martes 16 de xaneiro de 2018

Seleccionaranse as mellores propostas emprendedoras do alumnado

Amplíase ata o 31 de xaneiro o prazo de presentación de candidaturas aos premios Incuvi-Emprende

Os proxectos gañadores instalaranse nas preincubadoras de Vigo, Ourense e Pontevedra

Duvi | Vigo

O prazo de presentación de proxectos para a sétima edición dos Premios Incuvi-Emprende amplíase ata o día 31 deste mes de xaneiro. Deste xeito, estudantes e egresados recentes poderán entregar os seus proxectos emprendedores ao longo de todo este mes, co obxectivo de que as súas ideas ser tornen, tras un ano de traballo e formación, nun proxecto empresarial real.

Poderanse presentar a esta convocatoria tanto as e os alumnos da Universidade de Vigo que estean a cursar algún grao, mestrado e doutoramento, como as persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores. Nesta edición a novidade está no proceso de selección, que consistirá en tres fases: unha primeira que inclúe unha entrevista persoal ante un panel de persoas expertas en emprendemento e a segunda parte que consiste nun obradoiro de ideas paras as iniciativas pre-seleccionadas orientado a desenvolver o modelo de negocio das súas ideas, así como á preparación dunha presentación dos proxectos ante a comisión de selección. Na terceira fase do proceso, cada proxecto disporá de tres minutos para presentar ante a comisión de selección as liñas básicas dos proxectos empresariais, así como o resultado do traballo presentado para superar a segunda fase. Finalizadas as presentacións a comisión reunirase para determinar os proxectos gañadores, como explica director da Área de Emprego e Emprendemento, Alejandro Martínez.

As propostas que se presenten ao concurso poderán ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas e a súa temática deberá encadrarse nalgunha das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. Esta convocatoria conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Zona Franca de Vigo, Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Tecnópole e Cidade Universitaria.

Seis proxectos en Vigo, catro en Ourense e dous en Pontevedra

En total seleccionaranse doce proxectos que accederán a un programa de preincubación dun ano de duración para converterse nunha proposta viable de negocio. En total, están dispoñibles seis espazos no campus de Vigo, catro en Ourense e dous en Pontevedra. Ademais do local de preincubación, os estudantes gañadores poderán desenvolver actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, e recibirán a subvención dos custos de estadía nun espazo de traballo na preincubadora do campus correspondente durante ese ano.

O proceso de selección atenderá principalmente ao carácter innovador do proxecto, así como ao seu nivel de desenvolvemento e viabilidade; o nivel de implicación real das persoas emprendedoras e a configuración do equipo; a empregabilidade orientada á xestión da diversidade e a potencial creación de emprego e calidade. Paralelamente terase en conta tamén o potencial internacional, o aproveitamento dos recursos dispoñibles, a sustentabilidade, a responsabilidade social e a incorporación da dimensión de xénero. Ademais de elixir os proxectos gañadores, a comisión de selección poderá conceder mencións honoríficas a outras iniciativas que consideren de elevada calidade, que de ser o caso, a Vicerreitoría de Estudantes, podería determinar que utilicen os espazos de coworking existentes nalgúns dos tres campus, e/ou a súa incorporación ao programa de formación e mentorización.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal