luns 11 de decembro de 2017

Dous 4º postos, un 6º e un 11º, completan o palmarés do conxunto vigués

O equipo da Universidade de Vigo remata a Liga Galega de Orientación con seis podios

Duvi | Vigo

Coa disputa do Campionato Galego de Remudas, nas inmediacións da Torre de Hércules, rematou, a pasada fin de semana, a XXVI Liga Galega de Orientación. Un total de seis podios acadou o equipo da Universidade de Vigo tras unha longa temporada, na que o traballo das e dos seus integrantes materializouse en cinco galardóns na modalidade de orientación a pé e un en orientación en bicicleta de montaña. Este palmarés complétase con dous cuartos postos, un 6º e un 11º.

Irene Álvarez en categoría F-14 e Julia Fuertes en F-21A, foron quen de subirse ao máis alto do podio, mentres que Begoña Crespo en O-BM (bicicleta de montaña), Diego Pérez en M-12 e David E. Pinal en M-55, acadaron cadanseu segundo posto. O podio da Universidade de Vigo completouno Ana Iglesias cun 3º posto en categoría F-40. Pola súa banda, Vicente Pastoriza logrou un 4º posto en categoría M-35, a mesma clasificación acadada por Begoña Crespo en categoría F-40. Isabel Pastoriza cun 6º posto en Elite feminino e Brais Piñeiro cun 11º en Elite masculino, a máxima categoría da Liga, completan a clasificación da Universidade de Vigo na competición autonómica.

“Tras unha longa temporada, a próxima propuxémonos non baixar o listón e cumprir os obxectivos formulados”, explica José Luis Armada, responsable da sección de orientación da Universidade de Vigo, que avanza que cara ao vindeiro ano o equipo enfrontará, ademais dos desprazamentos por Galicia, saídas a Portugal ou León, sede do vindeiro Campionato de España, así como visitas a Palencia e Madrid, para asistir ao trofeo internacional Martin Krould.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal