martes 19 de decembro de 2017

O xoves 21 de decembro celebrará o seu Festival de Nadal

O alumnado do Programa Universitario para Maiores pechará o ano subindo ao escenario

O responsable en Ourense deste ciclo salienta as boas cifras acadadas este curso

Rosa Tedín | Ourense

O ano 2017 está na súa recta final e o alumnado universitario tamén se suma á celebración deste fito antes do remate da actividade académica. Este xoves, día 21 de decembro, as persoas matriculadas no campus de Ourense no Programa Universitario para Maiores da Universidade de Vigo celebrará o seu xa tradicional Festival do Nadal, onde algúns dos seus membros subirán ao escenario para compartir a súa faciana máis artística. Será o broche de ouro a un ano que para este programa remata “moi positivamente”, tal e como destaca o seu responsable no campus de Ourense, Alberto Vaquero.

O festival, que se celebrará ás 18.30 h na aula de música do Edificio de Ferro, está organizado pola Asociación de Maiores das Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense. Será presentado pola alumna Marina Tallón e contará coa actuación do grupo de pandeireteiras do Liceo e do Coro Universitario de Maiores. Tamén subirán ao escenario os alumnos Xan e Michel, cos seus acordeóns; Luis Aldemira, que contará contos, e Domingos e Luis Eloy, voz e piano respectivamente. O acto está aberto á comunidade universitaria e aos familiares e amigos do alumnado deste ciclo.

Valoración dun ano que remata

“Dende o punto de vista académico, as cifras de matriculados no Programa Universitario para Maiores no campus de Ourense son moi boas”, comenta Alberto Vaquero, director do Programa Universitario para Maiores do campus de Ourense. Arredor de 150 alumnos e alumnas, lembra, están matriculados este curso tanto no ciclo intensivo como no integrado, amosando os estudantes “un alto grao de satisfacción, como reflicten as enquisas que periodicamente se realizan”.

Mostra destes bos resultados, Alberto Vaquero salienta como “temos xa alumnos que levan con nós case unha década, o que permite sinalar o importante que é esta experiencia formativa e social para os nosos maiores”. A actividade das clases, destaca, compleméntase cun amplo número de visitas extraacadémicas nas que o profesorado explica in situ ao alumnado as cuestións máis prácticas das materia. A isto, apunta, “hai que engadir outras actividades como o grupo de teatro de maiores e o seu coro, que participan activamente en moitas das actividades da nosa Universidade”.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal