Investigación

venres 19 de xaneiro de 2018

A tese de Sergio Pérez Treus analiza os aspectos que determinan o rendemento na categoría de K1 200m

No piragüismo, os primeiros metros son decisivos

Nesta distancia, atopou unha alta correlación entre a potencia na fase de saída o resultado final

A súa investigación centrouse no kaiak individual. Foto: Federación Galega de Piragüismo

Coñecer que parámetros fisiolóxicos determinan o rendemento nunha modalidade, a de kaiak individual na distancia de 200 metros (K1 200m), na que a información científica era “moi reducida” dentro dun deporte pouco estudado como é o piragüismo foi o propósito central da tese de doutoramento de Sergio Pérez Treus, quen constatou a importancia que ten a fase de saída nesta modalidade. As medicións que realizou con kaiakistas de elite permitiron a este investigador constatar unha “alta correlación” entre a potencia relativa exercida nos dez primeiros metros co resultado final.

venres 19 de xaneiro de 2018

Os investigadores Fran Ramil e Marta Gil describen catro novas especies destes animais mariños

Unha nova especie de hidrozoo para a avoa Leonisa

O descubrimento realizouse en colaboración co IEO, ao abeiro do proxecto EcoAfrik

Imaxe de 'Diphasia africana' e 'Diphasia digitalis'

Leonisa González nunca entendeu que a súa neta, Marta Gil, lle gustasen as Ciencias do Mar e moito menos que se dedicase, con gran devoción, ao estudo dos hidrozoos, non obstante, sempre a apoiou. Froito dese traballo, Marta, xunto ao docente e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Fran Ramil, describiu catro novas especies de hidrozoos, que forman parte do filo dos Cnidarios, no que tamén se inclúen as anemones, corais e medusas, entre outros. Diphasia leonisae é a denominación da primeira especie nova que describiu Marta Gil, que non perdeu a oportunidade de dedicarlle o achado a súa avoa Leonisa, “que a segue a apoiar en todo canto está a facer”, sinala Ramil.

mércores 17 de xaneiro de 2018

Segundo un estudo realizado pola investigadora da Universidade de Vigo Laura Ruiz

O 20% do alumnado do campus presenta unha conduta sedentaria

Os resultados empregaranse no deseño dun programa piloto para reducir esta porcentaxe

Os resultados empregaranse no deseño dun programa piloto para reducir esta porcentaxe. Na imaxe Laura Ruiz nun posto dos Martes Saudables

“O 20,6% do alumnado do campus de Ourense presenta unha conduta sedentaria, sen existir diferenzas significativas entre mulleres e homes”. Esta é unha das principais conclusións dun estudo realizado pola investigadora predoutoral da Universidade de Vigo Laura Ruiz. Os resultados obtidos neste traballo serán empregados para o deseño e implementación dun programa piloto que permita reducir esta incidencia na comunidade universitaria.  

mércores 17 de xaneiro de 2018

A tese de Marta Román confirma que as concas máis poboadas rexistran cantidades maiores deste elemento

Un estudo analiza como afecta o exceso de nitróxeno procedente da actividade humana ás praderías mariñas galegas

As achegas excesivas de nutrientes acaban degradando os ecosistemas ou provocando incluso a súa desaparición

Estas achegas excesivas de nutrientes acaban degradando os ecosistemas e provocando en casos extremos a súa desaparición

A eutrofización é a acumulación de residuos orgánicos no litoral mariño, que causa unha fertilización excesiva e xera a proliferación de organismos fotosintéticos cuxa descomposición provoca déficit de osíxeno e incremento da turbidez. As consecuencias deste proceso pasan por unha redución da diversidade biolóxica e a degradación de ecosistemas como as praderías mariñas dos estuarios galegos. A tese de doutoramento de Marta Román, dirixida polos profesores Gonzalo Méndez e Emilio Fernández, céntrase precisamente en analizar os efectos ambientais do proceso de eutrofización, principalmente o impacto do nitróxeno, sobre este tipo de hábitats mariños. Os resultados confirman que as praderías das concas máis poboadas rexistran entradas maiores de nitróxeno.

martes 16 de xaneiro de 2018

Deseñado pola enxeñeira de Minas Carla Iglesias

Novo sistema de visión artificial capaz de clasificar as placas de lousa en función da súa calidade

Suporá importantes melloras para un sector industrial de grande importancia e tradición en Galicia

Carla Iglesias  desenvolve na súa tese de doutoramento este novo sistema de visión artificial

Os xacementos de lousa que predominan en Ourense e se estenden por Castela e León son de importancia mundial e fan que España sexa o principal produtor e exportador de lousa ornamental. Durante os últimos trinta anos, a evolución do sector foi constante e a día de hoxe a maior parte dos labores, tanto en mina como en nave, están mecanizados, todos salvo o labrado, selección e clasificación das placas, que se fan manualmente dende hai medio século. Ata o de agora non se dispoñía de ningunha tecnoloxía desenvolvida abondo como para poder levar a cabo estas tarefas de clasificación de xeito automático, algo ao que lle pon solución a tese de doutoramento da enxeñeira de Minas Carlas Iglesias.

luns 15 de xaneiro de 2018

Sesións informativas para a comunidade investigadora sobre as oportunidades de financiamento 2018-2020

Como podo conseguir fondos europeos H2020?

Segundo a Área Técnica de I+D+i as oportunidades de éxito multiplícanse con respecto a anos anteriores

A xornada deste luns tivo lugar na sala 1 do Edificio Miralles

 A Área Técnica de I+D+i está a levar a cabo en colaboración coas diferentes agrupacións estratéxicas da propia Universidade de Vigo unha serie de xornadas sobre as oportunidades de financiamento ás que pode optar a comunidade investigadora dentro do programa europeo Horizonte 2020. Centradas por ámbitos de especialización, este luns tivo lugar unha charla específica para as investigadoras e investigadores do ámbito mariño e mañá martes celebrarase outra centrada no reto NMBP (Novos materiais, tecnoloxías e industrias sostibles).

luns 15 de xaneiro de 2018

A iniciativa está financiada con 115.000 euros polo programa Cyted

A rede Aqua-Cibus bota a andar co obxectivo de fortalecer o sector acuícola en Iberoamérica

O catedrático da Universidade de Vigo Jesús Simal é o seu coordinador

O catedrático da Universidade de Vigo Jesús Simal é o seu coordinador

Promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sostible en Iberoamérica a través da cooperación científica e tecnolóxica. Con este obxectivo preséntase a rede Aqua-Cibus, unha das 26 redes que se poñen en marcha ao abeiro da convocatoria 2017 do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo Cyted. Liderada polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (Cia3) da Universidade de Vigo e coordinada polo seu responsable, o catedrático Jesús Simal, este novo instrumento conta coa implicación de grupos de investigación e empresas de España, Portugal, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica e Ecuador.  

venres 12 de xaneiro de 2018

Investigadores de Vigo e da UDC analizaron o uso desta rede en Galicia nas eleccións municipais de 2015

Os “partidos tradicionais” xeran en Twitter “comunidades dispersas”

Fronte ao modelo de rede xerada por PPdeG e PSdeG, o BNG articulaba unha comunidade “heterárquica”

 Imaxe da rede xerada polo PSdeG nos comicios analizados

Grupos de seguidores e seguidoras que difunden mensaxes e interactúan entre eles e coas contas do partido, o uso das rede social Twitter para a comunicación política xera unha serie de comunidades virtuais de usuarios cunha “elevada polarización” que responden a diversos tipos de estruturas. Así o puido comprobar o profesor de CCSS e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, quen nun estudo realizado xunto á investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro, analiza a estrutura xerada nesta rede social polas principais formacións políticas en Galicia durante a campaña das eleccións municipais de 2015.

mércores 10 de xaneiro de 2018

Luis Alexandre Lopes Frazao probou con éxito a súa proposta na vila lusa de Memória

Unha tese deseña un modelo de xestión para redes sen fíos no rural

A ferramenta busca un cobertura máis sinxela, económica e sostible nestas zonas

A ferramenta busca un cobertura máis sinxela, económica e sostible nestas zonas. Imaxe: Luis Alexandre Lopes Frazao

Na “aldea global” que hoxe é Internet non todas as “aldeas” poden acceder a ela como sería previsible. Deste xeito, sinala Luis Alexandre Lopes Frazão, “a oferta real de Internet non é igual para todos debido á non rendibilidade da implementación destes servizos nas zonas rurais”. Buscando un avance neste eido, este investigador desenvolveu na súa tese de doutoramento un modelo de xestión para redes sen fíos en áreas rurais que foi probado con éxito na vila lusa de Memória.  

mércores 10 de xaneiro de 2018

Pode visitarse ata o 10 de febreiro no edificio de Ciencias Experimentais

Chega a Vigo a exposición que pon en valor o invisibilizado saber das mulleres do mar

Composta por 28 paneis aborda en clave feminina a historia de diferentes oficios vinculados ao sector

A mostra pode visitarse ata o 10 de febreiro no edificio de Ciencias Experimentais

Tras o seu paso pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra este mércores chegou a Vigo a exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, unha mostra composta por 28 paneis nos que se amosa unha escolma de fotografías que, desde 1917 ata a actualidade, poñen rostro a múltiples mulleres que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar. O obxectivo: visibilizar o seu papel e a súa contribución á economía do mar.

Seguinte | Última

1 de 245

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal