xoves 11 de xaneiro de 2018

Os fondos reservados das bibliotecas inspiran 'The private case', a exposición de María Prada na Sala X

Dos libros dentro dos libros á sala dentro da sala

Partindo das ideas que centran a súa tese, a mostra aborda a relación entre representación e realidade

Eduardo Muñiz | Pontevedra

The private case, o armario secreto, é o nome que recibe na British Library ese espazo que as principais bibliotecas destinan a aqueles fondos non accesibles ao público en xeral. Espazos que no pasado recollían baixo chave os libros “contrarios á moral ou a ideoloxía dominante” e nos que hoxe permanecen aqueles volumes que, “xeralmente debido a súa delicada condición material”, manteñen un acceso reservado, como explica María Prada, quen tivo que visitar algúns deses espazos nos que, precisamente pola súa condición material, adoitan gardarse os libros de artista no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que aborda eses libros de artista que á súa vez parten doutros libros. Esa idea do libro dentro do libro e a presenza na Sala X dun espazo, dedicado ás videocreacións, que exerce á súa vez como sala dentro da sala, serviron a esta investigadora do grupo dx5 como punto de partida para a exposición este xoves inaugurou nesta sala da Facultade de Belas Artes.

A exposición, que poderá visitarse ata o 21 de febreiro, parte, como sinala Prada, “da mesma fonte e dos mesmos intereses” que a tese El libro en abismo. Relaciones y transferencias entre imagen y dispositivo en el libro de artista, que desenvolveu cos profesores Anne Heyvaert e Alberto Ruiz de Samaniego como directores. Ambas abordan “a relación entre a representación entre a realidade”, de tal xeito que se ben a investigación que presentará a finais deste mes “non nutriu directamente a creación artística”, as obras que Prada amosa nesta mostra son o froito de procesos e reflexións paralelos.

Un xeito de dar visibilidade ao traballo investigador

The private case constitúe a segunda exposición, trala protagonizada por Luis Bueno en novembro, que a Sala X dedica á produción artística que os investigadores e investigadoras de Belas Artes desenvolven de xeito paralelo ás súas teses, como explicou a decana, Silvia García, nesta inauguración, na que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, puxo de relevo o positivo de iniciativas como esta á hora de amosar o traballo de “investigación e tamén de transferencia” que se realiza no campus. Nesa mesma liña de dar visibilidade ao traballo que se desenvolve na facultade, García adiantou por outra banda que a asociación de ex-estudantes Rede por Belas Artes traballa na organización neste espazo de almorzos de investigadores e investigadoras que contribúan a facer tamén desta sala un “lugar de encontro”.

Da sala de exposicións á sala dios libros

Partindo da analoxía coas bibliotecas, Prada concibiu a Sala X como un espazo expositivo que contén á súa vez unha “private case, unha sala onde se gardan os libros especiais”, e á que a artista achega por unha banda unha serie de “libretas de artista”, realizadas cunha trama a base de pregues, “que xogan tamén con ese concepto de confusión entre realidade e ficción nos propios procesos de creación dos libros”. A súa propia tese, como libro, está presente tamén nesta "sala de reserva" á que artista achegou tamén unha composición articulada con fotocopias que amplían algunhas das súas páxinas, nas que se recollen citas da súa investigación que fan referencia á súa vez, a citas doutros autores e autoras.

Deste xeito Prada combina a súa reflexión sobre o “libro en abismo” coas obras que, xa fóra da sala de vídeo, representan determinados elementos do propio espazo físico da Sala X sobre os que se superpoñen. Elementos que Prada combina a súa vez cunha selección de “pequenas obras que fun producindo no proceso da tese” e que xogan con recomposicións visuais, a maioría sustentadas na técnica do collage, “que tal e como eu o entendo xoga con ese achegamento á imaxe desde a realidade, desde fóra”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal