mércores 26 de xullo de 2017

As publicacións están destinadas a estudantes e a profesionais da organización industrial

Investigadores do GIO recollen en dous libros propostas de mellora da eficiencia do sistema loxístico

Un céntrase na xestión de produción e outro no deseño de envases e embalaxes

Inés Tornero | Vigo


Froito de anos de investigación e reflexión sobre a eficiencia da cadea de subministro, tamén denominada sistema loxístico, as e os investigadores do Grupo de Ingeniería de Organización (GIO) publican dous novos libros, que se centran principalmente na xestión de produción e no deseño de envases e embalaxes. O primeiro, escrito por Jesús G. Arca, Arturo J. Fernández e José Carlos Prado, titúlase Manual de gestión productiva e ten como principal obxectivo servir de manual básico para a adecuada xestión dos sistemas produtivos, incluíndo o deseño e a organización detallada dos seus procesos e todo isto nun contexto de mellora continua e Lean Management. O segundo manual, da man de Jesús G. Arca, A. Trinidad González-Portela e José Carlos Prado, titúlase La mejora en la eficiencia y sostenibilidad de la cadena de suministro mediante el diseño del envase y el embalaje e propón un novo enfoque, denominado Sustainable Packaging Logistics, que achega un modelo de deseño e xestión de envases e embalaxes cunha visión práctica na que se recolle a experiencia da e dos autores no ámbito investigador. Estas dúas publicacións están destinadas tanto a estudantes como a profesionais de empresas relacionadas coa organización industrial para que poidan acceder facilmente a uns contidos que normalmente aparecen en libros moi académicos ou centrados en aspectos concretos.

Manual de gestión productiva

Na actualidade, os mercados son cada vez máis competitivos e globais, polo que cómpre mellorar a eficiencia dos procesos desenvolvidos ao longo de todo o sistema loxístico e, concretamente, a xestión adecuada de determinados aspectos dos procesos produtivos. Así, “a xestión dos sistema produtivos trata de racionalizar o consumo e uso dos recursos empregados, procurando mellorar os estándares de custo, calidade e servizo”, explica José Carlos Prado, director do Grupo de Ingeniería de Organización e profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing. Da necesidade de presentar todos estes conceptos cunha visión integral de como se relacionan a xestión de producións, a xestión de stocks, o Lean Management, etc. xurdiu este manual, no que os conceptos “son presentados de forma sintética e amena, centrándose na parte conceptual e non tanto nas argumentacións matemáticas, todo cun enfoque aplicado baseado na experiencia dos autores neste campo” afirma Prado. O docente engade que “este libro servirá para refrescar conceptos, xa que achega unha visión integral do funcionamento dos sistemas produtivos, proporcionando contidos e metodoloxías para a súa mellora”.

A idea de Lean, con especial relevancia e impacto nos procesos loxísticos e nos procesos produtivos, persegue a mellora continua, na que cómpre identificar e eliminar as ineficiencias ou actividades que non engaden valor ao cliente, pero que, evidentemente, afectan negativamente aos custos, á calidade e ao servizo. O director do Grupo de Ingeniería de Organización explica que “entre estas actividades ou ineficiencias que conceptualmente non engaden valor ao cliente atópanse: os desprazamentos, as esperas, as inspeccións, a almacenaxe, os residuos e os consumos extra de materiais”.

La mejora en la eficiencia y sostenibilidad de la cadena de suministro mediante el diseño del envase y el embalaje

Moitas empresas descoñecen o impacto que teñen certas decisións de deseño de envases e embalaxe sobre a eficiencia e sustentabilidade global das cadeas de subministro, como son o deseño estético destas, os materiais empregados, as dimensións e o número de envases por embalaxe. Precisamente, esta publicación afonda na explicación da importancia do seu deseño máis aló do compoñente de protección do produto “tanto de forma conceptual como aplicada e con múltiples exemplos de actuacións de mellora do envasado e embalaxe froito de máis de 20 anos de experiencia da e dos autores nesta materia”, afirma Prado. Dada a actual competitividade e globalización das empresas e do sistema loxístico xunto cos novos retos da industria 4.0 e os mercados virtuais, “os envases e a embalaxe son elementos transversais que afectan, desde múltiples facetas, ás empresas e ás cadeas de subministro e, por tanto, poden contribuír á súa mellora”, explica o director do Grupo de Ingeniería de Organización.

O termo Sustainable Packaging Logistics recolle como formular un deseño integrado de produto, envases, embalaxe e sistema loxístico, que facilite a mellora da eficiencia e a sustentabilidade nos procesos de compra, aprovisionamento, produción, manipulación, almacenaxe e transporte ao longo da cadea de subministro, o que, como afirma Prado, “resulta na mellora de competitividade das empresas e das cadeas de subministro”.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal