martes 5 de decembro de 2017

A Escola de Enxeñaría Forestal acolle un taller de iniciación a esta tecnoloxía

Un obradoiro co que perder o medo á impresión 3D

A formación abrangue do manexo dos programas informáticos ao proceso de montaxe dos dispositivos

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Con múltiples usos que abranguen dende a xeración de prototipos á elaboración de pezas para a reparación de equipamentos, a impresión 3D é unha tecnoloxía cada vez máis implantada e máis accesible. “Trátase dunha tecnoloxía que está auxe, que non é unha cousa de ciencia ficción senón algo que xa se pode ter na casa”, salienta o técnico Vicente López Díaz, Txapu, responsable xunto co técnico dos servizos informáticos da Universidade Antón Vázquez do obradoiro de iniciación a estas tecnoloxías que nestas semanas se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal. Aprender, desde cero, os procesos básicos de deseño, preparación e impresión de pezas en tres dimensións é o propósito central dun taller no que, como apuntan os seus responsables, buscan que o alumnado “perda o medo” a esta tecnoloxía.

De 30 horas de duración, a primeira edición deste taller inserido no programa de obradoiros da Vicerreitoría do campus completou as súas 20 prazas de matrícula reunindo tanto a estudantes de diferentes perfís, que abranguen tanto alumnado de enxeñarías como das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes, como a persoas alleas á comunidade universitaria. “Trátase dun obradoiro máis práctico que teórico, no que intentamos que todos vaian imprimindo pezas cada día, porque facendo probas é como se dan conta do que se pode e do que non se pode facer”, explica Txapu dun taller que se desenvolve nas tardes dos martes desde o mes de outubro.

Do primeiro deseño á impresión final

Aínda que entre os e as asistentes a este taller atópanse estudantes con formación en deseño industrial, “que só teñen que aprender esa pequena teoría de conversión dos seus modelos en 3D” para comezar a imprimir, este é un obradoiro dirixido a abordar “desde cero” o funcionamento destas tecnoloxías. Así, entre os seus contidos figuraba tanto un achegamento aos plásticos máis empregados para a impresión, como o ABS e o PLA, e aos diferentes elementos dunha impresora, como un achegamento a diferentes programas informáticos de código aberto cos que realizar o deseño das pezas.

“Entre o deseño e a impresión hai un paso intermedio, que é o fileteado, que ten moitos parámetros de axuste, que hai que ver primeiro de xeito teórico para logo saber na práctica como che interesa fabricar cada peza”, apunta Txapu da fase de construción das diferentes capas para a construción dese deseño na que se buscou afondar neste obradoiro, no que as impresións de proba se viron á súa vez complementada coa montaxe, na propia aula, de impresoras que foran adquiridas polo alumnado. “Foi algo que lles propuxemos, que se algúns querían mercar a súa impresora, xa que nestes anos baixaron moitos os prezos, montabámolas aquí”, engade López Díaz doutro traballo práctico que engadiron aos contidos do curso.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal