xoves 18 de xaneiro de 2018

O relatorio terá lugar o martes 23 de xaneiro na Escola de Enxeñería Industrial

Unha conferencia desvelará como construír unha réplica de R2D2 con material reciclado

Impartida polo creador dun destes robots, un rapaz de 15 anos membro do colectivo a Echo Base 28th Elite Forces

Duvi | Vigo

En 2015, cando Eduardo Santos Pérez só tiña 15 anos, construíu con materiais totalmente reciclados unha réplica de R2D2, o compañeiro droide de Luke Skywalker na saga de películas da Guerra das Galaxias. Xunto co seu pai, Eduardo Santos Baldomir, este rapaz de Cambre forma parte de Echo Base 28th Elite Forces, unha asociación que dende o ano pasado vén desenvolvendo diferentes actividades que rodean o universo Star Wars. Unha das estrelas das súas actividades é o robot R2D2, que nos últimos dous anos percorreu escolas, institutos, hospitais e feiras tecnolóxicas por toda Galicia. A finalidade é dar a coñecer a experiencia de Eduardo e amosar como os materias de refugallo poden ter unha segunda vida. Para explicar o proceso de construción deste droide, o vindeiro martes 23 de xaneiro, pai e fillo impartirán un relatorio titulado Construye tu propio R2D2. Robótica y educación para el presente na Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo. A conferencia, organizada polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática José Ignacio Armesto, terá lugar ás 16.00 horas na aula 15 e forma parte das actividades paralelas ás JAI 2018, Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial. De feito, o robot regresará ao campus en marzo para participar no showroom de industria 4.0 que abrirá este simposio.

Un robot feito con paus de escola, leds e un motor de aspiradora

Como destaca Santos Baldomir, que preside a asociación Echo Base 28th Elite Forces, a conferencia está dirixida a calquera persoa interesada na tecnoloxía e na reciclaxe ou simplemente que sexa seguidora dos filmes. “A construción de R2D2 é algo que esperta moito interese, pois leva consigo a cultura Star Wars”, afirma. Ademais, considera que tamén pode motivar o público asistente a concienciar da importancia da reciclaxe, amosando os resultados que se poden conseguir só empregando RAEE, Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos. “O droide está feito nun 98% con material reciclado, o que axuda a concienciar sobre a reutilización do lixo electrónico”, destaca Santos Baldomir, e na súa construción empregáronse paus de vasoira, unha roda dun carro de supermercado, parte dun farol circular, ademais de pezas impresas en 3D, 150 leds e un motor de aspiradora para que o pequeno droide se poida mover e iluminarse, sempre teledirixido da man de Santos Pérez mediante unha app que vai conectada ao cerebro de R2D2, feito a partir dunha placa base de arduino.

Para describir todo o proceso de construción do droide, pai e fillo levarán ao relatorio a súa propia réplica de R2D2, indicando os pasos a seguir e enumerando os diferentes materiais que se deben empregar. Ademais, tamén falarán de cuestións relacionadas coa reciclaxe electrónica ou a impresión en 3D, que para Santos Baldomir se inclúe na cultura do self-made ou fágao vostede mesmo da que participa a asociación que preside.

Unha afección transmitida de pai a fillo

Como afirma Santos Baldomir, a idea de construír o droide xurdiu entre un grupo de rapaces, entre os cales se atopaba o seu propio fillo, que debían presentar un proxecto para unha actividade de Ciencia na rúa que se celebraba na Coruña. O rapaz, que herdou do seu pai o gusto pola Guerra das Galaxias e pola bricolaxe, púxose axiña a traballar, contando coa axuda de amigos e varios membros de Bricolabs, unha asociación xuvenil que reúne diferentes afeccionados á fabricación de diversos aparellos e gadgets. Con todo, o proxenitor non dubida en atribuírlle todo o mérito do proxecto ao seu fillo, “limitándonos o resto a guialo no proceso”, apunta.

Unha asociación que combina ciencia ficción e solidariedade

A conferencia que se vai impartir na Escola de Enxeñería Industrial é só unha das actividades nas que participa Echo Base 28th Elite Forces. Dende o ano pasado, os membros desta asociación forman parte de numerosas iniciativas para atender a colectivos en risco de exclusión, case sempre ambientadas na temática da Guerra das Galaxias. Actuacións e concertos en hospitais, escolas ou na mesma rúa son eventos frecuentes na súa axenda, demostrando que a ciencia ficción non é incompatible coas causas solidarias.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal