xoves 14 de decembro de 2017

Sean Hamil ofrecerá unha conferencia en Ciencias Empresariais e Turismo

O director do Birkbeck Sport Business Centre falará no campus de responsabilidade social corporativa no deporte

A cita é mañá venres 15 de decembro

Duvi | Ourense

O Birkbeck Sport Business Centre é un centro de investigación da University of London que reúne a expertos e expertas internacionais en administración de deporte para realizar investigación de alta calidade neste eido. Por este motivo, asesoran a numerosas organizacións sobre xestión económica do deporte e son un referente para o sector. Este venres, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle unha conferencia do seu director e profesor Sean Hamil.

A actividade, que se enmarca no programa de internacionalización do centro e do seu Master en Xestión Empresarial do Deporte, levará por título Corporate social responsibility (CSR). Policies in sport e está aberta á asistencia das persoas interesadas. Durante a súa intervención Sean Hamil centrarase na aplicación no eido das políticas deportivas dun tema de actualidade como é a responsabilidade social corporativa e o bo goberno das institucións. O obxectivo fundamental da charla será, explica desde a organización da actividade o profesor Patricio Sánchez, “salientar os beneficios que teñen este tipo de iniciativas para as entidades que as emprenden, así como para a sociedade en xeral”.

Teoría e práctica

De xeito practico, durante a conferencia, que terá lugar ás 12.00 h, farase un repaso dos principais casos de éxito no mundo do fútbol tanto no ámbito internacional como español. En concreto, serán analizadas polo miúdo as experiencias en responsabilidade social corporativa do Aston Vila, do Celtic de Glasglow e do Aberdeen. Para a Liga Española o referente será o FC Barcelona e as súas recentes campañas neste eido. “Todos estes exemplos servirán de base para dar resposta á pregunta de se a responsabilidade social é ou non un bo negocio para o deporte”, comenta Patricio Sánchez.

O profesor Hamil exerce actualmente como director do Birkbeck Sport Business Centre ao tempo que é un recoñecido experto neste eido, contando cunha dilatada experiencia como asesor de diferentes federacións deportivas internacionais entre as que destaca a UEFA, federación que reverte todas as multas impostas polo seu Comité de Control e Disciplina en programas de responsabilidade social. Durante a conferencia tamén falará das características do centro que dirixe e do traballo que nel se realiza.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal