venres 27 de outubro de 2017

CC da Educación e do Deporte acolle por primeira vez un curso de escalada en rocódromo

Un obradoiro para achegar autonomía no camiño cara as alturas

Inserido na programación da Vicerreitoría, é impartido polos técnicos José Juan Domínguez e David Pérez

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Os deportes de montaña supoñen na actualidade o quinto maior número de licencias federativas en España, por riba de disciplinas como o tenis ou o piragüismo, espertando un crecente interese ao que se sumarán fitos como a presenza, por primeira vez en Tokio 2020, da escalada deportiva como disciplina olímpica. Co propósito de dotar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dunha formación que lles permita iniciarse e gañar autonomía nunha disciplina que “vai ter un percorrido e vai supor nichos de traballo para eles”, como sinala a profesora Águeda Gutiérrez, esta facultade acolle por primeira vez nestas semanas un obradoiro de iniciación á escalada en rocódromo.

Inserido no programa de obradoiros, abertos a toda a cidadanía, da Vicerreitoría do campus e coordinado por Gutiérrez e o tamén docente do centro Diego Alonso, este curso de 30 horas busca, por unha banda, complementar a propia formación do alumnado do grao en Ciencias da Actividade e do Deporte, maioritario entre as e os 14 asistentes ao curso, respecto dunha modalidade deportiva, que se aborda “nunha das materias da titulación, Actividade física no medio natural, pero para a que precisas bastante máis tempo para o que estamos buscando con este curso, que é que despois sexas autónomo cando queiras practicar”, como explica Alonso. Esa busca da autonomía motiva precisamente, que o curso impartido polos técnicos en escalada José Juan Domínguez e David Pérez sexa “moito máis extenso que os que ofrece normalmente a federación de alta montaña”, como engade Gutiérrez dunha actividade que se leva a cabo por primeira vez nun centro “que conta cunhas instalacións moi boas” para iniciarse no mundo da escalada deportiva.

Corpo e mente na mecanismo xenético

Técnico deportivo en montaña e escalada, guía nacional de escalada en rocha e responsable de tecnificación en escalada da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez é o docente principal dun curso no que, partindo de cero, buscase dotar ao alumnado dos coñecementos básicos para poidan seguir practicando esta disciplina con autonomía e seguridade. “A idea xeral é amosar a escalada deportiva como un deporte ao alcance de todos, onde non só priman as calidades físicas senón tamén o plano mental”, apunta este técnico con máis de dúas décadas de experiencia, que sinala o positivo desta modalidade á hora de traballar aspectos como “o autocontrol, a confianza en nós mesmos e no compañeiro, a xestión do medo as alturas”, así como outra serie de aspectos como a motricidade, a coordinación e a flexibilidade. “Todo isto cun risco controlado pero que á súa vez xera altas doses de endorfinas”, engade dunha actividade que responde a unha inquedanza, a de subir e ascender, “que resulta algo que todos levamos dentro” e que poder converterse tamén, engade, “unha especie de meditación", xa que, durante a escalada, “a nosa realidade céntrase unicamente en ascender.

O importante é quen non sae na foto

"Gustaríame que marcharan cunha visión completa deste deporte, co sentido de ser capaces de determinar se realmente queren que forme parte das súas vidas e do seu tempo de ocio”, engade Domínguez dun obradoiro no que, explica, o seu papel principal está nos ámbitos da progresión e a seguridade, “sen dúbida”, un dos aspectos cruciais desta aprendizaxe. Neste punto en concreto tamén, esta actividade contou coa participación de Pérez Araujo, técnico de Deportes do Concello de Pontevedra e director da Escola Galega de Alta Montaña. “Neste deporte, o importante non é o que escala, o que sae nas fotos, senón que o que está abaixo asegurando”, sinala da figura do asegurador e do seu papel nunha disciplina que, unha vez dominada “unha técnica moi fácil e moi accesible, é totalmente segura”. De aí que coñecer e familiarizarse cos seguros, coas presas, os descolgues e con materiais como as cordas, arneses ou mosquetóns, así como “a adecuación do corpo ao tipo de exercicio ao que te vas enfrontar”, fosen os primeiros piares dun curso de carácter fundamentalmente práctico.

A participación de David Pérez, por outra banda, permitiu achegar tamén ao alumnado a unha serie de espazos existentes na comunidade galega nos que poderían continuar practicando no medio natural esta disciplina “na que comezan agora, pero que poderán seguir realizando dentro de 60 anos, porque non é un deporte que che esixa un rendemento”, sinala.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal