martes 16 de xaneiro de 2018

Deseñado pola enxeñeira de Minas Carla Iglesias

Novo sistema de visión artificial capaz de clasificar as placas de lousa en función da súa calidade

Suporá importantes melloras para un sector industrial de grande importancia e tradición en Galicia

D. Besadío | Vigo

Os xacementos de lousa que predominan en Ourense e se estenden por Castela e León son de importancia mundial e fan que España sexa o principal produtor e exportador de lousa ornamental. Durante os últimos trinta anos, a evolución do sector foi constante e a día de hoxe a maior parte dos labores, tanto en mina como en nave, están mecanizados, todos salvo o labrado, selección e clasificación das placas, que se fan manualmente dende hai medio século. Ata o de agora non se dispoñía de ningunha tecnoloxía desenvolvida abondo como para poder levar a cabo estas tarefas de clasificación de xeito automático, algo ao que lle pon solución a tese de doutoramento da enxeñeira de Minas Carlas Iglesias, un traballo no que a investigadora describe un novo sistema de visión artificial e aprendizaxe automática capaz de analizar as placas e decidir a súa calidade comercial, froito do cal se obtivo o Modelo de utilidade ES-1093606_U Sistema para la caracterización de placas de pizarra.

Partindo dun primeiro prototipo desenvolvido en 2010, nesta ocasión fixéronse importantes melloras en canto á portabilidade e adaptabilidade desta nova tecnoloxía, todo isto cun sistema cuxo núcleo é unha cámara que recolle a información da cor, monocromo e superficial (3D) das placas, e un software que analiza as imaxes na procura dos defectos máis habituais e determinantes das placas de lousa: faltas de material, mal escuadrado, irregularidades superficiais e presenzcia de carbonatos e sulfuros. “Unha vez detectados os defectos o programa, previamente adestrado para que sexa quen de reproducir o criterio da persoa experta, decide a calidade comercial correspondente empregando técnicas matemáticas avanzadas”, explica a investigadora, quen fai fincapé na tradición e importancia do sector da lousa en España, un país líder na produción, elaboración e exportación deste tipo de material para tellados pola súa calidade e dispoñibilidade.

Principais vantaxes do novo sistema

As principais vantaxes deste sistema son a obxectividade coa que se analizan e clasifican as placas de lousa, a posibilidade de adaptar os parámetros de detección ás características dos distintos xacementos, e a adaptabilidade dos parámetros de asignación de calidade ás flutuacións do mercado, ademais das implicacións económicas derivadas da implantación deste sistema na liña de produción. “O impacto sería positivo para un sector industrial de tanta tradición e importancia na nosa comunidade e constituiría unha evolución nunha contorna cada vez máis esixente”, explica a autora da tese –dirixida polos profesores Javier Martínez e Javier Taboada-, ao tempo que recalca que, coma enxeñeira de minas, as evolucións técnicas e tecnolóxicas que poidan mellorar o aproveitamento dos tan necesarios recursos naturais “son moi interesantes”.

A aplicación de dous campos tan diferentes coma a visión por computador e as matemáticas avanzadas (técnicas de aprendizaxe automático) constituíu todo un reto para a investigadora, pero os resultados obtidos permítenlle afirmar que a incorporación deste sistema é posible e constituiría unha notable mellora para a industria e as persoas do sector da lousa. “Coa aplicación deste sistema as empresas terían os medios científicos e tecnolóxicos precisos para implantar nas súas naves unha liña automatizada continua para o corte, selección e embalaxe da lousa, mellorando así a súa competitividade”, recalca a investigadora, que fai tamén fincapé en todos os inconvenientes que trae consigo incorporar o factor humano no proceso de clasificación das placas (fatiga, subxectividade, perfís con formación específica) e o consecuente elevado custe.

“Para acadar unha xestión máis eficiente do proceso produtivo é precisa a automatización desta fase e para iso é ideal este sistema, xa que é obxectivo, rápido e fiable”, recalca a investigadora.

Apaixonada das matemáticas

Enxeñeira de minas e Máster Universitario en Tecnoloxía Medioambiental, a realización desta tese de doutoramento deulle á investigadora a oportunidade non só de dedicarse durante un tempo ao mundo da investigación, senón tamén “de exercer como docente e descubrir que é a senda pola que me gustaría seguir”. Por este motivo, o tramo final da súa tese, dirixida polos doutores Javier Martínez e Javier Taboada, compaxinouno coa realización do Máster para o profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas. Especialidade: Tecnoloxía e Matemáticas. ”Actualmente estou preparando as oposicións de secundaria da miña materia favorita: Matemáticas”, recalca Iglesias, quen recoñece que nunca pensara na posibilidade de ser profesora coma unha opción profesional real, simplemente, “xurdiu dun xeito natural durante o período de tese, que á súa vez está intimamente ligada ás matemáticas”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal