Opinión

martes 16 de maio de 2017

A Universidade lembra o autor ourensán na celebración do Día das Letras Galegas 2017

O acto institucional de celebración desta data será o martes 23 no edificio Miralles

Foto do autor publicada na web da Fundación Carlos Casares “Máis partidario da imaxinación que da fantasía”, “home de escrita moi prolífica”, “un dos mellores narradores que teña dado a Galicia do século XX”, “unha mente sagaz que nunca rexeitou someterse ao xuízo dos seus contemporáneos”... Con estas e outras verbas lembra neste artigo o profesor e escritor Manuel Forcadela a Carlos Casares, ou autor elixido para celebrar o Día das Letras Galegas 2017.
A Universidade de Vigo súmase con este artigo aos actos de homenaxe que hoxe se espallan por todo o país en lembranza dun autor que, ademais do seu labor como creador literario, xogou un importante papel como colaborador xornalístico, docente, tradutor, axente cultural e representante político. O acto institucional de celebración desta data será o vindeiro martes 23, coincidindo coa entrega dos Premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria 2017.

luns 16 de maio de 2016

Na celebración do Día das Letras Galegas

O escritor e profesor Manuel Forcadela repasa sesenta de vida pública como poeta do autor homenaxeado

Manuel María fotografiado por Xurxo Lobato Foi un dos poetas galegos máis populares do século XX e Galicia enteira réndelle homenaxe neste 17 de maio, Día das Letras Galegas. Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) foi un dos escritores máis activos e comprometidos dos últimos tempos e desde a Universidade de Vigo quérese tamén lembrar nesta data a importancia da súa figura. A homenaxe chega da man do escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Manuel Forcadela, quen comparte co autor homenaxeado o seu gusto e aprezo pola poesía, a narrativa e o ensaio libre.
O acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas será na Universidade o vindeiro 26 de maio no campus de Ourense e nel entregaranse os Premios de poesía, relato curto e tradución aos novos valores da creación literaria da Universidade de Vigo.

venres 15 de maio de 2015

A Universidade súmase aos actos de celebración do 17 de maio

A catedrática Camiño Noia lembra a figura do ilustre galeguista, doutor honoris causa da Universidade de Vigo

Investidura de José Filgueira Valverde como doutor honoris causa da Universidade de Vigo o 31 de maio de 1996 En plena celebración do 25 aniversario da Universidade de Vigo é tempo de botar a ollada atrás e lembrar datas e persoeiros que, dun ou outro xeito, contribuíron a facer o camiño do que é hoxe esta institución. E, entre os múltiples nomes a lembrar e enxalzar está, como non podía ser doutra maneira nesta fin de semana, o de José Filgueira Valverde, quen o 31 de maio de 1996 foi investido doutor honoris causa desta Universidade. Foi nun acto celebrado no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal no campus de Pontevedra e exerceu como madriña a catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, quen agora lembra neste artigo a figura “do polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega”, “pioneiro na investigación” e “merecente da homenaxe que este ano recibe nas Letras Galegas”.
A Universidade, que cada ano colabora na organización do Memorial Filgueira Valverde, festexará o vindeiro xoves 21 de maio o acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas.

venres 16 de maio de 2014

Na celebración do Día das Letras Galegas

O profesor Gonzalo Navaza, recoñecido poeta, rende homenaxe a unha obra “cume da poesía galega”

O autor homenaxeado, Xosé María Díaz Castro Aínda que o acto institucional de celebración do Días das Letras Galegas será na Universidade de Vigo a vindeira semana, nesta data tan especial para o pobo galego o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) repasa neste artigo para o Duvi o que considera un dos libros “cumes da poesía galega”, Nimbos de Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-1990), poeta ao que este ano se rende tributo. Recoñecido poeta e tradutor, perfil que comparte con Díez Castro, Navaza bota tamén unha ollada aos máis de sete lustros que o autor homenaxeado dedicou á tradución de linguas románicas e xermánicas en Madrid para diferentes institucións ministeriais.

luns 9 de setembro de 2013

O docente do Máster en Xestión Empresarial do Deporte reflexiona sobre a decisión do COI

Para Patricio Sánchez A decisión do Comité Olímpico Internacional de outorgar a Toquio os Xogos Olímpicos de 2020 en detrimento de Madrid, abre a porta ás análises sobre os motivos que determinaron tal elección. Neste artigo de opinión, Patricio Sánchez, docente do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, debulla as razóns polas que, ao seu entender, o COI inclinouse pola capital nipona, deixando a Madrid fóra da poxa. Sánchez que asegura que “a concesión dos Xogos á cidade nipoa non é unha sorpresa”, sostén que foron razóns económicas as que frustraron as aspiracións olímpicas da capital española, rematando a súa reflexión cunha chamada de atención sobre a relevancia do “compoñente económico” na planificación deportiva.

venres 7 de xuño de 2013

No Día Mundial dos Océanos

O director do Campus do Mar apela á necesidade de eliminar fronteiras entre disciplinas para coñecer o mar

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é un espazo tradicionalmente ligado ao mar A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que a partir de 2009 cada 8 de xuño se celebrase o Día Mundial dos Océanos como unha boa oportunidade para crear conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a comunidade internacional en relación con esta temática. A celebración ten un sabor especial na Universidade de Vigo e no Campus do Mar, un proxecto liderado dende Vigo e co que se convida á humanidade a estudar todos os ámbitos de coñecemento relacionados co mar.
Para celebrar este día organizouse, en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, unha visita divulgativa á Illa de Ons e, dende o Duvi, Emilio Fernández, director do Campus do Mar, reflexiona neste día sobre todas as oportunidades que o océano trae consigo.

xoves 16 de maio de 2013

Na celebración do Día das Letras Galegas

O profesor Xosé Henrique Costas lembra no Duvi a “un dramaturgo crítico e retranqueiro”

Roberto Vidal Bolaño        Foto: Henrique Alvarellos Unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles fixeron que neste 2013 se lle dedique o Día das Letras Galegas ao escritor, actor e autor de teatro Roberto Vidal Bolaño. Cando chega o día grande da homenaxe, este 17 de maio, a Universidade de Vigo súmase ás moreas de actividades que por todo o país e alén das nosas fronteiras lembran a súa figura. Adiantándose á celebración o vindeiro venres do acto institucional de conmemoración desta data, o profesor Xosé Henrique Costas lembra neste artigo de opinión a figura do que denomina “un dramaturgo crítico e retranqueiro”, “un home polifacético ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incompresible sen as súas achegas”.
Autor de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral, Vidal Bolaño falece no 2002 con tan só 52 anos cando estaba no mellor da súa vida creativa. Xosé Henrique Costas lembra neste artigo como, ao pouco de producirse esta morte tan extemporánea, o Consello de Goberno da Universidade decidiu bautizar o teatro do campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.

martes 30 de abril de 2013

Co gallo do 1º de Maio

As altas cifras de paro e a falta de efectividade das reformas laborais executadas, alicerces do artigo de opinión de Fracisca Fernández Prol A sociedade española ten que enfrontarse a unha realidade non vivida nunca antes: unha taxa de desemprego que supera o 27% a nivel nacional, o 57% cando se fala de menores de 25 anos. Unhas taxas tras as que se agochan historias de "mozos e mozas que teñen vetado o acceso ao mercado laboral", de traballadores e traballadoras cunha ampla experiencia profesional pero "laboralmente desafiuzados" ou expostos "a un poder empresarial cada día máis arbitrario”. Estes son os alicerces do artigo de opinión escrito por Francisca Fernández Prol, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Vigo, co gallo do Día Internacional dos Traballadores. Experta en salario en especie, folga en servizos esenciais, pluriemprego e pluriactividade, as súas investigación céntranse na actualidade na Política Europea de Emprego, na conciliación da vida persoal e familiar e na igualdade de trato e non discriminación por mor do xénero.

martes 2 de abril de 2013

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo analiza para o Duvi o actual panorama laboral

A Semana Santa dá un pequeno respiro a unha cuestión que afecta xa a máis de 5 millóns de persoas

A taxa de desemprego xuvenil supera en España o 55,5% 5.035.243 parados en España, máis de cinco millóns de afectados por unha crise que destruíu 3,2 millóns de empregos no último lustro. Mentres o sector servizos foi o que máis notou o pequeno respiro de Semana Santa, que deixou 4.979 desempregados menos en marzo, en canto á idade os mozos e mozas seguen sendo as principais vítimas. Alberto Vaquero, profesor da Economía Aplicada da Universidade de Vigo e antigo asesor do Ministerio de Educación e Ciencia e do Consello Económico e Social de España, reflexiona no Duvi sobre as causas que levaron a España a este desolador panorama e os posibles camiños a emprender para saír del. O abandono escolar na época de bonanza económica, a falta de inversión en capital humano e unha das taxas de temporalidade laboral máis altas de Europa son algunhas das causas que se agochan tras os máis de 5 millóns de nomes anotados no Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).

mércores 20 de marzo de 2013

Por José Manuel Moreno, director da Área de Proxectos Corporativos de Santander Universidades

1439 estudantes dos tres campus solicitaron unha das 118 bolsas Santander-CRUE-Cepyme

gal1.jpg 1439 alumnos inscritos, 1187 deles dos dous campus da provincia de Pontevedra, e 252 de Ourense. Un total de 192 empresas, 126 de Pontevedra e 66 de Ourense. As cifras falan por si mesmas, o interese que o programa de bolsas Santander-CRUE-Cepyme esperta na Universidade de Vigo continúa crecendo e as cifras de solicitudes, tanto do alumnado como do empresariado, dobran as da pasada edición. Mentres no curso pasado ofertábanse 64 bolsas para realizar tres meses de prácticas en empresas da contorna percibindo un total de 1800 euros, para esta nova convocatoria o Banco Santander reservou para a Universidade de Vigo 118 bolsas. José Manuel Moreno, director da Área de Proxectos Corporativos de Santander Universidades, reflexiona no Duvi sobre a importancia que teñen as pequenas e medianas empresas para facer fronte á crise e sobre os beneficios das sinerxías entre estas e as universidades, como fontes xeradoras de coñecemento e innovación.

Seguinte | Última

1 de 6

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal