esta fin de semana no concello leonés de La Robla e no que os vigueses Begoña Crespo e Brais Piñeiro conseguiron sendas medallas de ouro, un resultado nunca antes acadado polo equipo vigués nunha cita destas características. Campioa de España en relevos por comunidades, Begoña Crespo, ligada ao equipo universitario vigués desde os seus inicios, conseguiu tamén outros dous cuartos postos na categoría F-50: un en distancia media e outro en sprint. No caso de Brais Piñeiro foi o primeiro clasificado en sprint o que o converte en campión de España na categoría M-21A.

luns 2 de abril de 2018

A décima andaina universitaria deste curso celebrarase o 7 de abril

O Parque Natural de Corrubedo será o próximo destino das rutas culturais

As persoas inscritas terán a oportunidade de coñecer a duna móbil máis grande de Galicia

A décima andaina universitaria deste curso celebrarase o 7 de abril

A décima ruta cultural deste curso, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, percorrerá o sábado 7 de abril a contorna do Parque Natural de Corrubedo, un "lugar único que conserva a duna móbil máis grande de Galicia". Será unha andaina de dificultade baixa e case 18 quilómetros de percorrido coa que os roteiros universitario afastaranse nesta ocasión da montaña e das zonas interiores para comezar, aproveitando a primavera, a coñecer diferentes enclaves da costa galega.  

venres 23 de marzo de 2018

A competición celebrarase o sábado 24 de marzo a partir das 18.00 h

O VII Trofeo de Atletismo Club Deportivo Aurum traerá ao campus “aos mellores velocistas de Galicia”

Están inscritos arredor de 300 deportistas

Mario Guede, Virxilio Rodríguez e Eladio Gómez presentaron este venres a competición

Este sábado, 24 de marzo, as pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán unha nova competición deportiva. Será o VII Trofeo de Atletismo Club Deportivo Aurum, que contará coa participación de 300 inscritos, entre eles “os mellores velocistas de Galicia”, segundo indica a organización. O certame, que comezará ás 18.00 h e que ten entrada libre, premiará ao mellor atleta masculino e feminino da competición. Durante a presentación, o club entregou unha distinción a Virxilio Rodríguez pola súa colaboración.  

luns 19 de marzo de 2018

Os xogadores de David Monreal acadaron na casa un marcador de 41-37

O equipo de rugby gaña ao Bathco na penúltima xornada de liga

En baloncesto a categoría feminina segue sumando vitorias

Os xogadores de David  Monreal acadaron na casa un marcador de 41-37

A piques de rematar a competición, o equipo de rugby do campus de Ourense volveu esta fin de semana a amosar a súa fortaleza cando xoga na casa. Os xogadores de David Morneal gañaron ao Bathco Rugby Club nun disputado encontro no que os ourensáns se enfrontaron aos segundos clasificados na táboa. Nas demais modalidades deportivas, os representantes do campus de Ourense acadaron desiguais resultados, destacando unha nova vitoria das xogadoras de baloncesto.  

luns 19 de marzo de 2018

Tras gañar ao Círculo Chantadino ascende á segunda posición na clasificación da Liga Galega

Cuarta vitoria consecutiva do EXP-Universidade de Vigo

O equipo universitario depende xa de si mesmo para tentar revalidar o título

Miguel Senlle e Alberto Portela, á dereita, medíronse aos grandes mestres Strikovic e Petkov

O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz continúa escalando postos na clasificación da Liga Galega e, tras un mal inicio da tempada, atópase xa na segunda posición da clasificación. O equipo universitario sumou esta fin de semana a súa cuarta vitoria consecutiva, superando por 4 a 2 ao Círculo Chantadno de Xadrez, situándose a dous puntos do líder da competición o USC, que nesta sétima xornada dobregaba por un claro 4,5-1,5 ao Xadrez Ourense. Tras sete xornadas, o equipo pontevedrés depende de si mesmo para tentar revalidar o título autonómico 

xoves 15 de marzo de 2018

A cita celebrouse este xoves na piscina do campus

Os Campionatos Galegos Universitarios de Natación contaron con medio centenar de participantes

A gañadora por equipos foi a Universidade de Santiago de Compostela

A cita celebrouse este xoves na piscina do campus

A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo foi a encargada este ano de organizar no campus de Ourense a celebración dos Campionatos Galegos Universitarios de Natación. A cita, que tivo lugar este xoves na piscina do campus de Ourense CDU AQA Ourense, contou coa participación de medio centenar de deportistas federados das tres universidades galegas acompañados por técnicos e técnicas dos seus respectivos servizos de deportes. Por equipos, resultou gañadora a Universidade de Santiago de Compostela.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal