xoves 21 de decembro de 2017

A actividade desenvolverase do 26 ao 30 de decembro nas instalacións universitarias

O equipo de rugby organiza un Campus de Nadal para rapaces e rapazas

O deporte será un dos protagonistas da programación

Duvi | Ourense

Co dobre obxectivo de axudar á conciliación familiar e laboral e fomentar o deporte entre os nenos e nenas, o Campus Universitario Ourense Coosur de rugby organiza por segundo ano consecutivo o seu Campus de Nadal. Do 26 ao 30 de decembro, os rapaces e rapazas de 6 a 17 anos poderán participar dunha iniciativa na que o protagonista será a actividade deportiva pero na que tamén haberá inglés e obradoiros lúdicos. “O ano pasado quedamos satisfeitos cos resultados deste campus e decidimos volver a repetilo nestas datas”, comentan desde o club de rugby universitario.

Moito máis que rugby

A idea de pór en marcha esta iniciativa, sinalan os seus responsables, xorde aproveitando o feito de que varios xogadores e xogadoras do club teñen estudos de Maxisterio, Psicopedagoxía e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ademais do título de monitores de tempo libre. Xunto a estes recursos humanos, indican desde a organización, a actividade é posible grazas á dispoñibilidade das instalacións deportivas universitarias nestas datas e á colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus.

Os menores inscritos dividiranse en dous grupos, un de 6 a 12 anos e outro de 12 a 17 anos, adaptándose o programa ás características de cada un destes grupos de idade. As sesións comezarán nunha aula, coa celebración de obradoiros e actividades, e continuará nas instalacións deportivas universitarias, especialmente no pavillón de deportes. Dentro das actividades que desenvolverán o rugby será un dos deportes aos que se achegarán os participantes, recibindo nocións básicas sobre en que consiste e como se xoga e levando a cabo algunha actividade de rugby sen contacto físico.

O horario deste Campus de Nadal é de 9.00 h a 14.00 h, con servizo de gardería antes e despois do mesmo. O prezo é de dez euros por un día e de 40 polos cinco días, habendo un desconto de 10% para os membros da mesma familia.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal