luns 23 de outubro de 2017

O gañador da clasificación xeral foi Martín Boado

O campionato de xadrez Relámpago 2017 reuniu no campus a arredor de 80 xogadores e xogadoras

En competición, o equipo de rugby sumou unha nova derrota fóra da casa

Duvi | Ourense


A actualidade deportiva desta fin de semana para a comunidade universitaria ourensá estivo protagonizada por dúas citas na casa e outra fóra dela. Nas instalacións do campus, o Campionato Copa Deputación de Xadrez Relámpago 2017, organizado polo Club Xadrez Universitario de Ourense, reuniu a arredor de 80 xogadores e xogadoras, proclamándose gañador na categoría xeral Martín Boado. Ademais, o Pavillón acolleu unha Master class de zumba fitness na que participou unha vintena de instrutores e instrutoras oficiais de diferentes puntos da xeografía galega convocados por Aqa Ourense. Por último, e xa en competición, o equipo de rugby sumou unha nova derrota fóra da casa, nesta ocasión contra o Bera Bera.

Segundo explica Lino Hermida, coordinador do Club Xadrez Universitario de Ourense, o campionato de xadrez Relámpago 2017 reuniu no campus a arredor de 80 xogadores e xogadoras de diferentes idades, sendo o ritmo de xogo de cinco minutos máis tres segundos por xogada e o número de rondas oito. Na clasificación final, apunta, o campión foi Martín Boado, seguido en segundo lugar por Alejandro De León e en terceiro polo veterano Joaquín Bello. A campioa feminina foi Samanta Couso. En sub 16 o resultado foi primeiro Marcos Vázquez, segundo César Pérez, terceiro Adrián Vázquez e campioa feminina Elvira Negreira; en sub14 primeiro foi Marcos Reza, segundo Miguel Reza, terceiro Tristán Alonso e en feminina gañou Carlota García; en sub12 primeiro foi Alejandro Garrido, segundo Miguel Cantón e terceiro Xoaquín López e na cataegoría feminina Escarlata Alonso; en sub10 gañou Manuel López, seguido de Breixo Longueira e Miguel Alves, e en feminina gañou Rita Pérez; e en sub8 o podio quedou encabezado por Gabriel Alcalde, primeiro, Marcos García, segundo, e Adrián Fernández, terceiro e en feminina Martina Vidal.

Polo que respecta ao Campus Universitario Ourense Coosur, esta fin de semana perdeu por 62-21 fronte a Bera Bera en San Sebastián no Grupo A da División de Honra B do rugby estatal. Os dous equipos partían nunha situación moi similar, acumulando cada un deles dúas derrotas e dúas vitorias. Porén, o equipo universitario mantivo a súa dinámica de vitorias na casa e derrotas fóra dela e perdeu un encontro que comezou con bo pé pero que non puido liderar pasados os minutos de xogo.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal