martes 7 de novembro de 2017

20 alumnos de CCSS e da Comunicación integran o equipo do programa Radio Escaparate

Un escaparate radiofónico que busca seguir medrando

Na súa cuarta tempada, suman á realización dun programa semanal contidos audiovisuais para redes

Duvi | Pontevedra

O escritor pontevedrés Manel Loureiro, autor de bestsellers como Apocalipsis Z, o adestrador do Peixe Galego, Javier Llorente, e persoas que colaboraron como voluntarias na loita contra a vaga de lumes que azoutou Galicia hai unhas semanas foron dous dos protagonistas das primeiras entregas da nova tempada de Radio Escaparate, o programa semanal que desde hai catro cursos impulsan estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación. Nacido como un espazo centrado na actualidade da facultade que acolle as súas gravacións, este espazo radiofónico, que no presente curso realiza un grupo de 20 estudantes de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, foi progresivamente achegándose a diferentes cuestións de actualidade máis aló do campus.

“A nosa idea é abranguer e atraer cada vez a máis xente, pero non só universitaria”, salienta José Jardón, director, xunto a Jorge Gómez, dun magazine radiofónico de 45 minutos que difunden na noite dos martes. Con ese propósito, explican, “os nosos contidos son variados e non se cinguen exclusivamente á Universidade”, combinando a actualidade do campus pontevedrés con entrevistas a personaxes de actualidade e “convidados que nos axuden a aumentar a nosa visibilidade”.

Novas seccións e contidos audiovisuais

Promovido por unha asociación de estudantes e gravado nos estudos da facultade, Radio Escaparate incorpora cada curso novos alumnos e alumnas ao seu equipo a través da realización dun cásting que, no presente curso, se viu precedido por un obradoiro dirixido a iniciar no mundo da radio ao alumnado interesado. “As incorporacións foron moi numerosas, xa que ao ser un equipo formado por estudantes hai moitos que rematan a titulación, marchan de Erasmus ou simplemente teñen uns horarios incompatibles coa gravación do programa”, salienta Jardón do renovado equipo que afronta a nova tempada dun espazo que, ao tempo que mantén seccións habituais como as entrevistas, incorpora este curso novas propostas.

Unha delas, explica Jardón, é o apartado Falar da rúa, “na que saímos a falar coa xente de Pontevedra sobre temas de actualidade”, é a que se suma a sección Eramos poucos, na que o alumno Iván Iglesias parodia populares temas musicais, xunto coa recuperación da entrevista musical que xa realizaran en tempadas previas e que fai que cada semana unha banda se achegue polo campus para presentar os seus proxectos.

Así mesmo, nese propósito de promocionar e dar a coñecer este espazo radiofónico, o equipo do Escaparate incorporou nesta tempada unha serie de contidos audiovisuais que difunde a través das redes sociais, co propósito, como explica Jardón, de “ampliar o número de seguidores e oíntes”. Nese senso, lograr unha maior difusión e desenvolver “novos proxectos no ámbito da radio”, constitúen, como sinala Jardón, dous dos motores da nova andaina dun espazo que tamén pode escoitarse cada mércores en PontevedraViva Radio. “Cremos que o máis importante é manter vivo un medio de comunicación tan importante como a radio e iso é motivo dabondo para seguirmos a loitar para que esta radio se consolide e teña cada día máis seguidores”, conclúe o co-director deste espazo radiofónico.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal