martes 31 de outubro de 2017

O sábado 4 de novembro celebrarase unha nova andaina universitaria

O río Mao e a necrópole de San Vítor de Barxacova, segundo destino das rutas culturais

Arredor de 70 persoas procedentes dos tres campus participarán no roteiro

Duvi | Ourense

Se a programación de rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo arrancou o curso 2017/2018 cun percorrido o 21 de outubro polo “corazón do Ribeiro”, a segunda das proposta achegarase o sábado 4 de novembro ao “corazón da Ribeira Sacra”. Arredor de 70 ou 80 persoas, membros da comunidade universitaria e cidadáns alleos a ela, procedentes dos tres campus realizarán unha andaina polo río Mao que incluirá unha visita guiada polo xacemento arqueolóxico da necrópole de San Vítor de Barxacova.

A ruta, de 18 quilómetros de distancia e dificultade media-baixa, seguirá o traxecto miradoiro de Triguás, Forcas, San Lourenzo Barxacova e Fábrica da Luz. Ao remate da andaina os participantes achegaranse ao Museo do Chocolate de Galicia, onde farán unha cata de produtos. Será, apuntan desde a organización, “unha das rutas máis fermosas desta tempada”, que “combina montaña, aos pés das serras orientais, coa singular imaxe do canón do río Mao antes da súa foz no Sil”. Segundo explica José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense, en 2012 realizouse este mesmo percorrido pero en sentido inverso ao que se vai facer o sábado. “Iremos descendendo polo canón do río Mao, gozando da paisaxe e do trazado de canles de auga antigas que hai, que son espectaculares”, comenta o coordinador dos roteiros.

A inscrición en cada ruta cultural pode facerse on line desde 15 días antes da súa celebración e ata o xoves anterior. O prezo dunha ruta individual é de 12 euros para os membros da comunidade universitaria e 18 para as persoas alleas a ela, existindo ademais diferentes bonos. Concederanse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas pola de dous días de duración. Os participantes contarán con autobuses que os trasladarán ao inicio de cada ruta desde os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal