xoves 9 de novembro de 2017

CC Xurídicas e do Traballo acolle hoxe e mañá unhas xornadas coa participación de destacados expertos

As zonas francas como elementos dinamizadores para a consecución de obxectivos de comercio internacional

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo analizou na sesión inaugural a estratexia Crecemento Azul

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Enfrontarse á competencia de zonas francas en países que non teñen as limitacións que se derivan do Dereito da Unión Europea e adaptar o seu funcionamento ás novas regras do Dereito aduaneiro. Estes son dous dos retos aos que as e os especialistas consideran que as zonas francas deben responder neste século, todo iso ademais, nun novo contexto internacional, no que as novas rutas marítimas, as autopistas do mar, o desenvolvemento de determinados países ou zonas e un novo contexto internacional, obrigan a atender a unha realidade cambiante. Co obxectivo de poñer de manifesto, a través da difusión do coñecemento, a influencia que as zonas francas en xeral e algunhas modalidades en particular, poden exercer como elemento dinamizador de zonas económicas necesitadas de estímulo para a consecución de obxectivos de comercio internacional, estes xoves e venres a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle as xornadas Zonas francas y comercio internacional, nas que tomarán parte destacadas e destacados expertos na materia, dos ámbitos nacional e internacional.

Na inauguración das sesións, a directora das xornadas, a catedrática da Área de Dereito Financeiro da Universidade de Vigo Ana María Pita, lembrou o interese da área nas temáticas relacionadas co porto e o mar. “Como área de coñecemento sempre tivemos a intención de dedicar o noso interese a estes focos importantes de actividade, que cristalizou nun primeiro proxecto sobre o porto e agora sobre comercio internacional e zona franca e continuamos co porto en particular” sinalou Pita, que destacou a importancia da loxística portuaria e todo o que a rodea, que asegurou, vai ser un tema de moita actualidade xurídica nos próximos anos, sobre todo como consecuencia e influencia do dereito da Unión Europea e en particular o novo regulamento sobre servizos portuarios.

Pola súa banda, o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, en representación do reitor, Salustiano Mato, defendeu a necesidade de apostar pola transversalidade e a interdisciplinariedade, como fai o campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo, interrelacionando ámbitos de traballo como as ciencias experimentais coas ciencias xurídicas, a economía ou a creatividade artística. “Temos que transferir, que o coñecemento que xeramos sexa útil á sociedade. Pero a universidade non é unha consultoría e por iso temos que traballar en profundidade, con calma para xerar novo coñecemento”, dixo Fernández, que destacou a posta en marcha do polo de innovación da ETEA, como un novo reto para a Universidade, no que animou a participar a representantes de todos os ámbitos, como o xurídico. O Porto de

Vigo, un exemplo a seguir na aplicación da estratexia Crecemento Azul

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, foi o primeiro en intervir nas xornadas cunha exposición na que detallou a xénese e desenvolvemento da estratexia Crecemento Azul, Blue Growth, unha iniciativa do porto vigués, na que colaboran diferentes institucións e organismos como a Universidade de Vigo, a través de Campus do Mar. “Converter o Porto de Vigo nun exemplo a seguir na aplicación da estratexia de crecemento azul é o noso obxectivo”, asegurou López Veiga, en relación coa aplicación desta estratexia a longo prazo, que apoia o crecemento sostible no conxunto dos sectores mariño e marítimo, con especial incidencia nos aspectos que son capaces de xerar unha actividade económica e social sostible e vigorosa. O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo destacou que Blue Growrth é un concepto moi aberto e que a propia dispersión de áreas focais, sinaladas pola Comisión Europea e que van da enerxía azul, a acuacultura, pasando polo turismo de cruceiros e a biotecnoloxía azul, “invita a que cada localidade xeradora de emprego faga o seu propio esforzo para identificar aquelas áreas e accións que poidan xerar emprego e crecemento económico de xeito sostible”.

López Veiga rematou a súa intervención referíndose aos fundamentos da aplicación do Crecemento Azul en Vigo, baseada en valores éticos, morais e políticos da UE e na aplicación estrita das normas relativas á competencia, ao tempo que incidiu na importancia da rápida creación dun órgano de gobernanza a nivel da Comisión que sexa quen de medir e monitorizar o proceso global de Crecemento Azul en toda a UE.

As sesións continuarán ata mañá a mediodía cando será clausuradas pola delegada do Estado da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal