martes 24 de outubro de 2017

Os postos situáronse nesta ocasión na Facultade de Filoloxía e Tradución

O campus retoma a súa cita cos Martes Saudables

A actividade seguirá rotando por diferentes escolas e facultades dos tres campus ata mediados de decembro

D. Besadío | Vigo


Como vai a miña glicemia? Que método anticonceptivo é o que mellor se axusta ás miñas necesidades? Que podo facer para evitar comer determinados alimentos cando teño moita ansiedade? O meu índice de masa muscular é o axeitado? A comunidade universitaria do campus tivo hoxe unha nova oportunidade de achegarse a un dos postos dos Martes Saudables, unha cita xa clásica no calendario universitario que dá a oportunidade, tanto ao alumnado como ao persoal, de dedicar un anaco da mañá a comprobar, aínda que sexa de xeito moi xenérico, como está a súa saúde.

A cita, patrocinada polo Consello Social e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e integrados no proxecto Campus da Auga ConVida, foi nesta ocasión na Facultade de Filoloxía e Tradución e ata alí se achegaron numerosos membros da comunidade universitaria para solicitar información, facer consultas, resolver dúbidas ou someterse ás diferentes probas que ofrecen, desde a medición da tensión á identificación do grupo sanguíneo.

“As mulleres somos moito máis emocionais á hora de alimentarnos”

Entre as persoas que atenderon aos visitantes está a profesora da Área de Nutrición e Bromatoloxía Montse Míguez, encargada das cuestións relativas a alimentación e imaxe corporal, unido todo á práctica da actividade física. “As persoas que se achegan teñen que cubrir un cuestionario e, a partir de aí, tratamos de ver se as súas emocións inflúen no seu xeito de alimentarse e, caso de que sexa así, dámoslle certas recomendacións para axudarlles a controlar ese sentimento e que non inflúa no xeito de comer”, subliña a docente, que fai fincapé en neste senso “as mulleres somos moito máis emocionais á hora de alimentarnos”. Tamén en relación a isto Míguez indica que “as persoas que acostuman facer algún tipo de actividade deportiva soen ter menos ansiedade e sufrir menos distorsións entre como se ven e como están realmente”.

Ademais das cuestións relativas á alimentación as persoas visitantes tamén poden realizar no posto diferentes probas de enfermaría, coordinadas desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, entre as que están a identificación do grupo sanguíneo e a medición da tensión, do índice de masa corporal e da capacidade respiratoria. Noutro dos bloques, o de Seguridade e drogas, a especialista explica os principais métodos anticonceptivos, as enfermidades de transmisión sexual, ademais das sustancias nocivas para o corpo e as súas repercusións a curto, medio e longo prazo.l

A actividade volverá a Vigo o 21 de novembro

Tras unha primeira visita o pasado día 10 á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o seu paso hoxe pola Facultade de Filoloxía e Tradución, a actividade volverá a Vigo o 21 de novembro. Será na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial en horario de 10.30 a 14.30 horas.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal