Hemeroteca

Entradas da axenda para luns 20 de novembro de 2017

luns 20 de novembro de 2017

Organizado pola Área de Formación e Innovación Educativa

Será os días 23 e 24 deste mes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Ángela Arias e Roberto Baelo, docentes do curso

Dende sempre, un dos aspectos que xeran maior preocupación no contexto educativo é o desenvolvemento académico e persoal do alumnado, tamén na Universidade. Este é un dos motivos polos que a Área de Formación e Innovación Académica lanzou este cuadrimestre o curso Iniciación ao coaching educativo na contorna universitaria, que se impartirá entre o 23 e o 24 de novembro, en horario de tarde, no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A resposta do Persoal Docente e Investigador da Universidade non se fixo esperar, e aos poucos días de abrirse a matrícula o número de solicitudes -45- duplicou o de prazas ofertadas -20-. 

luns 20 de novembro de 2017

A Red Intur vén de conceder os seus galardóns anuais

A estudante do campus de Ourense Jackeline Elizabeth Fernández é a súa autora

A Red Intur vén de conceder os seus galardóns anuais

A Red Intur, formada por 27 universidades estatais nas que se imparten posgraos en turismo, convoca cada ano un certame que ten como obxectivo premiar aos mellores traballos fin de mestrado presentados en España durante o último curso. Entre as 40 propostas presentadas este ano, Jackeline Elizabeth Fernández, estudante do Master Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde da Universidade de Vigo, fíxose cunha das dúas distincións extraordinarias outorgadas. No seu traballo aborda o turismo experiencial e de emocións na Ribeira Sacra, concluíndo como “este destino conta co potencial de recursos e compoñentes necesarios para converterse nun destino de turismo experiencial e de emocións”.

luns 20 de novembro de 2017

O programa de actividades que complementan o desfile Debut arrincou este luns cos primeiros talleres

Silvia Fervenza e Guy Pranzili abordaron os editoriais de moda e Viviana Araújo a creación de complementos florais

Belas Artes acolle unha serie de talleres inseridos na programación de Debut

Na noite do xoves, 15 novas tituladas e titulados de Esdemga presentarán no Pazo da Cultura as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos nunha nova edición de Debut, un desfile que, cada ano, vén acompañado dun programa de actividades centradas no mundo da moda. Programa que a titulación de Belas Artes puxo en marcha este luns cun taller dirixido a achegar ao alumnado aos traballos de maquillaxe e peiteado para a fotografía de moda e coa primeira sesión dun workshop no que a artesá Viviana Araújo explicará ás estudantes como construír con tea diferentes tipos de flores.

luns 20 de novembro de 2017

David Posada repite por 17º ano consecutivo no listado internacional 'Highly Cited Researchers'

O catedrático pasou de traballar no ámbito da Bioloxía Evolutiva a estudar o cancro

David Posada no seu despacho

Por decimo sétimo ano consecutivo, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada confírmase como un dos investigadores máis citados do mundo. Así o reflicte o Highly Cited Researchers 2017 Clarivate Analytics, o listado anual que inclúe ás e aos principais investigadores das ciencias e ciencias sociais de todo o mundo con máis citas, no período comprendido entre os anos 2005 e 2015. En total son arredor de 3400 as e os investigadores de todo o mundo que aparecen na lista deste ano, elaborada a partir dos artigos que están entre o 1% dos máis citados por campo e ano, os denominados highly cited papers, publicados en revistas científicas e de ciencias sociais indexadas na web Science Core Collection

luns 20 de novembro de 2017

Con entrada de balde, a cita será do 22 ao 24 de novembro no Teatro Afundación

Os documentais 'Mareas Vermellas' e 'O descoñecido mundo dos signátidos' son os grandes reclamos da programación

José Luis González, Mª Teresa Fernández e Manuel J. Fernández Iglesias na presentación

É unha das grandes citas da programación cultural de outono e este ano, no que acada xa a súa XXVII edición, a Semana de Cine Submarino cede todo o protagonismo aos grandes tesouros do mar galego. A cita será do 22 ao 24 de novembro, pero hoxe os seus organizadores, avanzaron os detalles dunha edición na que os grandes protagonistas son os documentais galegos Mareas Vermellas, de Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera; e SyngDoc: o descoñecido mundo dos signátidos, un traballo asinado por Miquel Planas e no que se desvelan os principais segredos do día a día dos cabaliños de mar.

luns 20 de novembro de 2017

María Lobo e Roi Guitián, de Gingko, ofreceron unha conferencia en CC da Educación e do Deporte

No coloquio, achegaron ao alumnado a diferentes proxectos educativos multimodais

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu unha conferencia sobre narrativas multimodais

A narrativa, “contar historias, foi algo que sempre se utilizou no proceso de ensino e aprendizaxe”, sostén María Lobo, responsable, xunto con Roi Guitián, de Gingko, unha empresa especializada en proxectos educativos e comunicativos. Ambos achegáronse ata a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para amosar ao alumnado unha serie de proxectos educativos que desenvolveron con diferentes colectivos e que teñen como nexo de unión o uso de “narrativas multimodais”, a combinación de múltiples elementos, desde a fotografía, o vídeo e as redes sociais, para dar forma a iniciativas didácticas.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal