Publicacións

luns 17 de novembro de 2008

No libro “La financiación autonómica en los Estatutos de Autonomía”

17 especialistas analizan, baixo a dirección da catedrática Ana Mª Pita Grandal, o sistema de financiamento autonómico

Os constantes cambios e modificacións derivados das transferencias de competencias do Estado ás Comunidades Autónomas fan do financiamento autonómico un campo en constante evolución. Para analizar os cambios do actual sistema de financiamento autonómico, a catedrática de Dereito Financeiro e Tributario, Ana María Pita Grandal, reuniu as achegas e opinións de 17 expertos universitarios que agora se presentan nunha nova publicación. La financiación autonómica en los Estatutos de Autonomía é unha obra colectiva na que se afonda no sistema vixente actualmente nas Comunidades Autónomas así como as súas debilidades e as liñas a desenvolver no futuro.

xoves 13 de novembro de 2008

Na presentación do seu libro "La Transición. Síntesis y claves"

O ex ministro Sánchez-Terán incide no carácter pacifista da transición española

O autor estivo acompañado durante a conferencia por José Luis Baltar e Emilio Atrio

O escritor Sánchez-Terán, Ernesto Pedrosa, vicepresidente do Consello Social e Ignacio Rodríguez, secretario do Consello Social na presentación do libro aos medios A transición española marcou a época máis importante da historia recente do noso país, por iso paga a pena recordar e analizar cales foron os principais consensos que permitiron eses anos de paz, democracia e desenvolvemento. Este é precisamente o obxectivo que se marcou Salvador Sánchez-Terán no seu libro La Transición. Síntesis y claves.
José Luis Baltar Pumar, presidente da Deputación Provincial de Ourense e Emilio Atrio Abad, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, acompañaron ao autor durante a presentación da obra. Baltar destacou que existe un interese crecente no tema que trata Sánchez-Terán “polo modélica e exemplar que foi a nosa transición”.

mércores 12 de novembro de 2008

Expertos da Universidade participan nun libro sobre a fronteira e a identidade raiana

Entre os autores están os profesores Xulio Pardellas, Camino Noia e Xosé Manuel Cid

Fronteiras, identidades transfronteirizas e relacións na raia son obxecto de análise e principais temáticas do libro As fronteiras e as identidades raianas entre Portugal e España, no que colaboran varios profesores e investigadores da Universidade de Vigo. Xulio Pardellas, Camino Noia e Xosé Manuel Cid comparten autoría con numerosos expertos nos campos da historia e da antropoloxía nun libro que pretende ser unha reflexión sobre o patrimonio cultural construído a través do territorio transfronteirizo.

venres 7 de novembro de 2008

24 historias populares narradas en catro idiomas

"Contos de ida e volta", mostra de plurilingüismo que difunde o patrimonio cultural galego

O Proxecto Ronsel ven de publicar Contos de ida e volta, unha escolma de 24 relatos presentes na tradición oral de Galicia. O volume está escrito en catro linguas diferentes: galego, castelán, inglés e francés, co obxectivo de achegar os nosos contos e lendas máis coñecidos a outras culturas.
Os textos foron escollidos e reescritos de catro antoloxías de narrativa galega oral e da revista Nós (1920-1936), polo poeta Xabier Xil Xardón, antigo alumno da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade. “O raposo e o galo”, “O merlo e a formiga”, “A madriña Morte”, “A filla casadeira”, “Chuscurruschús, señor cura!” e “O xastre valente” son algúns dos títulos que podemos atopar. Outros coma “Paxariño pinto” e “O tolo e o avisado” son froito das lembranzas do propio Xabier.

venres 31 de outubro de 2008

Obra dos profesores Baraja, Sánchez e Fraíz

A xestión dos investimentos deportivos ao descuberto en "Indicadores para la evaluación de la inversión en deporte en Galicia"

A importancia da actividade deportiva na sociedade actual é un feito incuestionable. Boa mostra diso é o crecemento que experimentou a inversión, tanto pública como privada, neste campo, aínda que non existe un control rigoroso deses investimentos, nin unha avaliación da eficacia da súa xestión. O libro Indicadores para la evaluación de la inversión en deporte en Galicia nace, precisamente, da necesidade latente de avaliar dende un punto de vista obxectivo o conxunto das inversións en actividades e infraestruturas deportivas.

xoves 30 de outubro de 2008

Fernando Ramos presenta no seu último libro as claves do protocolo como ferramenta na comunicación das empresas

A obra do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación leva por título "El protocolo en la empresa"

As empresas relaciónanse cada vez máis coas suas contornas e este cambio nas súas actuacións sitúaas ante novos desafíos e dificultades, pero tamén constitúen oportunidades de ofrecer unha boa imaxe. O novo libro do profesor Fernando Ramos, El protocolo de empresa. Herramientas para crear valor pode servir de guieiro para todas elas. Ramos vén de publicar esta obra, froito da súa colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia nunha colección de libros de empresa, que presenta como “un traballo de síntese sobre todos os aspectos que teñen que algo que ver coa comunicación corporativa na empresa”.

venres 1 de agosto de 2008

Con motivo da súa xubilación como profesor de literatura

A Universidade homenaxea a Méndez Ferrín coa edición do poema “A un meu fillo” en dezaoito linguas

"a un HOME noso" recolle traducións ao hebreo, sueco, polaco, serbocroata ou aragonés


Tillbaka i Vilanova efter att ha sett otaliga länder... ; Amikor visszatérsz Vilanova ds Infantes-be...; Pa distroi da Vilanova dos Infantes...; Kehrst du zurück nach Vilanova dos Infantes...; kshe-tahzor le-Vilanova dos Infantes...En sueco, húngaro, bretón, alemán e hebreo, así son os primeiros versos do poema A un meu fillo, que traducido a un total de dezaoito linguas, compoñen o libro co que a Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo súmase ás homenaxes que se lle están a render ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín con motivo da súa xubilación como profesor de literatura.

martes 29 de xullo de 2008

Segundo o libro “Vigo, de la antigua ciudad amurallada al casco viejo actual” de Alejandro Martínez

Equilibrio arquitectónico, urbanístico e social, claves na rehabilitación do Casco Vello

O autor da publicación é encargado da Unidade Técnica da Universidade

Alejandro Martínez na presentación do seu libro A súa paixón polo Casco Vello levou a Alejandro Martínez, un dos encargados da Unidade Técnica da Universidade de Vigo, a publicar un libro sobre as posibilidades de rehabilitación que ten esta zona da cidade e que, segundo o autor, debe amosar “un equilibrio social, urbanístico e arquitectónico, sen permitir a múltiple consecución de atropelos aos que se someteu durante os últimos anos”. Vigo, de la antigua ciudad amurallada al casco viejo actual, realiza un recorrido pola historia do Casco Vello vigués, desde os seus inicios ata o futuro que se aveciña, con programas de intervención e convenios asinados con diferentes administracións.

luns 28 de xullo de 2008

Educación sexual, e-learnig e titorías, protagonistas do segundo número da Revista de Formación e Innovación Educativa

Editada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Continuando co seu labor de dar a coñecer as novidades e investigacións realizadas en relación co ensino universitario, xa está dispoñible na dirección http://webs.uvigo.es/refiedu/, unha nova edición de REFIEDU, a revista dixital editada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.
Destinada ao profesorado, REFIEDU é unha publicación trimestral que persigue “por unha banda, dar a coñecer as actividades innovadoras que están facendo outros profesores, e, por outra, axudar a súa difusión”, comenta o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e editor da revista, Pedro Membiela, “dous obxectivos fundamentais para contribuír á mellora educativa, á vez que complementarios.

martes 24 de xuño de 2008

Os alumnos de Química contan cunha publicación que facilitará a súa adaptación ao EEES no eido das matemáticas

Cun manual elaborado por profesores do Departamento de Matemáticas

Como consecuencia do novo enfoque nos métodos docentes que require a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o Servizo de Publicacións da Universidade vén de editar un novo manual. Elaborado polo Departamento de Matemáticas, servirá como material básico de traballo aos alumnos do primeiro curso da licenciatura en Química.
Baixo o título Matemáticas para Química, o libro está dirixido ao traballo, tanto individual coma de aula, que o estudante debe desenvolver para acadar as competencias tanto teóricas coma prácticas e instrumentais, requiridas nos novos planos de estudo.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal