xoves 14 de decembro de 2017

Para que a comunidade universitaria o empregue como lugar de entrega das súas compras por internet

O campus estrea un Citypaq, punto de entrega de paquetería de Correos

Situado no centro comercial, permite a recollida de envíos no día e hora que elixa o usuario

Duvi | Vigo

Co auxe do comercio electrónico é cada vez máis habitual o envío de paquetería aos fogares e aos lugares de traballo. Pero cinguirse ao día e á hora de entrega que marca o servizo de mensaxería pode ser complicado polos quefaceres diarios. Ante isto, Correos apostou pola posta en marcha dos Citypaq, unha serie de puntos de entrega de paquetería que, dende este xoves, están tamén presentes no campus de Vigo. Trátase dun servizo para a entrega e recollida de paquetería, que permitirá que a comunidade universitaria reciba neste dispositivo os envíos das súas compras en liña no día e hora que elixan, sen necesidade de estar pendentes de horarios nin datas de entrega. Así o explicaban na presentación deste servizo, ubicado no centro comecial de Cidade Universitaria, a delegada comercial de Correos en Vigo, Laura Veleiro e o xefe de sector de Distribución de Correos en Vigo, José Rivero, acompañados polo vicerreitor de Economía, José Manuel García.

Este servizo automático de entrega de paquetería é de balde e require que a persoa usuaria se dea de alta na web www.citypaq.es ou na aplicación móvil. Deste xeito, cando se realizan as compras en liña en calquera tenda ou plataforma, débese seleccionar o caixeiro que se elixa e indícalo como dirección de entrega, no canto dunha dirección postal tradicional. Correos levará os paquetes ao Citypaq indicado para esa compra e, unha vez completado o proceso, os clientes recibirán no móbil ou por correo electrónico unha mensaxe co código de recollida, que deben teclar no terminal e que permite a apertura do caixón asignado. O usuario dispón dun prazo de tres días dende a recepción do código para recoller o envío cando o considere oportuno.

Os buzóns de recollida son diferentes segundo o lugar no que se colocan e o previsible volumen de uso, e están formados por compartimentos de diferentes tamaños, para paquetes de volumes diversos. Os representantes de Correos explicaban que se trata dun servizo “cómodo e seguro” e recalcaban que se pode empregar sexa cal sexa a empresa de mensaxería que se encargue do transporte do paquete, non é preciso que sexa Correos. Neste caso, coa dirección de compra en liña, o paquete chega á oficina de Correos e unha vez alí é enviado ao dispositivo seleccionado no prazo de menos de 24 horas. Ademais, a través da aplicación móbil, poderase ter constancia en todo momento do estado do envío e realizar o seguimento de cada paquete.

Estes dispositivos permiten que os usuarios, ademais de recibir, empreguen o servizo para facer os seus envíos, unha ferramenta especialmente útil para xestionar as devolucións das compras de comercio electrónico.

13 Citypaq en Vigo

A cidade de Vigo conta con outros 13 Citypaq de uso público funcionando en estaciones de servicio de Zona Franca, rúa Ramiro Pascual e A-55, así como en centros comerciales, deportivos, empresariais e establecementos particulares. O resto de caixas de correo, de uso privado, están situados en comunidades de vecinos e empresas e, a todos eles, Correos acude diariamente para realizar as entregas e facilitar a recepción do envío.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal