venres 3 de novembro de 2017

A Facultade de Dereito acolleu este venres varias conferencias sobre estas temáticas

A presunción de inocencia e a transparencia como exemplos do conflito entre o interese individual e o colectivo

A cargo de Víctor Moreno e José Julio Fernández

Rosa Tedín | Ourense

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres dúas conferencias: unha primeira sobre o dereito de defensa e a presunción de inocencia, ofrecida polo catedrático Víctor Moreno, e unha segunda sobre protección de datos e transparencia, a cargo do profesor José Julio Fernández. A pesar de ser temáticas diferentes, as dúas coincidiron en dous aspectos. Por unha banda, en estar destinadas a abordar aspectos de actualidade xurídica para contribuír a unha mellor formación do alumnado e profesorado do centro e por outra en abordar cuestións conflitivas en canto nelas se produce un choque entre os dereitos e intereses individuais e os colectivos.

Prisión provisional e presunción de inocencia

A primeira das conferencias foi a ofrecida por Víctor Moreno Catena, catedrático de Dereito Procesual da Universidade Carlos III de Madrid e membro honorífico da Facultade de Dereito de Ourense. O catedrático comezou a súa intervención fiando a temática da súa intervención, o dereito de defensa e a presunción de inocencia, e un feito de actualidade como é o auto ditado este xoves de prisión provisional para o exvicepresidente de la Generalitat Oriol Junqueras e outros sete exconsellers por delitos de rebelión, sedición e malversación de fondos. Moreno Catena debullou, tomando como referencia este caso, como se compatibiliza en dereito “a salvagarda da presunción de inocencia coa privación da liberdade”. Neste senso, apuntou, o único escenario no que está xustificada a aplicación da prisión provisional é nun caso de suposto delito de gravidade e por fins estritamente procesuais, é dicir, que sexa unha medida imprescindible para o desenvolvemento do procedemento penal e a execución da resolución definitiva que saia del. O risco de fuga, de ocultación ou destrución de probas e de reiteración delitiva, indicou o catedrático, serían os tres escenarios contemplados polo artigo 503 da Lei de Enxuizamento Criminal que abalarían esa prisión preventiva, tal e como ten recollido o auto do caso catalán.

Durante a súa intervención, o catedrático de Dereito Procesual fixo fincapé no papel “do poder xudicial como gardián da democracia e dos dereitos fundamentais”, lembrando como a democracia aséntase no concepto de estado democrático de dereito. Deste xeito, subliñou a importancia de recuperar o discurso de respecto á lei e ao procedemento establecido, tendo en conta que estes, en canto “convencións”, poden ser modificados por procedementos democráticos. Chamando a atención sobre o perigo que supón o discurso da deslixitimización da xustiza e dos xuíces “cando non me dan a razón”, Moreno Catena reivindicou “a importancia dun poder xudicial independente nun estado de dereito”.

Transparencia e protección de datos

A segunda das conferencias foi a de José Julio Fernández, profesor titular de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Estudos de Seguridade. Coa súa intervención deu inicio a programación do Curso de Actualización Xurídica 2017-2018 que organiza a Facultade de Dereito durante este curso académico para contribuír a actualizar e complementar a formación do profesorado e alumnado do centro afondando en temas de actualidade ou novidosos.

José Julio Fernández abordou na súa intervención a relación entre transparencia e protección de datos, destacando como estamos ante “un tema de seguridade” de importancia non só xurídica, xa que as medidas que se toman ao seu respecto “inflúen na vida de todos”. Deste xeito, apuntou o profesor, no eido da transparencia, ao igual que noutros temas sociais, prodúcese un conflito e búscase un equilibrio entre o respecto á liberdade individual e o interese colectivo. Durante a súa intervención, Fernández fixo un repaso polos antecedentes teóricos do modelo de transparencia do poder público desde finais do século XVIII ata chegar aos inicios da súa posta en práctica despois da Segunda Guerra Mundial no contexto europeo. Galicia, apuntou, foi a primeira autonomía en apostar pola transparencia cunha lei en 2006, poñéndose en marcha a lei estatal en 2013.

Segundo detallou José Julio Fernández aos asistentes, a actual lei de transparencia estatal segue as liñas adoptadas por outros países e contempla a publicidade activa, coa obriga de publicar información por parte do poder público; o dereito de acceso dos cidadáns á información e un sistema de garantías xurisdicionais e específicas para o seu cumprimento. Trátase, apuntou o docente, de articular un modelo de transparencia que contribúa a crear unha democracia participativa pero en conxugación co respecto ás leis no eido da protección de datos.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal