Hemeroteca

Entradas da axenda para venres 10 de novembro de 2017

venres 10 de novembro de 2017

O vindeiro martes arranca a quinta edición do Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal

Serán cinco sesións de conferencias e relatorios ao longo do mes

Un dos relatorios da da edición de 2016

Dentro do eido do Dereito Mercantil, a lexislación concursal é unha das que más cambios ten experimentados nos últimos anos, polo que a actualización de coñecementos é básica tanto para estudantes como para profesionais. Por este motivo, hai xa cinco anos naceu na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal, que dirixen os profesores Anxo Tato e Julio Costas e coordina o docente Pablo Fernández Carballo-Calero. O vindeiro martes 14 arranca a quinta edición deste programa, que ao longo deste mes achegará ao campus a destacados expertos neste eido.

venres 10 de novembro de 2017

A tese de Jonathan Juncal avalía o funcionamento e impacto das nove aplicacións

Gratuítas e adaptables para calquera móbil ou tableta, empregan pictogramas, imaxes ou caracteres

Captura dunha das aplicacións

Para as persoas con algún tipo de discapacidade comunicativa os teléfonos intelixentes e as tabletas ofrecen unha nova posibilidade para abrir vías alternativas para interaccionar coa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social. O proxecto Accegal, que arrancou en 2011 da man do Grupo de Tecnoloxías da Información da EE de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago, traballa para crear aplicacións con esta finalidade. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean na comunicación alternativa e aumentativa. Un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, avaliou o impacto e a efectividade destas nove aplicacións dentro da súa tese de doutoramento. Entre todas elas acumulan máis de 80.000 descargas.

venres 10 de novembro de 2017

A Universidade e a Fundación Laxeiro organizan un curso sobre sexualidade e creación artística

A actividade pretende rachar cos modelos patriarcais da produción cultural

A Universidade e a Fundación Laxeiro organizan un curso sobre sexualidade e creación artística

“A arte pode amosar condutas e aspectos sexuais e, polo tanto, revelar os presupostos ideolóxicos e culturais en que se basean”. Esta é a base sobre a que se asenta o curso A arte do sexo: sexualidade, creación e xénero segundo o seu coordinador e profesor de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. A actividade, organizada pola Unidade de Igualdade, terá lugar na Fundación Laxeiro entre os días 13 e 15 deste mes, e está dirixida tanto a creadores e creadoras como a estudantes e profesorado dos eidos artísticos, especialmente aos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, así como público en xeral interesado na arte ou na igualdade de xénero.

venres 10 de novembro de 2017

O campus únese un ano máis á Olimpíada Solidaria de Estudo

Empresas colaboradoras serán as que transformen en diñeiro o esforzo do alumnado

O campus únese un ano máis á Olimpíada Solidaria de Estudo

Un ano máis o campus de Ourense súmase á celebración da Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de sensibilización e solidariedade internacional a través da cal as horas de estudo das persoas participantes son transformadas por empresas colaboradoras en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Do 5 de novembro ao 5 de decembro, os usuarios e usuarias da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense están chamados a colaborar nesta iniciativa e contribuír a recadar fondos para o Congo.  

venres 10 de novembro de 2017

Segundo recolle unha investigación do grupo Remoss, de Ciencias da Educación e do Deporte

Na simulación dun rescate a 75 metros realizada,o percorrido total diminuía en preto dun 20%

Segundo recolle unha investigación do grupo Remoss, de Ciencias da Educación e do Deporte

O uso de materiais de rescate como aletas ou tubos tense amosado como un valioso aliado para os e as profesionais do socorrismo, ao contribuír a diminuír o tempo investido nunha intervención no que cada segundo gañado aumenta as posibilidades de supervivencia da vítima. Mais, como constatou o grupo de investigación Remoss nun estudo recentemente publicado na revista Wilderness & Environmental Medicine, non só por facer máis rápido o rescate, senón tamén porque “reducen de forma significativa o total de metros percorridos polo socorrista”, como explica Roberto Barcala, investigador principal do grupo.

venres 10 de novembro de 2017

Convócase o certame de debuxo e redacción dos centros da área científica-tecnolóxica do campus

Está aberto á participación do alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense

Convócase o certame de debuxo e redacción dos centros da área científica-tecnolóxica do campus

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Co obxectivo de aproveitar esta conmemoración para contribuír a visibilizar e potenciar o papel da muller na I+D+i, o pasado ano a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática uníronse para pór en marcha un concurso escolar con esta temática. A segunda edición deste certame xa está en marcha e as entidades promotoras animan aos centros e ao alumnado de Primaria e Secundaria da provincia a unirse a esta iniciativa.  

venres 10 de novembro de 2017

Nenas e nenos puideron degustar estes froitos no magosto celebrado no centro

No marco das actividades vinculadas a esta estación desenvolvidas nas últimas semanas

Nenas e nenos puideron degustar estes froitos no magosto celebrado no centro

Como colofón a unhas xornadas na que o outono constituíu o eixo das actividades que se desenvolven nas súas aulas, a celebración e o recendo a castañas marcaron este venres na Escola Infantil do campus. Coa colaboración das familias e do servizo de cociña do centro, nenos e nenas puideron degustar nesta xornada os froitos máis populares do outono, nun magosto no que a degustación de castañas asadas e cocidas se completou con música e xogos. “É unha actividade que facemos todos os anos, porque os magostos son unha das tradicións máis típicas desta época”, salienta a directora do centro.

venres 10 de novembro de 2017

Tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores, será do 1 ao 3 de decembro no edificio Cambón

Ofértanse 40 prazas e a inscrición, aberta ata o 20 de novembro, é totalmente gratuíta

Cartel desta edición do 3DS Vigo Mar

Tras o éxito das dúas edicións anteriores, a última hai dous anos celebrada na illa de San Simón, retorna a Vigo 3 Day Startup, unha oportunidade para todos aquelas mozas e mozos con ideas emprendedoras que queiran pór en marcha unha iniciativa emprendora ou, simplemente, reforzar as súas competencias profesionais á hora de iniciar o difícil camiño da inserción laboral. A cita será nesta ocasión no centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia no edificio Cambón do 1 ao 3 decembro, tres días nos que terán a oportunidade de vivir en primeira persoa todo o proceso de xeración dun proxecto empresarial, desde o nacemento da idea ata o contacto real co mercado e a presentación ante posibles investidores.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal