luns 16 de abril de 2018

En xadrez o Universitario de Ourense B sorprendeu ante o Benchoshey Sénior

Unha fin de semana de desigual sorte para os equipos do campus

As xogadoras do Auriense FG acadaron unha vitoria fronte a Pontevedra

Duvi | Ourense

A actividade deportiva dos equipos do campus de Ourense deu desiguais resultados esta fin de semana. En xadrez destacou a vitoria contra prognóstico do Universitario de Ourense B ante o líder de grupo, o Benchoshey Sénior. En baloncesto, os xogadores sumaron unha axustada derrota e en fútbol gaélico as xogadoras do Auriense acadaron unha vitoria fronte a Pontevedra.

Novena xornada da liga de xadrez

Un empate, unha derrota e unha vitoria. Estes son os resultados acadados polos equipos de xadrez do campus de Ourense na novena xornada de liga disputada esta fin de semana. Na primeira división, o Universitario de Ourense A desprazouse a Vigo para enfrontarse a Vila de Bouzas, conseguindo un empate con vitoria de Manuel Álvarez, táboas de Lino Hermida e David Feijoo e derrota de Alfonso Juanes. Na segunda división o representante do campus acadou unha vitoria por 1,5-2,5 fronte ao líder da competición, o Benchoshey Sénior, con vitorias de Marcos Reza e Miguel Reza, táboas de José Antonio Álvarez e derrota de Raúl Martínez. Xa en terceira división, o campus sumou unha derrota en Esgos contra Benchoshey Fischer por 3-1, con vitoria de Julio César Pérez e derrotas de Favio Fuentes, Martín González e Paulius Mitka, rematando a liga no sexto posto.

Vitoria e derrota en fútbol gaélico

No que respecta ao fútbol gaélico, foi, sinalan desde o Auriense FG “unha intensa xornada” a vivida o sábado no campus universitario. “Con bastante afluencia de público, comezou a tarde con partido feminino e vitoria con solvencia das rapazas”, sendo o marcador final Auriense 8-17(41)/3-18(27) Pontevedra. “Un partido igualado no primeiro parcial, con tan só tres tantos de vantaxe para as locais, cambiou á volta dos vestiarios e, cun ritmo moi alto de xogo, conseguiu romper o partido a base de contragolpes ben finalizados”, sinalan desde o club. Con este resultado, confirman o cuarto posto na táboa a falta dun encontro de liga contra Ártabras da Coruña. En canto ao equipo masculino, disputou os oitavos de final de Copa Galicia, sendo o partido moi similar ao xogado fai dúas semana e no que os locais aguantaron ata o descanso e finalmente perderon debido ao baixón físico. O marcador final foi Auriense 3-7(16)/8-17(41) Estrela Vermella, rematando así a tempada para o equipo masculino, á espera de participar na Copa Shield e no Torneo Festas de Ourense.

Cita en baloncesto masculino

No grupo A1 da segunda fase da segunda división autonómica de baloncesto, o Universitario Campus de Ourense perdeu o sábado na súa visita ao CB Celtas CCA Foz por un axustado marcador de 68-63. Este resultado sitúa aos ourensáns no cuarto posto da táboa, con cinco vitorias acadadas e catro derrotas.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal