Institucional

xoves 24 de xaneiro de 2008

O Edificio Xurídico Empresarial acolleu a sinatura do convenio

Os alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo realizarán prácticas nos hoteis Hesperia

Incorporar alumnos en prácticas remuneradas a unha das principais cadeas hoteleiras de España e completar así a súa formación fóra das aulas é o obxectivo principal do convenio que a Facultade de Empresariais e Turismo asinou co grupo Hesperia. O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e Ramón Braña, director da zona de Galicia da cadea, foron os encargados de representar a ambas entidades na firma do convenio.

xoves 24 de xaneiro de 2008

A subsecretaria de Defensa visita o campus para asinar un protocolo que promove a adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade


A subsecretaria de Defensa, María Victoría San José, visita este venres o campus para a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Universidade de Vigo que facilitará o desenvolvemento da nova Lei da Carreira Militar pola que se promove a adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade. O reitor, Alberto Gago, será o encargado de asinar por parte da institución viguesa un acordo que ten como principal obxectivo a constitución dun grupo de traballo que estude as necesidades e propoña a normativa pertinente para a creación dun centro universitario da defensa e a súa adscrición á Universidade de Vigo.

xoves 24 de xaneiro de 2008

A candidatura viguesa da Universiada chega ao Comité Olímpico Español

En Fitur dará o seguinte paso

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, coñecerá este venres a proposta que fai Vigo para converterse na sede da Universiada 2013, un evento de capital importancia de cara á proxección internacional da cidade. A vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, forma parte da delegación encargada de presentar en Madrid os detalles do proxecto e as infraestructuras que se desenvolverán no caso de que a proposta saia adiante.

mércores 23 de xaneiro de 2008

O Consello de Goberno ratifica os premiados na convocatoria extraordinaria de fin de carreira e de doutoramento

Máis da metade dos galardoados son do campus de Ourense

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou, na súa sesión ordinaria, a relación de Premios Extraordinarios de Fin de Carreira do curso 2006-2007 e os Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao ano académico 2005-2006. En total, repartiranse 36 insignias da Universidade entre os Premios Extraordinarios de Fin de Carreira, das cales 14 se repartirán a egresados do campus de Ourense, 4 de Pontevedra e 18 de Vigo. No relativo aos Premios Extraordinarios de Doutoramento, repartiranse 21 medallas, oito no ámbito científico, sete no tecnolóxico, tres no xurídico-social e outros tres no humanístico.
Na mesma sesión apoiouse a convocatoria de axudas de Extensión Universitaria para o asociacionismo estudantil e a organización de obradoiros, actividades extraacadémicas e de difusión cultural. Xunto a estes acordos aprobouse tamén a sinatura de convenios para a posta en marcha de estudos de posgrao.

martes 22 de xaneiro de 2008

Domingo Docampo dirixirá a Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica para Galicia

Coa finalidade de contratar investigadores altamente cualificados que lideren proxectos e plans do IN.CI.TE.


O catedrático e ex-reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, será o encargado de dirixir o programa IMAN ou Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica. Na súa presentación, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, salientou a dilatada experiencia de Docampo e o seu amplo coñecemento do sistema galego de I+D+i. Segundo Blanco, estas características son imprescindibles para desenvolver as funcións de director do programa IMAN, unha iniciativa que ten como finalidade a contratación de investigadores altamente cualificados para liderar proxectos estratéxicos para Galicia.

martes 22 de xaneiro de 2008

Os premios extraordinarios fin de carreira e doutoramento preséntanse este mércores a Consello de Goberno

A orde do día inclúe tamén as axudas de Extensión Universitaria para o 2008

A proposta de premios extraordinarios de fin de carreira e premios extraordinarios de doutoramento é o tema máis destacado do Consello de Goberno que se vai celebrar este mércores a partir das 10.00 horas na sala de xuntas da Reitoría. No total de nove puntos que conforman a orde do día inclúense as axudas de Extensión Universitaria para o 2008 a aprobación de diferentes convenios, tanto con organismos nacionais como internacionais.

luns 21 de xaneiro de 2008

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense:

"O proxecto estrela para este ano é o Campus Terrae, que inclúe temas ambientais e organización de espazos"

Juan Francisco Gálvez deixou o seu posto como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática para converterse, en xuño do 2006, en vicerreitor do campus de Ourense. Tras ano e medio no cargo ao fronte do campus, conversa co Duvi para facer balance e presentar os novos proxectos do equipo de goberno para este ano, entre os que destaca o Campus Terrae. Ademais, analiza a integración do campus na cidade de Ourense, a repercusión da próxima inauguración do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), o número de matrículas e o futuro das titulacións ante o reto da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.

luns 21 de xaneiro de 2008

No marco do programa Tempus

A ORI traslada os seus coñecementos aos membros de doce universidades tunesinas

Amelia Rodríguez impartirá unha conferencia sobre o Programa de Aprendizaxe Permanente

O próximo mércores é a data fixada para a partida da responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez Piña, cara a Túnez, onde será a encargada, xunto coa súa homóloga da Universidade de A Coruña, de impartir un seminario sobre o novo Programa de Aprendizaxe Permanente, que sucede ao antigo Sócrates. “Os aspectos relativos aos proxectos Erasmus, Comenius e Grundtvig serán os que centren a miña exposición”, segundo apunta Amelia Rodríguez.

venres 18 de xaneiro de 2008

J.Mª. Cancela, decano de CC da Educación:

"Sempre intentamos que as titulacións se axusten ás necesidades profesionais"

Desde que se creou a Facultade de Ciencias da Educación no ano 1998, o centrou sufriu importantes cambios, desde a ampliación do nome en febreiro do 2006, pasando a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ata a construción do novo edificio no campus da Xunqueira a finais dese mesmo ano. Con este último proxecto o centro que acolle as catro titulacións de Ciencias da Educación e a Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, pasou a integrarse moito máis nos plans que a Universidade de Vigo ten para o campus de Pontevedra. O 15 de decembro de 2006, tiveron lugar as eleccións a decano na nova ubicación da facultade, sendo elixido para un período de tres anos José María Cancela Carral. Entrado xa o 2008, o decano fala sobre os proxectos que teñen para o novo ano.

xoves 17 de xaneiro de 2008

Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova:

“O que diferenza a nosa caixa do resto das españolas é a orientación empresarial”

Durante unha conferencia da Cátedra Álvarez Ossorio

A participación empresarial de Caixanova, o plan de expansión para os dous próximos anos e as aportacións que desde a entidade se teñen realizado co obxectivo de modernizar Galicia, son os eixes sobre os que xirou a conferencia que Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, ofreceu dentro das actividades da Cátedra Álvarez Ossorio, creada pola Universidade en colaboración coa Escola Naval Militar de Marín. Para entrar en materia, o relator destacou “a dimensión que Caixanova ten acadado dende o ano 1998” como un dos principais puntos de apoio cara a expansión internacional, posto que “a pretensión para o futuro é chegar a ser a caixa española de referencia fóra das nosas fronteiras”, tal como o propio Gayoso afirma.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

243 de 252

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal