Hemeroteca

Entradas da axenda para xoves 9 de novembro de 2017

xoves 9 de novembro de 2017

A morte e a caricaturización do poder foi o eixo argumental desta obra de teatro

No escenario combináronse a danza, a interpretación e as artes plásticas

A morte e a caricaturización do poder foi o eixo argumental desta obra de teatro

Un rei que se aferra ao poder; un rei que basea o seu trono na disciplina da soberbia e unha noticia, que non é quen de aceptar. Con estas premisas, a compañía Sarabela Teatro representou unha nova versión de Le Roi se meurt, do escritor romanés Eugène Ionesco, no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria este mércores. Esta peza dramática forma parte da oferta cultural do primeiro cuadrimestre de Extensión Universitaria.

xoves 9 de novembro de 2017

A máster class patrocinada pola Agadic arrinca a vindeira semana en CCSS e da Comunicación

Longametraxes, series, curtas, un documental e unha conferencia integran o programa da sétima edición

Sutil, Corbacho e Pérez, na presentación do curso

Desde o seu nacemento en 2010, a Máster Class Audiovisual Galego Augal achegou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación máis de 60 profesionais do audiovisual galego, que presentaron preto de 50 producións nun curso que completaron 800 estudantes e que achegou a preto de 5000 persoas ás súas diferentes proxeccións. Con estas cifras como balance, o curso coordinado polos profesores Miguel Anxo Fernández, Paulino Pérez e Fortunato Rodríguez co patrocinio da Agadic, presentou este xoves a súa sétima edición, que entre os meses de novembro e abril achegará ao campus longametraxes como as premiadas Mimosas e Dhogs, filmes de animación como O Apóstolo, documentais, series e curtametraxes.

xoves 9 de novembro de 2017

CC Xurídicas e do Traballo acolle hoxe e mañá unhas xornadas coa participación de destacados expertos

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo analizou na sesión inaugural a estratexia Crecemento Azul

CC.Xurídicas e do Traballo acolle hoxe e mañá unhas xornadas coa participación de destacados expertos

Enfrontarse á competencia de zonas francas en países que non teñen as limitacións que se derivan do Dereito da Unión Europea e adaptar o seu funcionamento ás novas regras do Dereito aduaneiro. Estes son dous dos retos aos que as e os especialistas consideran que as zonas francas deben responder neste século, todo iso ademais, nun novo contexto internacional, no que as novas rutas marítimas, as autopistas do mar, o desenvolvemento de determinados países ou zonas e un novo contexto internacional, obrigan a atender a unha realidade cambiante.

xoves 9 de novembro de 2017

O físico Luis Gimeno participa nun proxecto internacional sobre o fin do Período Húmido Africano

Os resultados do estudo veñen de ser publicados en 'Nature Communications'

O físico Luis Gimeno participa nun proxecto internacional sobre o fin do Período Húmido Africano. Imaxe: Oficina de Turismo de Marrocos

O Sáhara non sempre foi sinónimo de deserto. A comunidade científica ten rexistros que demostran que cando menos houbo tres períodos nos que foi unha zona húmida. O máis recente deles, chamado Período Húmido Africano, estímase que se desenvolveu entre hai 10.000 e 5000 anos. Un grupo de investigadores de varias institucións europeas, entre os que está o físico da Universidade de Vigo Luis Gimeno, veñen de facer público en Nature Communications un estudo no que se argumenta por primeira vez que o remate deste último Período Húmido Africano se produciu de forma “abrupta e simultánea” hai arredor de 5500 anos como consecuencia do arrefriamento que tivo lugar nas latitudes altas e medias do planeta.

xoves 9 de novembro de 2017

Filoloxía e Tradución acolleu a proxección dun filme realizado polos descendentes do seu descubridor

A profesora da USC Mariña Arbor encargouse de contextualizar a importancia do documento

Mariña Arbor cun facsímile do manuscrito

 A historia do Pergamiño Vindel chegou este xoves a Vigo en forma de película coa proxección na Facultade de Filoloxía e Tradución de El manuscrito Vindel, un filme no que se narra a historia do descubridor desta xoia literaria e musical, “un documento único no que se fala dun Vigo do século XIII no que se escribía e cantaba en galego”, tal e como lembrou Camiño Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo intres antes do inicio da proxección.

xoves 9 de novembro de 2017

A Casa das Campás acolle ás xornadas 'EcocríticAs'

Unha performance e unha instalación creada con materiais de refugallo completan os coloquios da xornada

A Casa das Campás acolle as xornadas 'Eco-críticAs: palabras e imaxes'

Partindo da idea de que “vivimos nun sistema que explota con mecanismos semellantes á muller é a natureza, no que se naturaliza á muller e se feminiza á natureza, pero sempre cun ánimo utilitarista”, o proxecto de investigación Eco-ficcións: discursos emerxentes sobre mulleres e natureza en Galicia e Irlanda, ten como propósito, como sinala a súa coordinadora, Manuela Palacios, atopar novos discursos que aborden esa relación muller-natureza. 

xoves 9 de novembro de 2017

A súa relación coa península analízase no campus nunhas xornadas en CCSS e da Comunicación

Promovidas pola Fundación CEER, parten da análise das relacións xeoestratéxicas de España e Portugal

A súa relación coa península debátese no campus nunhas xornadas promovidas pola Fundación CEER

En 1994, China superou por primeira vez no século XX o Produto Interior Bruto de España. 23 anos despois, xa supón preto do 15% do PIB mundial e os seus grupos económicos teñen cada vez unha “maior presencia en España”, apunta Federico Aznar, subdirector do Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE) e coordinador das xornadas que promoven na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un debate respecto da importancia deste país asiático para España en Portugal nos eidos da xeoestratexia e as relacións sociais, económicas e políticas.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal