luns 18 de decembro de 2017

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense celebrarase do 23 ao 30 de decembro

Un Nadal máis chega a factoría de soños da Moti

O campus acollerá tres dos espectáculos e a actuación da aula Geppetto

Rosa Tedín | Ourense

Chega o Nadal e un ano máis chega tamén “a factoría de soños” da Mostra de Teatro Infantil de Ourense Moti. Do 23 ao 30 de decembro, os principais escenarios da cidade de Ourense abrirán as súas portas ao público máis novo para ofrecerlle 14 espectáculos de compañías principalmente galegas pero tamén doutras autonomías. Como en cada edición, o campus de Ourense terá un protagonismo especial nesta cita, acollendo varias das representacións teatrais e musicais e coa actuación da Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto, que estreará a súa última peza (Du)as viaxes de Gulliver.

Cultura e conciliación

Na presentación da 14 edición da Moti celebrada este luns no Liceo, o seu director, Fernando Dacosta, salientou como a mostra “reivindica a infancia como ese soño que todas e todos temos dereito a vivir e a retornar a el”. O director do certame, que lembrou como a Moti constitúe na actualidade “unha das mostras máis importantes de Galicia", subliñou como “nunha época de lecer e consumo, o mellor agasallo é o teu tempo cos teus nenos ou nenas”. Deste xeito, destacou como a mostra ofrece ao público unha programación diversa que abrangue teatro para a primeira infancia, de autor, de rúa, de sombras e de monicreques, ademais de danza e música. As compañías, apuntou, proceden maioritariamente de Galicia, destacando como “temos un teatro infantil de moitísima calidade”, aínda que tamén hai grupos de Andalucía, Castela A-Mancha, Castela e León, Cataluña e Arxentina. O orzamento da cita, indicou, ascende nesta edición a arredor de 50.000 euros.

“Ourense é unha cidade á que lle gustan as artes escénicas”, destacou pola súa banda Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O vicerreitor subliñou como esta mostra contribúe a “alimentar a canteira de persoas que desde cativas empezan a sentir gusto e a comprender as artes escénicas”. Pola súa banda, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, fixo fincapé en como a Moti traballa “a prol da cultura e da infancia”, contribuíndo ademais  á conciliación familiar, a “facer a vida máis doada aos pais e nais da cidade con programación para os máis cativos”. Ademais Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense, recalcou como a Moti completa o ciclo teatral que cada ano se dá na cidade e do que forman parte o Festival Internacional de Teatro de Ourense e a Mostra de Teatro Universitario de Ourense, tres citas na que se implican cada ano Concello, Deputación, Universidade de Vigo e Agadic.

Desde e no campus

A actuación da Aula de Teatro Universitaria de Ourense Geppetto será, como vén sendo tradición na Moti, no Auditorio Municipal. Du)as viaxes de Gulliver está destinada a público a partir de 6 anos e unha vez máis apostará por mesturar contidos sociais para os máis cativos con entretemento. Neste senso, Fernando da Dacosta, que tamén é director das aulas de teatro universitarias do campus, quixo pór en valor na presentación da Moti o traballo desenvolvido con Geppetto, da que destacou que “é a única aula universitaria de teatro infantil da península ibérica”. Polo que respecta á programación que se desenvolverá no campus, como en anteriores edicións o lugar escollido é a Sala Emilia Pardo Bazán, sendo todas as actuacións ás 18.15 h, e a recadación destinarase a Unicef. Os tres espectáculos que terán lugar nas instalacións universitarias, apuntouse na presentación, mesturan música e teatro.

A programación que se desenvolverá no campus arrancará o mércores 27, co espcectáculo de Magín Blanco O camiño dos paxaros, recomendado a partir de cinco anos de idade. O xoves 28 a actividade continuará con O tesouro de Xalundes de Casacoco, recomendado para nenos e nenas a partir de catro anos. Por último, o venres 29 a programación da Moti pecharase no campus de Ourense co concerto Cancións para desafinar, de A Gramola Gominola, destinado a público familiar.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal