venres 22 de decembro de 2017

A Casa das Campás acolleu un coloquio sobre certames de pintura rápida

Claves para pintar contra o reloxo

Promovido por alumnado de BBAA, participaron os artistas Raúl Gil e Eduardo Baamonde

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Percorrer boa parte España cos pinceis e o cabalete é unha afección que comparten desde hai anos Eduardo Baamonde e Raúl Gil Burés, dous artistas que acumulan unha longa serie de premios en múltiples concursos de pintura rápida. A súa afección por este tipo de certames nos que os e as participantes dispoñen dun número limitado de horas para reflectir nunha obra os espazos, paisaxes e xentes dunha determinada localidade foi a que achegou este venres a estes dous artistas e docentes ata a Casa das Campás, onde tres estudantes de Belas Artes promoveron un coloquio dirixido a achegar unha serie de claves e experiencias ás persoas interesadas en iniciarse neste tipo de certames.

“Os premios e a posibilidade de vender a túa obra, loxicamente son unha motivación, pero fundamentalmente vas a este tipo de certames porque che gusta pintar ao aire libre, porque che gusta a pintura de bosquexo e apuntamento”, sinala Baamonde, ilustrador, pintor e profesor de debuxo no ensino medio do eixo central do coloquio promovido polos estudantes Verónica Quinteiro, Miguel Pérez e Andrés Seoane, como un traballo para a materia Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, que imparte o profesor Xosé Manuel Buxán.

Nese senso, o coloquio ao que achegaron tamén os instrumentos de pintura e algunhas das obras realizadas nos certames nos que, entre os meses de maio e novembro, veñen coincidindo desde hai moitos, tiña por obxecto achegar aos asistentes tanto a súa experiencia como o funcionamento dun tipo de certames que, como salientaron na presentación, teñen impulsado moitos concellos e asociacións nos últimos anos e nos que “o requisito indispensable é a velocidade”.

A busca previa

Gañador de máis de 200 certames de pintura rápida e profesor nunha academia, Gil Burés iniciou a súa intervención lembrando os problemas que tivera para fixar o seu cabalete nun concurso no Courel co propósito de incidir no valor que ten a experiencia á hora de enfrontarte a certames deste tipo. “Cando pintas no estudio podes prolongar o tempo, pero aquí tes que aprender a valorar que é o fundamental, cal é a esencia”, sinalou este artista, quen recoñeceu a importancia de viaxar o día anterior ao lugar no que se vai celebrar o certame para coñecer a contorna e atopar ese recuncho ou ese motivo que vai centrar a obra. “Sempre tratas de buscar unha harmonía no que ves, un equilibrio nas formas, nas cores, na luz”, recoñece este artista natural de Rianxo, quen admite tamén que se ven hai vilas e cidades, como Segovia ou Ávila, “nas que podes atopar moitos motivos, pero tamén hai sitios nos que tes que pintar o menos feo”.

“No noso argot, a iso chamámoslle facer os deberes”, engadiu Baamonde dese percorrido previo polo espazo do certame, para logo incidir tamén en que “coa experiencia vas buscando encadres que encaixan na túa emoción estética, aínda que non sempre o consegues. A min, en xeral, atráenme as asimetrías, cromáticas, de texturas, as casas en diferentes niveis de altura e de anchura...”, relata este pintor, autor de diferentes libros que retratan en acuarelas as paisaxes de diferentes vilas de Galicia. Nese senso, como engade Gil Burés, acudir a un certame implica non só ir pintar, senón tamén “ir competir, tentar facer non un bo cadro senón o mellor cadro”, o que leva a que moitas veces desboten algúns dos escenarios máis populares ou vistosos dunha vila, “que xa sabes que son espazos moi trillados”, para buscar no seu lugar “temas que a outra persoa non se lle ocorriría pintar pero que ti sabes que lles vas sacar partido”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal