venres 15 de decembro de 2017

Nunha exposición curada por Xosé Antón Castro

Fernando Casás trae a súa 'materia desvelada' á Sala Alterarte

A mostra enmárcase dentro da programación do Outono Fotográfico

Rosa Tedín | Ourense

Partido da convicción de que “a vida neste planeta se acaba” e cun interese “xa desde neno polo planeta Marte”, o artista Fernando Casás ideou unha exposición pensada non só para ver na terra senón para, despois da “hecatombe” viaxar polo cosmos. Mentres ese momento non chega, unha parte dese proxecto, chamado Despois de Marte, ocupa desde este venres os muros da Sala Alterarte cunha mostra curada por Xosé Antón Castro e titulada Materia desvelada.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico; Fernando Casás, artista, e Xosé Antón Castro, curador, foron os encargados este venres de presentar a mostra, que estará na sala ata o 23 de febreiro de 2018. Dela, Xosé Manuel Buxán destacou como reúne “a dúas figuras fundamentais da historiografía da arte en Galicia”. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez subliñou a reflexión que suscita a obra sobre “o planeta e a relación con el do home”. Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez, puxo o aceno sobre como esta mostra se enmarca na programación do Outono Fotográfico e como supón “un referente no bloque das exposicións que facemos en Ourense”.

Fronte a un mundo que se esgota

Durante a súa intervención, Fernando Casás explicou como esta obra nace da súa preocupación constante desde arredor de 1969 por como o planeta terra se converteu “un planeta pequeno, claustrofóbico” no que “o tempo se esgota”. Ante as evidencias científicas que corroboran esta situación, apuntou, xurdiulle a pregunta de “como non nos paramos a reflexionar sobre iso e tomamos medidas ao respecto”. Froito desta inquedanza, e sempre coa idea de arte como transcendencia e de abordar a creación artística non como construción senón como situacións creadas polo propio tempo, o artista deseñou unha mostra “montada para ser exposta fóra do planeta terra”.

A exposición conta concretamente con catro pezas artísticas. Unha primeira titúlase Depois de Marte/R1, R2, R3, e está formada por ramas de árbore recubertas de pintura branca e fosforescencia; e unha segunda titulada Depois de Marte/B1, B2, B3 e que consiste nun tríptico de pintura e fume sobre madeira. Tamén se expoñen 36 fotos da súa serie fotográfica Batatas, que se compón na súa totalidade de preto de 400 fotografías en branco e negro onde os tubérculos son vistos coma se fosen asteroides. Por último, a mostra conta coa obra fotográfica Fantasmas revelados, resultado dunha acción que o artista fixo logo de chegar a Galicia en 1989, enterrando un negativo na casa de seu pai e recuperándoo 21 anos despois xa deteriorado polos efectos da terra.

Segundo explica Xosé Antón Castro, Fernando Casás é un artista experimental que vive entre España e Brasil e que desenvolveu desde finais dos anos 60 “unha obra innovadora, sempre vinculada á memoria, á enerxía e ao paso do tempo”. “Desde hai medio século, Casás está interesado en desvelar a conciencia oculta dos procesos que emerxen da natureza para restituírlle a súa primixenia dignidade fronte aos instintos agresivos e depredadores do ser humano”, comenta o curador. A mostra, engade o seu curador, parte dun proxecto que o artista ten iniciado en 2005 e nace nun curso de doutorado que impartiu na Universidade de Porto, “tratando o tema da destrución do mundo: construír un xeito de vivir despois da hecatombe”. “A mostra preséntase como un profundo exercicio de investigación, cunha grande carga intuitiva, que trata da perda do paraíso e da súa absurda transformación: unha exposición no planeta terra para que posteriormente inicie unha itinerancia polo cosmos”, comenta o curador sobre a mostra.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal