mércores 20 de setembro de 2017

Presentou na Facultade de Filoloxía e Tradución o libro ‘Ser Modou Modou’

Cheikh Fayé narra ‘en galego’ a realidade dos inmigrantes africanos que viven en Europa

O salón de graos do centro quedou pequeno para acoller a todas as persoas interesadas en escoitalo

D. Besadío | Vigo


Día a día, como pequenas pingueiras que non deixan de caer, chegan á sociedade española noticias sobre os miles de inmigrantes que cada ano poñen as súas vidas en risco para chegar a Europa, pero poucas veces se ten a ocasión de escoitar en primeira persoa a historia particular dalgún deles: o porqué da súa fuxida, as penurias da viaxe, as principais dificultades da chegada, o proceso de integración... A comunidade universitaria tivo hoxe a oportunidade de facelo da man de Cheikh Fayé, un senegalés que leva 14 anos en Galicia e que acaba de publicar o libro Ser Modou Modou, unha obra escrita en galego na que dá conta de como é a vida dos inmigrantes africanos en Europa, a morriña pola súa terra e a loita diaria por gañar un salario que lles permita manterse, a eles mesmos e a familia que quedou lonxe. A presentación tivo lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, espazo que quedou pequeno para acoller a todo o público interesado en escoitar a súa historia.

Editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o libro de Fayé vai debullando ao longo de preto de 150 páxinas a súa realidade diaria e, con ela, a do resto de compatriotas africanos afincados en Galicia. Tal e como sinala María Xosé Bravo no prólogo da obra: "Estes textos que se presentan aquí son, nestes tempos de valados e fronteiras, un espazo libre, un xeito de diálogo con espírito aberto de reflexión crítica; unha visión sobre Galiza dunha persoa nacida a miles de quilómetros na África atlántica. Haberá outras moitas visións sobre Galiza, sen dúbida, máis esta ten mirada limpa, inocente, amable mais tamén crítica, cando cómpre, sobre o noso país e as súas xentes".

Profesor de ensino secundario en Senegal, a falta de oportunidades nun país no que o 80% da poboación malvive da agricultura empuxouno a emigrar, a buscar un futuro para el e a súa familia, “unha historia que os galegos coñecedes ben”, recalcou Fayé, ao tempo que fixo fincapé en que “con este libro só pretendo axudar a identificarnos mellor porque nel amoso diferentes aspectos da cultura senegalesa que, penso, poden ser útiles para incrementar o coñecemento mutuo de ambos pobos”.

Relatando o “difícil camiño da integración”

Instalado na Coruña, a onde chegou porque tiña un curmá vivindo alí, Fayé pasou por diferentes traballos e hoxe vive da venda ambulante. Neste difícil camiño da integración, no que non faltaron referencias ás dificultades lingüísticas iniciais, o escritor quixo tamén pór en valor “a solidariedade dos galegos cos emigrantes” pondo como exemplos diferentes historias que viviu en primeira persoa “e das que non podo esquecerme”. Entre outras pasaxes explicou como “unha vez en Corme, hai tres anos, unha señora, unha avoa, viume montar a tenda desde a súa xanela. Era moi cedo. Cando terminei, baixou ela co almorzo e díxome que traería a comida e a cea. Así foi durante os tres días da festa. Non me dixo o seu nome”. Agora, co libro xa publicado “tiven a oportunidade de volver alí e conseguir localizala para agradecerlle a súa hospitalidade e regalarlle un exemplar. Aurita, que así se chama, convidoume a un café e falamos, non quixo facerse unha foto comigo porque acababa de enviuvar pero quixo que saíse o seu neto, farmacéutico”.

Así, salpicando o seu relato con diferentes exemplos das historias vividas estes anos, Fayé, que estivo acompañado na presentación pola profesora Ana Bringas e o xornalista Erik Dobaño, abriu tamén un diálogo cos asistentes, que non dubidaron en preguntarlle a súa opinión sobre como é o pobo galego, as principais diferentes entre a xente maior, que viviu máis de preto a inmigración, e as novas xeracións; como lles afectou a chegada da crise económica ou as posibles solucións aos problemas migratorios da Unión Europea.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal