mércores 11 de outubro de 2017

María López edita unha publicación sobre a instauración da monarquía borbónica

Once visións sobre a historia do reinado de Felipe V en Galicia

A obra culmina un proxecto de investigación sobre o poder no Antigo Réxime

Rosa Tedín | Ourense


Galicia y la instauración de la monarquía borbónica. Poder, élites y dinámica política. Con este título preséntase unha publicación, coordinada desde a Facultade de Historia do campus de Ourense pola profesora titular de Historia Moderna María López, que recolle as achegas dun nutrido grupo de especialistas de diferentes disciplinas e universidades co obxectivo de botar luz sobre a historia do antigo Réxime en Galicia. Concretamente, no libro analízanse as consecuencias que tivo a chegada ao trono no ano 1700 do primeiro rei da casa dos Borbóns, Felipe V, que se mantivo no poder durante 45 anos, converténdose no reinado máis prolongado na historia de España.

A publicación, editada por Sílex, explica María López, supón a culminación do proxecto de I+D Galicia e a instauración dos Borbóns: poder e dinámica política, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e liderado polo equipo de investigación en Historia Moderna da Universidade de Vigo. O principal obxectivo deste proxecto, lembra a súa responsable, foi fomentar a análise comparada e o debate arredor do impacto e das implicacións que tiveron a instauración da monarquía borbónica e a súa política reformista para o reino de Galicia, os poderes e as institucións nel asentadas, ademais de difundir os resultados das investigacións efectuadas nese eido nas diferentes universidades galegas. Este achegamento, recalca María López, lévase a cabo non só desde distintos ámbitos de análise, “algúns deles apenas explorados ata o de agora”, senón a través de diversas metodoloxías e formas de observar o proceso e aos seus protagonistas, acordes coas respectivas liñas de traballo dos seus autores.

Dos foros ás intendencias

Esta aproximación á realidade do século XVIII corre a cargo dun panel de expertos e expertas entre os que se atopan Manuel María de Artaza, María del Carmen Saavedra, José Manuel Vázquez, Eduardo Cebreiros, Pegerto Saavedra, Ofelia Rey, María Seijas, Antonio Presedo, Laura Rodicio e José Manuel González, ademais da propia María López. A obra articúlase arredor de dúas partes. A primeira leva por título Poder, instituciones y dinámicas, recolle textos sobre algúns dos efectos que tivo a implementación desta monarquía en Galicia desde o punto de vista político-militar e institucional así como as dinámicas que o seu reformismo xerou. Deste xeito, nas súas páxinas abórdanse temas como o cambio institucional que chegou con Felipe V a Galicia, as consecuencias na organización militar e a intendencia, o proxecto do arsenal da Graña, o papel dos correxidores, o conflito foral e a conflitividade pola temporalidade dos foros. A segunda parte, titulada Élites eclesiásticas, oligarquías y poder municipal, céntrase na análise dos actores deste proceso histórico e a súa capacidade de acción e xestión á fronte das respectivas institucións e aborda aspectos tales como o episcopado galego, o cabido catedralicio de Santiago, as elites no Concello de Ourense, a facenda local ourensá e o goberno de Baiona trala instauración borbónica.

Os textos de Galicia y la instauración de la monarquía borbónica, destaca a súa coordinadora, “aproxímanos á realidade política, social e institucional do reino de Galicia no transcurso da chegada ao poder e primeiras etapas da nova dinastía, os cambios e as continuidades acontecidas, así como os encontros, desencontros e vicisitudes que o seu goberno suscitou. Todo isto sen esquecer aos actores deste proceso histórico e o seu comportamento na nova conxuntura”. O resultado, recalca María López, “é unha obra de sumo interese que non só arroxa luz sobre un baleiro da historia de Galicia senón que tamén enriquece o panorama historiográfico nacional”. Os novos elementos de reflexión, achegas e interpretacións que nel se atopan, engade por último, “poden resultar útiles para o debate xeral sobre a modernidade e innovacións que trouxo consigo o réxime borbónico no proceso de construción do estado”.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal