Publicacións

luns 22 de xaneiro de 2018

Este luns presentouse 'Mujer, Política e Igualdad. De las palabras a los hechos'

Un libro e 23 especialistas para evidenciar a desigualdade de xénero no estado contemporáneo

A amplo panel de temas abordados na obra abrangue desde cuestións históricas a laborais

Este luns presentouse o libro 'Mujer, Política e Igualdad. De las palabras a los hechos'

Plasmar como a igualdade formal entre homes e mulleres non se traduce nunha igualdade real entre homes e mulleres para avanzar na súa consecución. Con este reto, este luns presentouse na Facultade de Dereito do campus de Ourense o libro electrónico Mujer, Política e Igualdad. De las palabras a los hechos. Nel recóllense as actas das XII Xornadas Sociedade e Dereito, celebradas neste mesmo centro do 28 de marzo ao 5 de abril de 2016 coa participación de 23 especialistas do ámbito político, social, cultural e académico. 

xoves 18 de xaneiro de 2018

Unha publicación recolle a tese de doutoramento de Isaura das Dores Gomes de Sousa

Os “encantos” da lingua portuguesa e do seu ensino, en 1000 páxinas

A mestra xa xubilada explica a súa experiencia aplicando unha metodoloxía renovadora nas aulas

A obra recolle a tese de doutoramento de Isaura das Dores Gomes de Sousa

Encantos de uma Língua Falada e Escrita. Um Projecto de Investigação-Acção para o Ensino da Língua Portuguesa. Con este título vén de saír do prelo un libro no que a mestra xa xubilada Isaura das Dores Gomes de Sousa dá a coñecer ao público interesado a súa tese de doutoramento, presentada no ano 2009 na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.  Os dous tomos que conforman a publicación son o froito da traxectoria persoal e profesional da autora ao longo de 46 anos de docencia.

luns 15 de xaneiro de 2018

Principal vehículo de expresión dos estudos sobre lingua e literatura española no sur de Galicia

Filoloxía e Tradución celebra o 20 aniversario da revista 'Hesperia'

A publicación inicia unha nova etapa na que se irá abandonando progresivamente o papel

José Montero, Susana Rodríguez e Antonio Rifón cós últimos exemplares da revista

A Facultade de Filoloxía e Tradución celebra este ano o 20 aniversario da revista Hesperia, principal vehículo de expresión dos estudos sobre lingua e literatura española no sur de Galicia. Nacida no seno do extinto Departamento de Filoloxía Española e dirixida polo catedrático José Montero Reguera a publicación inicia agora unha nova etapa na que, en consonancia coas tendencias actuais, irá abandonando progresivamente o papel e converterase nunha publicación dentro do sistema OJS (Open Journal System) incorporada ao portal de revistas dixitais da Universidade de Vigo.

mércores 10 de xaneiro de 2018

O catedrático Carlos Lago afonda no libro ‘Cortita y al pie’ na faceta pedagóxica destes profesionais

40 consellos para mellorar as capacidades dos adestradores de fútbol

A publicación presenta unha serie de estratexias para trasladar coñecementos nas sesións preparatorias

O investigador de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago

Máis aló dun coñecemento profundo da disciplina, no labor dun adestrador de fútbol resulta clave saber como trasladar os seus coñecementos de forma axeitada aos e ás deportistas, como e cando corrixir determinados comportamentos ou como xestionar posibles conflitos. “Invístese moito tempo en analizar aspectos tácticos do xogo e moi pouco en saber como trasladar esa información aos xogadores”, sinala  o catedrático Carlos Lago, quen no seu novo libro Cortita y al pie reúne 40 consellos dirixidos a adestradores e adestradoras, tanto de categorías de formación como profesionais.

martes 9 de xaneiro de 2018

Foron publicados no xornal Faro de Vigo entre 1963 e 1971

Filólogos vigueses reúnen nun libro toda a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro

O primeiro volume da obra, editada por Galaxia, recolle uns 200 artigos

Xosé-Henrique Costas e Iago Castro, autores do libro

Saíu xa do prelo un primeiro volume e, en breve, farao o segundo. Os filólogos vigueses Iago Castro e Xosé-Henrique Costas acaban de publicar, baixo o selo da editorial Galaxia, o libro No obradoiro do fabulador, un traballo no que recollen toda a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro publicada no xornal Faro de Vigo entre 1963 e 1971, centos de artigos nos que están moitas das chaves da súa produción literaria, personaxes, mitos, libros e autores admirados... non en van, a xuízo dos editores, estes artigos son o “verdadeiro obradoiro literario” do autor nos seus últimos 15 anos de vida.

venres 29 de decembro de 2017

Segundo os datos recollidos polo grupo G4 Plus no informe de 2016 do Observatorio Urbano

Pontevedra é a urbe galega menos envellecida e con maior esperanza de vida

Pola contra, sitúase nunha posición “media-baixa” en termos de actividade económica e empresarial

Corbacho, Gulías e Figueroa

Nunha comparativa das sete cidades galegas, Pontevedra sitúase nunha posición media-alta en termos de cohesión social e nun lugar medio-baixo, aínda que cunha evolución positiva, no relativo a actividade económica e empresarial. Esta é dunha das conclusións que se extraen do informe correspondente ao ano 2016 do Observatorio Urbano da cidade elaborado polo grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no marco dun convenio de colaboración co Concello. Un total de 1.203.988 valores socioeconómicos recóllense nun documento que sitúa a Pontevedra como a cidade con menor idade media e maior esperanza de vida de Galicia.

venres 22 de decembro de 2017

Reitor e conselleiro presentaron un libro que vai moito máis aló do catálogo da exposición

A exposición do Pergamiño Vindel recibiu xa máis de 23.000 visitantes

O interese xerado fai que a partir de xaneiro o Museo do Mar abra as súas portas tamén os luns

Román Rodríguez, Salustiano Mato e Francisco Singul

A exposición do Pergamiño Vindel, Un tesouro en sete cantigas, recibiu desde o pasado 10 de outubro a visita de máis 23.000 persoas, o que converte o regreso a Vigo da principal xoia da literatura galega medieval no acontecemento cultural do ano en Galicia. O interese xerado está a superar todas as expectativas, tal e como subliñaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na rolda de prensa de presentación do catálogo da exposición, “unha obra que vai moito máis aló dun simple catálogo”, segundo o conselleiro, e que se converte, tal como recalcou o reitor, “nun auténtico regalo de Nadal para todos os galegos e galegas”.

xoves 21 de decembro de 2017

Dous profesores do Departamento de Matemáticas traducen á lingua propia o ‘Arenarius’ de Arquímedes

Números xigantes por primeira vez en galego

Segundo José Nicanor Alonso e Ángel Mirás é posiblemente “o libro de divulgación científica máis antigo da historia”

Segundo destacan José Nicanor Alonso e Ángel Mirás é, probablemente, “o libro de divulgación científica máis antigo da historia”

O número máis grande que adoitan recoller os dicionarios soe ser o quintillón ou o sextillón. Isto serve para facérmonos unha idea da complexidade de imaxinar a magnitude dun número xigante. Este problema á hora de nomear os números grandes xa preocupaba aos grandes pensadores do mundo antigo e, de feito, é o tema central do Arenarius de Arquímedes. Agora este texto está dispoñible en galego por primeira vez grazas ao traballo dos profesores Miguel Ángel Mirás e José Nicanor Alonso, do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo. A tradución acaba de ser publicada no portal Bivir (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego) e como destacan os docentes, é “probablemente o libro de divulgación científica máis antigo da historia”.

xoves 21 de decembro de 2017

A organización internacional publica os resultados do estudo realizado

Santiago Lago participa na avaliación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal feita pola OCDE

O documento sinala que AIReF contribuíu a unha mellor xestión fiscal en España

O documento sinala que AIReF contribuíu a unha mellor xestión fiscal en España

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) foi establecida en 2013 como parte dun proceso estatal de reforma cuxo obxectivo era reforzar o marco fiscal español, cumprir con novas obrigacións europeas, así como restablecer as finanzas públicas de España e colocalas nunha senda sustentable. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OCDE, acaba de presentar un estudo de avaliación de AIReF asinado, entre outros, polo catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago.

mércores 20 de decembro de 2017

Os profesores Martinho Montero e Ana Acuña reúnen nunha publicación diferentes recursos didácticos

Unha escolma de propostas para achegar o Pergamiño Vindel a escolares

O volume permite abordar nas aulas as cantigas, a lírica trobadoresca e o seu contexto histórico

A publicación pode descargarse da rede

Ata marzo de 2018 pode contemplarse no Museo do Mar de Vigo o Pergamiño Vindel, o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo do trobador medieval Martin Codax, que, da man da Universidade de Vigo e da Xunta, chegaba en outubro a Galicia por primeira vez. Co propósito de dotar dunha serie de recursos que permitan sumar unha perspectiva didáctica ás visitas que os centros de ensino realicen á exposición Un tesouro en sete cantigas, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais impulsou unha publicación dixital, elaborada por Martinho Montero Santalha e Ana Acuña.

Seguinte | Última

1 de 39

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal