luns 18 de decembro de 2017

Coordinado polo profesor Alexandre Rodríguez, céntrase en lingüística histórica e dialectoloxía

Un libro compila 14 traballos de especialistas que ofrecen as coordenadas clave sobre o cambio lingüístico

Os artigos son “proba do elevado nivel que estas dúas disciplinas alcanzaron na filoloxía galega do século XXI”

M. Del Río | Vigo

14 especialistas e 14 traballos que ofrecen as coordenadas para comprender o cambio lingüístico compilados nun libro. Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade e coordinado polo profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Alexandre Rodríguez, este volume recolle estudos de investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Coruña, así como do Instituto de Estudos Miñoranos, centrados en lingüística histórica e dialectoloxía, que segundo destaca o propio coordinador, “son a mellor proba do elevado nivel que estas dúas disciplinas alcanzaron na filoloxía galega do século XXI”.

Trátase dunha publicación que, alén de reflexións xerais sobre o cambio lingüístico, a xeolingüística e a historia das linguas, ou verbo da ecdótica e a dialectoloxía, “estuda exemplos concretos de cambios lingüísticos nos diferentes niveis: fonético, morfolóxico -o máis desenvolvido-, sintáctico e léxico”. As linguas obxecto de estudo, como detalla Rodríguez, “son galego e portugués, aínda que nalgunha investigación tamén se analizan outras linguas románicas”.
O docente explica que esta compilación ten a súa xénese nos Coloquios de lingüística histórica que de xeito consecutivo se foron celebrando na Universidade de Santiago de Compostela (no 2013), na da Coruña (no 2014) e na Universidade de Vigo (no 2015), tendo lugar en 2016 na Universidad de Extremadura. “A cantidade e calidade das investigacións desenvolvidas polos participantes fixo obrigatorio que se recollesen nun libro”, explica. Ademais, engade que “é o noso desexo que este libro sirva tamén como homenaxe, non só aos precursores sobranceiros como Frei Martin Sarmiento ou Vicente García de Diego, senón tamén a todos os que ao longo destas décadas posibilitaron o extraordinario avance no coñecemento destas disciplinas, dende unha óptica esencialmente galega”.

Traballos que son referentes neste eido

Os traballos que se recollen neste libro son froito dunha encarga previa, como relata o profesor Alexandre Rodríguez, xa que a cada autor se lle solicitou a elaboración dunha investigación nun terreo do que eran consumados especialistas. “Foi un xeito de conseguir que todos os capítulos do libro estivesen interrelacionados entre si a través dos dous grandes eixos vertebradores do volume: a lingüística histórica e a dialectoloxía”. De feito, destaca que todos os traballos superaron con nota unha rigorosa avaliación co método de dobre cego e remarca a “calidade dos estudos, a enorme calidade profesional dos autores, expertos de prestixio internacional nas súas respectivas áreas de traballo e o seu compromiso e xenerosidade persoal á hora de cumprir con todas as miñas peticións como editor”. Neste sentido, pon en valor tamén “non só a rigorosidade científica na elaboración dos capítulos e que, ao seren produto da investigación, fornecen coñecementos descoñecidos ata o de agora, senón tamén a afouteza que agroma aquí e acolá á hora de seleccionar algúns dos temas ou no momento de reflectir conclusións”. Como exemplos concretos destaca o docente “dende o traballo inicial, que remove os alicerces do que (non) debe de ser na actualidade a lingüística histórica, pasando polos esforzos por tentar obter información de natureza diatópica en textos medievais ou oitocentistas, continuando pola formulación dunha hipótese válida para clarexar a deriva actual nos alomorfos do diminutivo, ou de diversos cambios no eido da morfoloxía verbal galega, ata chegar a contribucións de raizame máis filolóxico con novas descubertas e a traballos sobre léxico, ben dende a perspectiva motivacional, ben dende a perspectiva dunha forma tan polémica como pulpo en galego”. Alén diso, cómpre subliñar o importante esforzo editorial que se fixo á hora de incluír ducias de mapas dialectais e información gráfica, “unha constante no libro, un bo complemento para entender mellor todas as explicacións e que volven moito máis agradable a lectura da obra”.

Cinco grandes capítulos

As catorce contribucións do libro estrutúranse arredor de cinco grandes pólas. A primeira é un capítulo introdutorio conformado por dous traballos: no primeiro deles Xosé Luis Regueira reflexiona sobre a propia razón de ser da lingüística histórica, do seu pasado, presente e futuro, e, no segundo, Xulio Sousa estuda as investigacións xeolectais máis modernas, con mapas de distintas sincronías ou mapas multidimensionais.

O capítulo II céntrase no cambio fonético, sintáctico e escriptolóxico, grazas a tres traballos. No primeiro, de Xosé Henrique Costas, analízase a repercusión que a existencia dun trazo fonético e outro sintáctico no valego actual ten á hora de explicar mellor a evolución histórica da lingua dende a fase medieval. No segundo, Eduardo Moscoso investigou se dos instrumentos galegos medievais se pode extraer información fonética relevante que permita elaborar mapas dialectais, mentres no terceiro, Xulián Maure salientou a importancia dun bo coñecemento da escriptoloxía medieval para podermos argumentar as escollas gráficas galegas actuais.

O terceiro capítulo, centrado na morfoloxía, é, con cinco traballos, o máis amplo. Rosario Álvarez examina os alomorfos do diminutivo en galego e portugués e desenvolve unha hipótese explicativa para xustificar a distribución das variantes actuais así como apuntar a dirección do cambio lingüístico. Francisco Fernández Rei reflexiona sobre o sistema verbal galego presente no Atlas Lingüístico Galego e as principais repercusións que a distribución diatópica posúe no proceso de estandarización e Manuel Ferreiro céntrase na variación medieval das formas verbais de pretérito dos verbos aver, fazer, põer e querer. Ramón Mariño, pola súa banda, explica todos os cambios que levaron na P5 dos imperativos do latín ó galego actual e, por último, Aquilino Alonso céntrase nas formas con nasal na P5 en galego e analiza as distintas posibilidades explicativas da xeración desta consoante nasal.

O capítulo cuarto conta con dous traballos dedicados ó léxico. No primeiro, Manuel González estuda, organizadamente e dende a perspectiva motivacional, as denominacións románicas da Centaurea cyanus, mentres que no segundo, Xavier Varela cuestiona razoadamente a interpretación da parella polbo/pulpo en termos de forma propia/espuria e ofrece un completo mapa da distribución actual e un resumo da situación medieval. O último capítulo engade a vertente da edición textual a través de dous traballos: no primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei avalía as posibilidades de obter información dialectal de dúas compilacións de cántigas galegas do século XIX, e no segundo, José Antonio Souto Cabo despois da análise dun códice portugués de finais do século XV (A crónica dos ministros gerais da Ordem dos Fraires Menores) conclúe que debeu de existir un antígrafo galego elaborado na Coruña en 1465.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal