venres 3 de novembro de 2017

O alumno de Belas Artes Juan Fontaíña protagoniza unha exposición no Palacete das Mendoza

A fraxilidade da memoria a través de paisaxes nas que o tempo se detivo

A mostra reúne unha serie de fotografías e gravados con motivos das costas do Barbanza e Pontevedra

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Lugares que no pasado albergaron conserveiras, muíños, peiraos ou lavadoiros, que no seu momento quedaron sen xente e sen uso e nos que “a natureza tenta volver ocupar o seu lugar”, espazos “a medio camiño entre a non arquitectura e a non paisaxe” son algúns dos motivos que o alumno de Belas Artes Juan Fontaíña emprega como punto de partida súa reflexión e produción artística. Así acontece en A fraxilidade da memoria, a exposición que este alumno do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación inaugura este sábado, ás 13.00 horas, no Palacete das Mendoza e na que reúne máis de 20 pezas con motivos, paisaxes e xentes das costas do Barbanza e de Pontevedra, que, acompañadas dunha instalación central, promoven unha reflexión sobre a fraxilidade do patrimonio e a identidade.

“A través de fotografías e gravados, Juan Fontaíña trasládanos a un instante detido no tempo, no que a tradición e a contemporaneidade se xuntan para conformar o presente que cohabitamos”, salienta Francisco Porto, director da produtora de arte contemporánea Latamuda e comisario dunha exposición que poderá visitarse ata o 11 de novembro e que ten como “fío condutor a idea da pegada e a memoria”, recoñece este artista.

Contemporaneidade que parte da tradición

“O meu xeito de abordar a creación contemporánea dalgún xeito tamén pode poñer en valor parte da tradición, aínda que non sexa a miña principal intención”, recoñece este artista natural de Ribeira, cuxo interese tanto por espazos do pasado como pola propia fotografía como “representación da realidade que conforma a realidade”, levárono a empregar a fotografía atopada como material co que investigar coa técnica do fotogravado co propósito de afondar “na propia metamorfose da imaxe a súa nova temporalidade”. Así queda reflectido na serie de estampas que presenta nesta exposición e nas que, internándose na estrutura da propia imaxe, buscou que fosen “o tempo e a memoria dos propios procesos gráficos e medios de experimentación os que configuren unha nova imaxe”.

Así mesmo, A fraxilidade da memoria alberga tamén unha serie de fotografías analóxicas “que afondan na temporalidade, non só dos espazos”, senón tamén dos propios procesos de revelado fotográfico, así como una instalación na que unhas fiestras configuran “unha especie de pintura de campo expandido”, definida tamén pola pegada do tempo.

Trala pegada da memoria en Ribeira

O traballo coa técnica de fotogravado levou a Fontaíña a interesarse polas imaxes da súa propia paisaxe persoal. “Levo tempo traballando con fotografías atopadas e poder facelo con imaxes da miña zona para min era un feito importante”, recoñece este artista que nos últimos meses iniciou un labor de busca e compilación de vellas fotografías domésticas de Ribeira, un labor que, como recoñece, ten moito de “taberna e de boca a boca”, e que lle permitiu reunir ata a data máis de 150 imaxes. “Ademais do valor antropolóxico ou patrimonial que poidan ter as imaxes, están ilustrando unha parte da historia que, polo menos para min, era descoñecida”, sinala para incidir na ligazón da súa obra “coa terra e o espazo”, na que tamén pon o acento Porto, quen salienta esta mostra como a continuidade dun proxecto, que xa deu pe a outras mostras como Escoitar un río seco, exhibida en Boiro ata hai unhas semanas, nas que abordar “a problemática da identidade cultural”, de como os paisaxes e lugares “son elementos que van conformando a realidade que cada quen garda na súa memoria”

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal