mércores 13 de decembro de 2017

Investigadores das universidades de Vigo e Minho avaliaron os seus efectos no emprego público

A crise provocou unha redución do persoal na administración central portuguesa, mais non na española

Nunha publicación, salientan entre os seus efectos un "cambio de modelo" que non se produciu en España

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Estados como España e Portugal situáronse entre os máis afectados, no marco da Unión Europa, por unha crise económica que tivo consecuencias directas sobre o emprego público, como analizaron os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Óscar Briones e Enrique Varela e o investigador da Universidade do Minho Joaquim Filipe de Araújo, que, nun capítulo do libro State, Institutions and Democracy, da editorial Springer, efectúan unha comparación dos seus efectos no persoal público das administracións centrais de España e Portugal. Efectos que, no período de 2008 a 2013, traducíronse no caso da administración lusa nunha redución do cadro de persoal de case 100.000 persoas, que non se produciu pola contra, na administración estatal española, que aumentou o seu persoal público en 9000 persoas neste período.

“Isto aconteceu porque os recortes situáronse nos servizos e nas políticas públicas con máis impacto, que están no ámbito das comunidades autónomas, que é onde impacta a crise en maior medida”, sinala Varela, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Segundo recollen no artigo Civil Service and the Crisis: A Comparative Analysis of Iberian Countries, que se insire nun libro coordinado polo investigador do Washington University Norman Schofield e o investigador da Universidade de Vigo Gonzalo Caballero, a administración estatal contaba en España con 561.000 traballadores e traballadoras no inicio da crise en 2008, cifra que cinco anos despois ascendera a preto de 570.000. Pola contra, as administracións autonómicas e locais pasan neste período de contar con 1.923.000 traballadores e traballadoras a dispor dun cadro de persoal de 1.857.000.

A diferenza, no estado das autonomías

“Aínda que España e Portugal contan cun modelo administrativo de tradición napoleónica, que ten o poder situado nun centro, en España iso cambiou co traspaso de competencias e o estado das autonomías”, sinala Varela, que incide nese senso na diferencia que esta situación supón respecto do país veciño, que, coa excepción dos gobernos autónomos de Azores e Madeira, só conta con niveis de administración estatal e local. Isto provoca tamén, sinala, que en 2008 ambos estados contasen cun número similar de empregados públicos nas súas administracións centrais, 561.000 no caso da española, e 532.000 no da portuguesa, “a pesares de que a poboación é catro veces maior”.

Cinco anos despois, Portugal reduciu o seu persoal a 419.000 traballadores e traballadoras mentres que en España o número de empregados públicos descendeu en preto de 80.000 persoas, mais esta redución non afectou ao goberno central. “Isto ten que ver coa orientación estratéxica do estado, pero sobre todo, coas directrices de Bruxelas”, apunta este investigador, que lembra que “Portugal estivo directamente intervida, coa troika traballando en Lisboa na implantación do plan de austeridade”, mentres que en España foi “a administración central a que obrigou a redución persoal ás comunidades autónomas”, a través de medidas como a taxa de reposición ou “recortando a súa capacidade de financiamento e endebedamento”, medidas que derivaron, engade, nun envellecemento no cadro de persoal público que motiva, á súa vez, accións como o recente anuncio por parte da Xunta de Galicia dunha oferta de emprego público con preto de 14.000 prazas. Nese senso, Varela engade que “aínda que se diga que España é o país máis descentralizado do mundo, iso é unha mentira clara, porque se o fose as comunidades terían que ter capacidade para xestionar os seus ingresos e gastos”, mais, no primeiro ámbito, sinala, os gobernos autonómicos “seguen dependendo nunha parte importante da administración central do Estado”.

Recortes e cambio de modelo

As crises, lembra Varela, “removen os cimentos, as bases sobre as que se asentan os grandes modelos de estado”, o que abrangue tamén á “política de persoal dunha grande administración”. De aí que subliñe que estes períodos poden ser utilizados polas administracións “non só para eliminar persoal, senón tamén para aproveitar esa ventá de oportunidade e introducir melloras no modelo”, algo que, ao seu xuízo, si se deu no caso da administración central lusa, pero non na española. “Portugal aproveita a oportunidade e introduce un modelo non radicalmente novo, pero que si mellora profesionalmente a carreira e a profesionalización dos seus empregados públicos”, defende o investigador, quen entende que, “a medio prazo”, estes cambios sitúan á administración “nun nivel superior en canto a produtividade, eficiencia e eficacia”. No caso de España, “o Estado cargou a responsabilidade sobre as comunidades autónomas”, sinala, e non promoveu “cambios estratéxicos que Portugal si fixo sobre un mesmo número de empregados na súa administración central”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal