mércores 8 de novembro de 2017

A asociación Auce organiza un taller con este obxectivo

Un obradoiro para perder o medo a falar diante do micrófono

A iniciativa quere fomentar a participación do alumnado na súa canle Radio Fedello

Rosa Tedín | Ourense

Desde o ano 2015, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce conta cunha canle de radio chamada Radio Fedello, que naceu co obxectivo de tender canles de comunicación entre o tecido social ourensán e o campus de Ourense. Buscando dar un novo pulo a esta iniciativa, a entidade quere agora fomentar a realización de programas feitos por alumnado universitario. Con este obxectivo este mércores comezou a desenvolver un Obradoiro Radiofónico que pretende ofrecer a todas as persoas interesadas nocións básicas sobre como gravar, editar e publicar o seu propio programa radiofónico.

A iniciativa, que se enmarca no seu programa de achegamento informal á comunidade universitaria Auceleando, pretende ser, segundo explica Noemí Giráldez en nome da organización, “unha microformación enfocada a conseguir que o alumnado se anime a participar en Radio Fedello”. Facer un programa radiofónico, destacou Giráldez, pode ser moi enriquecedor para os estudantes no senso de que “ademais de traballar a parte técnica tamén traballan unha competencia transversal como é a comunicación”.

O obradoiro comezou este mércores no Pavillón de Estudantes abordando a parte técnica, concretamente o gravado e a edición. Xosé Manuel Rodríguez foi o encargado de explicar aos asistentes o equipamento necesario para gravar e editar do xeito máis sinxelo e asequible posible un programa radiofónico. O día 15 de novembro a actividade continuará cunha sesión centrada na locución e guión. Nela, a xornalista Natalia Umpiérrez dará ás persoas interesadas nocións básicas de como falar diante do micrófono e de como elaborar os contidos dos programas.

 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal