Cultura

venres 13 de abril de 2018

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense desenvolverase ata o 28 de abril

A Aula Rosaura arranca “sen pés nin cabeza” unha nova edición da Miteu

O campus participa a través do financiamento do certame e da actuación das aulas de teatro e danza universitarias

Debido ás condicións climáticas, a obra arrancou nos Xardíns Padre Feijóo pero continuou no interior do Liceo

“A nosa sombra acompáñanos, sabe de nós e móvese en sixilo, en perfecta sincronía. No espello: brazos e cabeza, pernas e tronco reflicten seres incompletos froito da desconexión coa contorna, cos outros, co futuro incerto. Quizais sexamos manequíns en perfecta desorde. Onde está o meu pé, onde a miña cabeza?”. Con este argumento e baixo o título Sen pés nin cabeza, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura arrancou este xoves a programación dunha nova edición, a 23, da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. 

xoves 12 de abril de 2018

A delegación de alumnado promove diferentes actividades no centro con motivo do San Leandro

Coloquios, música e lembranzas no día do patrón da EE Forestal

A escola acolleu tamén un acto de homenaxe ao persoal da institución académica falecido

Actuación do grupo de música tradicional do campus

Dous coloquios que daban continuidade á celebración, entre luns e mércores, da Semana Forestal, sumados á vertente lúdica que supoñen os diferentes concertos ou un campionato de futbolín combínanse nesta xornada na Escola de Enxeñaría Forestal. O centro celebra este xoves o día do seu patrón, San Leandro, con diferentes actividades promovidas pola súa delegación de estudantes, complementadas á súa vez co acto de homenaxe ao persoal da institución académica falecido que cada ano promove nesta data persoal do centro. 

xoves 12 de abril de 2018

A Sala X acolle deste este xoves a exposición ‘Power, corruption & lies’ de Luis San Sebastián

Apropiándose de arte e música para falar de política

Un disco de New Order serviu de punto de partida a un proxecto estreado en outubro no campus de Ourense

A Sala X acolle deste este xoves a exposición ‘Power, corruption & lies’ de Luis San Sebastián

Power, corruption & lies é o título do disco publicado pola banda británica New Order en 1983, un ano antes que tivese lugar en Inglaterra a chamaba batalla de Orgreave, un conflito sindical mineiro que foi posteriormente retratado nun filme de Jeremy Deller. Partindo destes dous elementos e valéndose da técnica do apropiacionismo, o uso da obra doutros artistas para desenvolver novas obras, o artista Luis San Sebastián deu forma á exposición Power, corruption & lies, poder, corrupción e mentiras, que poderá visitarse na Sala X ata o 17 de maio.

mércores 11 de abril de 2018

Escrita e dirixida por Roberto Salgueiro, a obra foi representada pola Aula de Teatro da USC

'Pasar por Nida' para coñecer o mar Báltico

A actuación forma parte da programación teatral da Miteu 2018 para o campus de Vigo

O elenco da obra está formado polas actrices Lara Pouso, Carmen Tomás, Icía Rodríguez, Mar Pérez e Noa Fernández

Unha muller dun país nórdico decide emprender unha longa viaxe atravesando o seu país dun extremo a outro para coñecer o mar Báltico. Esta é a historia que este martes cinco actrices da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela levaron ao Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. Escrita e dirixida por Roberto Salgueiro e estreada en novembro, Pasar por Nida insírese no programa de actuacións que a Mostra Internacional de Teatro Universitario –Miteu– ten previstas para o segundo cuadrimestre no campus de Vigo.

martes 10 de abril de 2018

Celebrarase o venres 13 de abril no Centro Cultural Camões en Vigo

A historia do feminismo da península ibérica centra un coloquio internacional organizado pola Cátedra Saramago

Co gallo da publicación do libro 'A New History of Iberian Feminisms' de S. Bermúdez e R. Johnson

Cartel do coloquio internacional

“Saramago sempre defendeu a importancia das mulleres na historia, sempre alertou contra o silenciamento ao que a ‘historia dos vencedores’ e o patriarcalismo histórico as abocara. As figuras femininas das súas novelas sempre son máis fortes e auténticas do que os masculinos”. Estas son dúas das razóns polas que, segundo o seu presidente, Burghard Baltrusch, a Cátedra José Saramago implícase cos estudos de xénero e proba deste compromiso é a celebración o vindeiro venres 13 de abril, no Centro Cultural Camões en Vigo, do coloquio internacional Uma nova história dos feminismos ibéricos.

venres 6 de abril de 2018

A profesora Ana Acuña deseñou xunto a Fina Casalderrey unha ruta dedicada a esta escritora

Un percorrido por Pontevedra tralas pegadas de María Victoria Moreno

A camiñada recóllese nunha publicación presentada este venres polo Concello e ilustrada por Ana Seoane

Acuña, Seoane, Oubiña, Casalderrey e Rivas, durante a presentación desta publicación

Natural na provincia de Cáceres, a escritora homenaxeada neste 2018 no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, chegou en 1963 a Pontevedra, cidade que se converteu nun elemento fundamental da súa paisaxe vital e na que foi tamén testemuña das diversas transformacións que viviu ao longo das décadas. Deste xeito, os lugares que formaron parte da súa vida reúnense na camiñada con María Victoria Moreno, promovida pola Concellería de Normalización Lingüística e articulada pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña xunto coa escritora Fina Casalderrey.

 

venres 6 de abril de 2018

Alumnado de Belas Artes protagoniza unha exposición de retratos de escritoras e personaxes literarios

Mulleres que contan e mulleres de conto para o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Ilustradores mexicanos participantes no salón impartirán unha serie de talleres na facultade

Alumnado de Belas Artes protagoniza unha exposición de retratos de escritoras e personaxes literarios

Mulleres de conto é o título da XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que na tarde deste venres se inaugura no Pazo da Cultura e que un ano máis suma ás súas propostas unha exposición de traballos realizados polo alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes. Os traballos de once alumnas e alumnos recóllense neste evento na exposición MI (Máster Ilustra) Mulleres Enc@ntadas. Gabinete de Retratos Particulares, á que achegan unha serie de ilustracións tanto de escritoras como de protagonistas femininas de diferentes obras literarias.

venres 6 de abril de 2018

Coparon as prazas do obradoiro ‘Introdución á Cultura Exipcia II: Cultura, Arte e Literatura’

O alumnado do Programa de Maiores déixase seducir polos misterios do Antigo Exipto

Impartido pola investigadora Eugenia Muñoz na EU de Estudos Empresariais

Foto de grupo do alumnado do obradoiro

A cultura do val do Nilo, chea de misterios, sempre chamou a atención de todos os públicos e semella que o fai especialmente do alumnado do Programa de Maiores da Universidade de Vigo que, un curso máis, copou as prazas do obradoiro de Extensión Universitaria Introdución á Cultura Exipcia II: Cultura, Arte e Literatura que se imparte na Escola de Estudos Empresariais. A estas alturas do curso, as algo máis de vinte persoas que asisten ao obradoiro xa tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto algúns dos segredos mellor gardados desta cultura.

xoves 5 de abril de 2018

Este cuadrimestre un dos obradoiros afonda na realización audiovisual

Aprendendo a facer un filme da man de Simone Saibene

O obxectivo é acadar tres ou catro obras para a súa distribución en festivais

Este cuadrimestre un dos obradoiros afonda na realización audiovisual

Entre os obradoiros que se imparten este segundo cuadrimestre no campus de Ourense está Facer un filme II: Realización. Se na primeira edición o seu obxectivo foi ofrecer unha introdución xeral a este tema, agora o alumnado, da man do cineasta Simone Saibene, afronta o reto de desenvolver as súas propias creacións. “A intención é chegar ao mes de xuño con tres ou catro obras e empezar con elas unha distribución en festivais internacionais”, adianta este produtor. 

xoves 5 de abril de 2018

A Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, puxo en escena 'As ondas das pedras no río'

Disección das relacións persoais e afondamento no presente, sobre o escenario da Miteu

O amor maternal, o prohibido ou a infancia son algúns dos temas da obra

Representación da obra 'As ondas das pedras no río' no teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria

Co río como símbolo de esperanza de vida e como morte axexante en medio dun mundo cheo de personaxes en conflito, a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, representou este mércores no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria a obra As ondas das pedras no río. Inspirada no libro O deus das pequenas cousas da escritora india Arundhati Roy, a obra afonda no presente e na disección das relacións persoais a través dun grupo de personaxes.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal