Institucional

martes 6 de novembro de 2007

Ángeles Hermida, primeira vicexerente do campus de Pontevedra

A Universidade segue avanzando co labor de descentralización dos campus

O obxectivo que se propuxo o equipo reitoral que encabeza Alberto Gago de descentralizar os campus e liberar ao de Vigo de todas as xestións administrativas correspondentes a Pontevedra e Ourense, segue avanzando co nomeamento da primeira vicexerente do campus pontevedrés. Ángeles Hermida Paredes, a nova vicexerente reuniuse hoxe co Reitor, Alberto Gago, na compaña do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, e da actual vicexerente do campus de Ourense para concretar as primeiras actuacións e obxectivos do mandato. Hermida expresou a súa gratitude e ilusión afirmando que “persoalmente é un reto co que estou moi ilusionada posto que son de Pontevedra e poder desenrolar a carreira profesional na miña cidade natal".

martes 6 de novembro de 2007

Trala aprobación da nova Lei da Carreira Militar

A Escola Naval de Marín decidirá qué grao da Universidade de Vigo estudan os cadetes

Alberto Barciela Rodríguez, director xeral de Ensinanza Militar, e responsables do Ministerio de Defensa reuníronse este martes co Reitor, Alberto Gago, con motivo da recente aprobación por parte do congreso da nova Lei da Carreira Militar, que fai a previsión da adscrición das academias militares ás universidades, incluíndo a impartición dos futuros títulos de grao. Os representantes do corpo militar presentaron unha proposta de convenio para constituír unha comisión de estudo que durante o 2008 decidirá qué grao é o escollido de entre os propostos na oferta da Universidade.

mércores 31 de outubro de 2007

Homenaxeouse a tres xuristas caldeanos

Rotundo éxito a todos os niveis do curso “Galicia, vista polo Dereito”


Cumprindo os obxectivos previstos e incluso superándoos remata o curso “Galicia, vista polo Dereito”celebrado no castelo de Castro Caldelas. O proxecto, nacido con vocación de unir esforzos entre varias Facultades contou coa presencia maioritaria de relatores do ámbito do dereito e educativo(os organizadores) pero tamén participaron ponentes da Facultade de Historia coma Jesús de Juana, catedrático da Universidade de Vigo.

mércores 31 de outubro de 2007

A Universidade rompe unha lanza a favor do labor dos deportistas de elite

O triatleta Javier Gómez Noya e o iudoka Miguel Romero reciben a insignia de ouro da institución

O Reitor, Alberto Gago, rompeu este mércores unha lanza a favor dos deportistas universitarios coa entrega das insignias de ouro da institución ao triatleta Javier Gómez Noya e o iudoka Miguel Romero, a Universidade desmárcase así do escaso recoñecemento que tradicionalmente fai a universidade española a este tipo de deportistas. Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Javier Gómez Noya é gañador da Copa do Mundo de Triatlón 2006 e 2007 e Miguel Romero gañou 6 medallas de ouro obtidas en distintas edicións dos Campionatos de España Universitarios e representou á Universidade na Universiada de Bangkok 2007. “Admiramos moito o que facedes, como competides e os resultados que alcanzades. Isto non sempre está valorado pero, podedes estar seguros de que desde aquí si que o estades”, afirmou o Reitor.

mércores 31 de outubro de 2007

O 71% do titulados universitarios están traballando, segundo un estudo da ACSUG

O tempo medio para atopar un contrato é de 5 meses

O 71.06% dos egresados universitarios están traballando, dos cales só un 5.69% o fai nun sector non relacionado cos seus estudos. Estes son os datos que desprende dun estudo da ACSUG sobre a inserción laboral dos titulados nas universidades galegas entre 2003 e 2005. No que se refire ao nivel de inserción, os titulados cunha taxa máis alta son os que cursaron Ensinanzas Técnicas, cun 77.53%, seguidos de Ciencias da Saúde, cun 73.99% e de Ciencias Experimentais cun 54.13% de inserción laboral. O soldo medio destes universitarios é de 1.056 euros mensuais.

 

martes 30 de outubro de 2007

No Edificio Fernández López do Museo de Pontevedra

A figura de Laxeiro protagoniza o acto de apertura do VI Memorial Filgueira Valverde

As actividades organizadas continuarán ata o 31 de outubro

Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, foi o protagonista do acto de apertura do VI Memorial Filgueira Valverde. A súa gran traxectoria e contribución á arte galega do século XX, non pasaron desapercibidos para os organizadores do evento, que decidiron dedicarlle esta edición á súa figura. O acto, que tivo lugar este luns no Edificio Fernández López do Museo de Pontevedra, contou coa presenza de destacadas autoridades que quixeron dar o seu apoio e mostrar a súa satisfacción pola celebración do memorial que leva o nome do polígrafo pontevedrés.

venres 26 de outubro de 2007

Grazas ao proxecto europeo Tempus

Marrocos creará Oficinas de Relacións Internacionais tomando Vigo como referencia

Comité de benvida Catorce universidades e o Ministerio de Educación marroquís porán en marcha Oficinas de Relacións Internacionais tomando a ORI viguesa como punto de referencia, unha demostración máis de que “a Universidade de Vigo se está a converter nun referente en temas de mobilidade e calidade” en palabras do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. O vicerreitor fixo estas declaracións na clausura este venres no Edificio Miralles do proxecto europeo Tempus que, liderado pola Universidade de Vigo, permitirá a posta en marcha en Marrocos dunha estrutura organizada de Oficinas de Relacións Internacionais universitarias, algo inexistente ata o inicio deste proxecto.

mércores 24 de outubro de 2007

Dentro das actividades do programa ISEP

Un comité de profesores de universidades dos EE.UU. visita o campus de Vigo

Unha representación de profesores de universidades estadounidenses que participan no programa ISEP están percorrendo España para coñecer as nosas costumes, estilo de vida e as actividades académicas de universidades que tamén colaboran neste proxecto de intercambio de estudantes. Vigo, Santiago, Navarra e Alfonso X son a universidades elixidas por este tour que nestes días se achega ao campus. Eva Garea, técnica superior da ORI, e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, encargáronse de dar a benvida ao grupo.

 

mércores 24 de outubro de 2007

Como pioneira no uso desta tecnoloxía de telepresenza

A Universidade acreditará a calidade de todas as salas AccessGrid de España

Como pioneira no uso da tecnoloxía AccessGrid para congresos e reunións a distancia, a Universidade de Vigo acaba de ser designada para acreditar a calidade deste tipo de salas en España. As características das tres coas que conta a institución serán o patrón a seguir polo resto das máis de 20 salas do estado.
O sistema AccessGrid é unha tecnoloxía de telepresenza baseada en software libre, pola que apostan, sobre todo, os organismos públicos, universidades e centros de investigación. A Universidade foi a institución elixida para testear as salas españolas. “Para acadar este nomeamento, a sala do campus de Vigo tivo que pasar uns controles moi exhaustivos xa que vai ser o patrón co que se van confrontar outras salas a nivel nacional”. Segundo Vicente Goyanes, “para nós isto supón un importante recoñecemento de que estivemos apostando por esta tecnoloxía case dende o primeiro momento”.

mércores 24 de outubro de 2007

Miguel Ángel Nombela, director da Área Estudantes e Deportes:

“A Universiada sería un enorme logro tanto a nivel deportivo coma cultural”

Miguel Ángel Nombela, decano durante anos da Facultade de Ciencias do Mar, desempeña agora o cargo de director da Área de Estudantes e Deportes, un órgano creado co obxectivo, entre outros,de actuar de enlace entre os estudantes e a administración universitaria. O novo curso chega cun reto especial, a Universiada, Nombela comenta que suporía para Vigo e, para a Universidade en particular, a celebración dun acontecemento deportivo e cultural deste nivel.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

240 de 244

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal