venres 9 de febreiro de 2018

Segundo a tese de doutoramento do investigador da Universidade Diego Fernández

As plumas fluviais da península ibérica están reguladas polo caudal dos ríos e dirixidas polos ventos

No seu traballo analiza os principais factores que afectan a estas formacións

Rosa Tedín | Ourense

Unha pluma fluvial é unha rexión oceánica afectada pola descarga dun río, río que provoca que teña diferentes propiedades (salinidade, temperatura, composición e cor) respecto á auga oceánica que a rodea. Na súa tese de doutoramento, o físico Diego Fernández estudou as plumas formadas polos principais ríos da península ibérica, incluíndo o Miño, Douro, Teixo, Guadiana, Guadalquivir e Ebro. Entre as conclusións obtidas está que estas formacións están reguladas polo caudal dos ríos e dirixidas polos ventos.

A tese, que levou por título Characterization of the main iberian peninsula and french atlantic turbid plumes using Modis satellite data, foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo a dirección de María Teresa de Castro. O estudo é froito do traballo que Fernández Nóvoa realiza como investigador do Grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo. O desenvolvemento desta tese de doutoramento, sinala o investigador, supón “un avance na comprensión do comportamento e dinámica das principais plumas ibéricas, con especial atención ao efecto causado polos principais forzamentos que as afectan, que son a descarga fluvial, os ventos e a marea”.

Un papel relevante

Sobre a relevancia de levar a cabo este estudo, o investigador sinala como as plumas fluviais “desempeñan un papel clave na economía das comunidades locais ás que afectan, o cal unido aos efectos inducidos polo cambio climático e ao incremento da poboación nas rexións costeiras, fai que a comprensión e predición da dinámica das plumas, así como o coñecemento da súa resposta baixo certas condicións, sexa fundamental en termos científicos e socioeconómicos”. As plumas fluviais, detállase no seu estudo, “supoñen a maior fonte de transferencia de materiais terrestres ao océano, desenvolvendo un papel fundamental na ecoloxía e morfodinámica das zonas costeiras afectadas xa que son capaces de modular e influenciar as súas características xeolóxicas e bioxeoquímicas”.

Para avanzar no coñecemento neste eido, a tese baseouse na análise de datos proporcionados polo sensor Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer (Modis), a bordo dos satélites Aqua e Terra da Nasa, “que ofrece unha alta resolución espacial (ata 250 metros) e temporal (datos diarios), o que permite identificar con precisión a variabilidade das plumas”, segundo indica o investigador. Unha vez analizadas e comparadas entre si as principais plumas da península ibérica, o estudo ampliouse para estudar tamén as plumas máis importantes formadas na vertente atlántica da costa francesa, concretamente as plumas formadas polos ríos Loira e Gironda, que proporcionan máis do 75% da descarga total no golfo de Biscaia.

O impacto de diferentes factores

Entre as conclusións recollidas na investigación destaca que “o caudal dos ríos é o principal factor que afecta ás plumas estudadas, xa que a medida que este aumenta os ríos son capaces de arrastrar máis material, formando plumas máis extensas”. Con todo, sinala Diego Fernández, tamén teñen unha importancia destacada as características sedimentarias de cada conca. En termos xerais, indica o investigador, a pluma turbia media máis extensa da península ibérica fórmaa o río Ebro, alcanzando 1300 quilómetros cadrados, mentres que a menos extensa é a formada polo río Guadiana, con 100 quilómetros cadrados. O resto de plumas fluviais analizadas varían segundo este estudo entre os 200 quilómetros cadrados do Miño e os 1000 do Guadalquivir. “As plumas analizadas axústanse de forma inmediata, a escala diaria, ás variacións de caudal, excepto nos ríos precedidos por grandes estuarios, onde o tempo de residencia da auga nos mesmos fai que o desenvolvemento das plumas tarde entre dous (Teixo) e tres días (Guadalquivir) en responder a variacións de caudal”, apunta o investigador da Universidade de Vigo.

O vento, explica Diego Fernández, “é o forzamento secundario, capaz de modular a dinámica e desenvolvemento das plumas”. En liñas xerais, detalla, o vento que sopra cara á costa e o que provoca condicións de downwelling “tende a acumular e reter o material descargado polo río preto de costa, limitando a dilución en augas oceánicas e provocando maiores extensións e turbidez das plumas, potenciando as diferenzas coa auga oceánica”. No caso do vento soprando cara o océano e o favorable ao upwelling, engade, “tende a diluír o material no océano provocando unha diminución da intensidade das plumas formadas”. Ademais, puntualiza o investigador, as condicións rexionais poden afectar a este patrón xeral. “Por exemplo, no caso do río Texio a súa desembocadura está protexida dos ventos e a ondada por unha baía semipechada, polo que os seus efectos están amortecidos”, detalla.

A marea é tamén identificada nesta tese de doutoramento como “un forzamento secundario aínda que menos importante que o vento, e que só afecta ás plumas da vertente atlántica debido ao réxime micro-mareal do Mediterráneo”. As plumas, detalla Diego Fernández, alcanzan unha maior extensión cando a marea é baixa, xa que as condicións de marea alta restrinxen a saída de material cara o océano. “O ciclo quincenal de mareas vivas e mortas só ten influencia na pluma formada polo río Teixo, debido á forma e tamaño do estuario. As mareas vivas facilitan a saída de material do estuario favorecendo a formación e desenvolvemento da pluma”, comenta o físico.

Ríos Loira e Gironda

Polo que respecta á pluma fluvial formada polos ríos Loira e Gironda na costa francesa, a tese indica que “ten un efecto moi importante sobre a temperatura, debido ás diferenzas nas propiedades termohalinas que provoca con respecto á auga oceánica adxacente”. Este efecto, detállase, é especialmente destacable no inverno, cando as plumas son maiores. “Mentres a auga oceánica tivo unha tendencia a quentarse cun rango de ata 0,5 ºC por década nos meses de inverno, a presenza destas plumas é capaz de amortecer ese quecemento e mesmo revertelo, xa que a temperatura tendeu a reducirse -0,15 ºC por década durante os últimos 30 anos na zona da pluma fluvial, arrefriado que se incrementou na última década chegando a rangos de -0,5 ºC”, comenta Diego Fernández. Isto é debido, explica o investigador, “a que estas plumas son capaces de manter a auga altamente estratificada no inverno debido ás diferenzas de densidade causadas pola auga doce dos ríos”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal