Investigación

xoves 26 de abril de 2018

A investigadora Andrea Fernández estudou os mecanismos implicados no desenvolvemento da enfermidade

Unha tese conclúe que a inflamación xerada na cavidade peritoneal é a principal causante da fibrose

Tamén deseñou un método non invasivo para medir a permeabilidade da membrana en ratos

A investigadora Andrea Fernández estudou os mecanismos involucrados no desenvolvemento da enfermidade

A fibrose, que é o resultado final de procesos inflamatorios crónicos ou intensos, é a causa do 45% das mortes nos países desenvolvidos, ademais dunha importante causa de morbilidade con gran custo económico, o que a converte nun importante problema de saúde pública. Baixo a dirección dos docentes e investigadores África González e Luiz Stark, a bióloga pola Universidade de Vigo Andrea Fernández Carrera desenvolveu a súa tese Mecanismos celulares e moleculares implicados no desenvolvemento da fibrose peritoneal, na que abordou os mecanismo celulares inflamatorios implicados no desenvolvemento da enfermidade, utilizando un método experimental en ratos.

xoves 26 de abril de 2018

Xuntanza do proxecto Aquadapt, liderado por Campus do Mar, no edificio Miralles

Proseguen os traballos para a identificar as principais medidas de adaptación da acuicultura ao cambio climático

Realizouse unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico

Foto de familia das e dos participantes no proxecto

Realizar unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico sobre os efectos do cambio climático no sector da acuicultura. Este é o principal obxectivo co que este xoves se reuniron na sala 1 do edificio Miralles os socios de Aquadapt, un proxecto liderado polo Campus do Mar, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e cuxo obxectivo principal é afondar no coñecemento do impacto do cambio climático na acuicultura para poder así deseñar accións de adaptación dirixidas a diminuír a vulnerabilidade do sector e aumentar a súa resiliencia.

mércores 25 de abril de 2018

O encontro celébrase este mércores na Facultade de Ciencias da Educación

O Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero reúne a expertas procedentes de nove universidades

Nel afóndase no libro infantil e no auxe que está a vivir o seu mercado

O encontro celébrase este mércores na Facultade de Ciencias da Educación

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle este mércores a celebración da terceira edición do Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero. Dando continuidade ás citas celebradas anos atrás en Aveiro e Zaragoza, o encontro reúne a expertas de nove universidades galegas, lusas e brasileiras co obxectivo de afondar no libro infantil como artefacto e no auxe que está a vivir o seu mercado nos últimos anos.  

martes 24 de abril de 2018

Nun diálogo organizado anualmente co gallo da celebración do Día da Terra

A investigadora Laura Movilla fala nas Nacións Unidas sobre dereitos humanos e natureza

A cita tivo lugar na sede da entidade en Nova York

Nun diálogo organizado anualmente co gallo da celebración do Día da Terra

A profesora e investigadora da Universidade de Vigo Laura Movilla vén de intervir como relatora convidada experta en dereito internacional da auga e medio ambiente no Eighth Interactive Dialogue of the General Assembly on Harmony with Nature, que celebra todos os anos desde 2009 as Nacións Unidas co gallo da conmemoración o 22 de abril do Día da Terra. A cita celebrouse na tarde deste luns, 23 de abril, no Comité Económico e Social das Nacións Unidas, na súa sede en Nova York. Durante a sesión, Laura Movilla falou sobre a interdependencia entre os dereitos humanos e os da natureza, abordando cuestións de xustiza social.

venres 20 de abril de 2018

A EE Forestal acolle o vindeiro venres 27 o Atlantic Geospatial Day

Unha xornada afondará no campus nas aplicacións da tecnoloxía xeoespacial no sector forestal

O uso de drones e tecnoloxías láser e as misións Sentinel da ESA centran o programa

 A EE Forestal acolle o vindeiro venres 27 o Atlantic Geospatial Day

Servir como punto de encontro entre desenvolvedores, usuarios e empresas do sector da tecnoloxía xeoespacial é o propósito co que, en 2016, naceu o Atlantic Geospatial Day, unha iniciativa impulsada polo mestrado en Xeoinformática, e que tras celebrar as súas primeiras edicións na EE de Telecomunicación, trasládase o vindeiro venres 27 á Escola de Enxeñaría Forestal. “Este ano orientamos a xornada a un ámbito no que as tecnoloxías xeoespaciais pensamos que poden ter moito percorrido, como é todo o que ten que ver coas ciencias da terra, os recursos naturais e a ordenación do territorio”.

xoves 19 de abril de 2018

Especialistas e profesionais do sector literario reúnense no Pazo da Cultura nun foro internacional

Un congreso pon en valor a investigación como o motor para levar a literatura á infancia

Con 125 inscritos e inscritas, céntrase na figura mediadora que selecciona e achega os produtos literarios aos nenos

Especialistas e profesionais do sector literario reúnense no Pazo da Cultura nun foro internacional

“Na base do achegamento da infancia á literatura, as lecturas das que nós lles proveamos van determinar o seu futuro como lectores ou lectoras competentes”, salienta a profesora Isabel Mociño, coordinadora, xunto coa tamén docente da Universidade de Vigo Eulalia Agrelo e a coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, Eva Mejuto, do I Congreso Internacional de Mediación Lectora, que desde este xoves se desenvolve no Pazo da Cultura. Faino poñendo o foco na importancia da investigación como a chave que achegará unha “formación sólida” aos mediadores e mediadoras, as figuras responsables de proporcionar e recomendar lecturas a nenas e nenos.

xoves 19 de abril de 2018

Un equipo da Ecimat traballa neste tema baixo o amparo do proxecto europeo Assemble+

A criopreservación podería supor toda unha revolución para a acuicultura

Investigan con especies que non se empregaron nunca neste tipo de experimentos: o mexillón e a ameixa

Equipo de criopreservación Foto: Pablo Heres

A criopreservación é a día de hoxe unha das técnicas máis aceptadas e con máis proxección de futuro para o mantemento a longo prazo de material biolóxico a temperaturas moi baixas, brindando a posibilidade de desconxelalo, e lograr que sobreviva aos procesos de conxelación e desconxelación. A aplicación destas técnicas de conservación de organismos podería ter límites insospeitados, sobre todo no futuro, tamén no campo da acuicultura, onde a súa aplicación podería supor toda unha revolución. Así o defende o equipo de especialistas que, liderados pola investigadora Estefanía Paredes, traballa desde a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, na investigación de protocolos de criopreservación.

xoves 19 de abril de 2018

A actividade desenvolverase os días 4 e 5 de maio na Facultade de Historia do campus

Un simposio internacional de arqueoloxía medieval afondará no proxecto do Castelo de Malpaso

O Geaat ten realizado dúas campañas de estudo deste enclave do Concello de Allariz

A actividade desenvolverase os días 4 e 5 de maio na Facultade de Historia do campus

A principios do ano 2016, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Universidade de Vigo, puxo en marcha o Proxecto Sancti Salvatoris co obxectivo de estudar e valorizar un xacemento altomedieval situado nas inmediacións da aldea de San Salvador dos Penedos, en Allariz, e coñecido como Castelo de Mouresiños ou Castelo do Malpaso. Tras dúas campañas de traballo nel, os días 4 e 5 de maio a Facultade de Historia do campus de Ourense acollerá un Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval que permitirá dar a coñecer este traballo e avanzar coas achegas de diferentes expertas e expertos.

martes 17 de abril de 2018

As aplicacións abren liñas de aproveitamento para administracións públicas e empresas

As universidades de Vigo e Oviedo patentan drones para detectar minas antipersoa e medir emisións electromagnéticas de antenas

As aplicacións abren liñas de aproveitamento para administracións públicas e empresas

Sistema radar embarcado no drone patentado

Froito da colaboración que comezaron hai un par de anos, pero que se remonta seis máis atrás, as universidades de Vigo e Oviedo patentaron drones coa finalidade de detectar minas antipersoas e medir emisións electromagnéticas de antenas. O catedrático Antonio García Pino e os investigadores Borja González-Valdés e Yolanda Rodríguez Vaqueiro do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e os seus homólogos do grupo de Teoría de la Señal y Comunicaciones de la Universidad de Oviedo.

martes 17 de abril de 2018

A cita celébrase desde este martes e ata o xoves no campus

O II Congreso Euroamericano de Dereito e Política arranca con máis dun centenar de comunicacións presentadas

Está coorganizado entre as universidades de Vigo e a Fluminense de Río de Janeiro

A cita celébrase desde este martes e ata o xoves no campus

Desde este martes e ata o xoves, o campus de Ourense acolle a celebración da segunda edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política, coorganizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, en Brasil. A cita cumpre o seu segundo ano superando o centenar de comunicacións e a asistencia de arredor de 150 persoas, medio centenar procedentes da outra beira do Atlántico. Nesta ocasión, o evento centra o seu interese no desenvolvemento sostible, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. 

Seguinte | Última

1 de 252

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal