mércores 8 de novembro de 2017

No proxecto participaron as docentes Cristina Varela, Itziar Ezquieta e Begoña Paz, do grupo Remoss

Investigadoras do campus deseñan un proxecto de humanización para as urxencias pediátricas do CHUS

A través de elementos iconográficos e pedagóxicos buscaron facer do espazo unha contorna amigable

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“No bosque de tesouros hai cantidade de cousas agochadas: unha palmeira tropical, un raio luminoso, un trevo da sorte, un planeta deshabitado, o arco da vella, un diamante...”. Así comeza o texto que desde esta semana preside un dos paneis instalados nas salas de agarda do servizo de urxencias pediátricas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), grazas ao proxecto de humanización artístico-pedagóxica desenvolvido por tres profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto coa asociación Paspallás. “O concepto de humanización abrangue que non só intervimos plasticamente o espazo, senón que se busca tamén de facilitar tanto o traballo do persoal do servizo como a estancia dos usuarios”, sinala a profesora da Área de Didáctica da Expresión Plástica e investigadora do grupo Remoss Cristina Varela, responsable xunto con Begoña Paz e Itziar Ezquieta dun proxecto que abrangueu a creación dunha iconografía que servise como “fío condutor” entre as diferentes estancias do servizo, así como o deseño de xogos e actividades para os nenos e nenas, “a partires de códigos e xogos relacionados coa práctica e a linguaxe visual, pero traballando tamén outras estratexias pedagóxicas”.

Froito dun contrato de investigación co grupo Remoss e Paspallás, enmarcado no proxecto de rehabilitación do servizo, o traballo das docentes da Área de Didáctica e Expresión Plástica parte, como sinala Varela, “dun traballo previo co persoal de urxencias, coa xerencia do hospital e coa arquitecta do proxecto”, ao que se suma a súa experiencia previa en proxectos de humanización de espazos hospitalarios. “Un servizo de urxencias ten moita afluencia de persoal con niveis moi diverxentes”, sinala Varela dunha iniciativa que, dadas as características do servizo, levounas a definir diferentes niveis de intervención, do rotulado das consultas e zonas de paso, á definición de diferentes recursos para as salas de agarda. “Basicamente, o primeiro que se buscaba era facer máis cómoda a xestión, pero tamén facer que os nenos estivesen máis relaxados, xa que cando chegan a unha sala de agarda están tensos, teñen medo, polo que axuda moito a xestionar o servizo que estean entretidos e nunha contorna amigable”, engade dunha iniciativa que partiu da definición dun “código moi contemporáneo, adecuados aos nenos”, que servise á súa vez como “o fío condutor dunha historia” que outorgase unha uniformidade ao servizo e que contribuíse tamén á propia xestión interna do mesmo.

Xogos e códigos de cores

Partindo da idea dos toyarts, xoguetes deseñados por artistas, estas tres docentes definiron unha galería de personaxes “relacionados tamén co mundo da animación, que teñen todos a mesma morfoloxía, non teñen un sexo definido, e case poderían ser intercambiables”, como un dos elementos centrais dunha proposta que concentra o seu maior número de recursos nas dúas salas de agarda, especialmente naquela na que, por seren pacientes de menor gravidade, os nenos e nenas poderían pasar un maior espazo de tempo. Murais nas súas paredes, nos que estes personaxes se integran “nunha paisaxe de xogos” protagonizada por “obxectos recorrentes na iconografía infantil, todo pensado cun fin didáctico e pedagóxico”. Arredor destes elementos articúlanse propostas como un xogo de imáns, que convida aos cativos e cativas a crear as súas propias personaxes, e outra serie de propostas, no caso da sala de agarda verde, como xogos en pintura que complementan uns espazos dotados de mobiliario e recursos adaptados aos cativos. De feito, esta iniciativa complétase co mobiliario adaptado a nenos e nenas e recursos pedagóxicos, como materiais de lectura ou de pintura para diferentes idades. O propósito desta iniciativa, recalca Varela, é que, “no caso dos pacientes de menor gravidade”, os nenos e nenas poidan permanecer nestes espazos “dunha maneira natural, cunhas rutinas que non os poñan tensos á vez que van adestrando diferentes capacidades a partires do xogo”.

Mais a busca de dotar dunha uniformidade ao servizo nunha “proposta global”, leva a que a intervención se estenda aos diferentes espazos, desde a súa propia porta de acceso á sala de triaxe, que rotularon cun ola de grandes dimensión co propósito de que os usuarios e usuarias saiban que é o punto no que deben dirixirse en primeiro termo. Do mesmo xeito, o rotulado de consultas e boxes ou sala de observación responde tamén a un código iconográfico e de cores, que parte do propio código empregado polo persoal do servizo, co propósito de “facilitar o labor con códigos visuais de recoñecemento inmediato”, complementado así mesmo cun rotulado adaptado para persoas con autismo en cada un destes espazos.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal