Deportes

mércores 23 de xaneiro de 2008

Os Canóns do Sil, protagonistas dun roteiro cultural

Terá lugar o vindeiro sábado 26 de xaneiro

Esta fin de semana os roteiros culturais chegan ás terras do Sil cunha etapa por unha das zonas máis emblemáticas da paisaxe ourensá. Os participantes percorrerán os 18 quilómetros que separan os Peares do miradoiro dos Canóns do Sil, pasando polo mosteiro de San Estevo. Dende a organización, José García-Calvo comentou a “fermosura da etapa que parte dun pobo moi curioso, os Peares, na desembocadura do Sil no Miño e que ademais ten a característica especial de que a metade del pertence á provincia de Lugo e a outra metade á de Ourense” explicou.

martes 22 de xaneiro de 2008

Primeira derrota da tempada para o equipo de xadrez

O equipo escolar acadou unha importante vitoria a domicilio

O equipo de xadrez da Universidade de Vigo sufriu esta fin de semana a súa primeira derrota ante o Club Karpov de Pontevedra. O exceso de confianza e a pericia dos rivais, fixeron que os universitario perdesen un encontro que, a priori, non semellaba complicado. Ao remate dos seis taboleiros, o marcador recollía un resultado final de 4-2, para un Karpov que soubo aproveitarse das concesións do Universidade de Vigo sobre todo na segunda parte do enfrontamento. Fronte á xornada negativa para o primeiro equipo, o combinado escolar acadou esta fin de semana unha importante vitoria a domicilio ante o Torpedo Gallaecia.

 

martes 22 de xaneiro de 2008

O Servizo de Deportes planta cara á vida sedentaria na primeira edición das Xornadas da Actividade Física e Saúde

A actividade conta cun amplo respaldo da comunidade universitaria

Xornadas de Actividade Fisica e Saude O novo ano trae consigo novos propósitos e, pese a estar a piques de comezar os exames, a comunidade universitaria deu un amplo respaldo á iniciativa do Servizo de Deportes para plantar cara ao sedentarismo e concienciar a estudantes, pdi e pas da importancia de realizar exercicio físico. Así foron máis de cincuenta persoas as que este martes acudiron ao Pavillón de Deportes para participar nas I Xornadas da Actividade Física e Saúde.
Román Lago, responsable da unidade de Actividade Física Personalizada da Área de Deporte e Saúde, explicou que “intentamos facer algo moi práctico, pois a nivel teórico todo o mundo sabe que facer exercicio físico é bo pero, na realidade, moi pouca xente se anima a facelo.”

martes 22 de xaneiro de 2008

Primeira proba da tempada

Notable éxito do equipo feminino no II Duatlón Cross Concello de Poio

Nunha proba de considerable esixencia técnica, como foi o II Duatlón Cross Concello de Poio, o equipo feminino da Universidade de Vigo desempeñou un papel destacable, acadando Sandra Santodomingo e Jessica Pacífico o terceiro e quinto posto respectivamente na categoría absoluta. Pola súa banda, a formación masculina logrou un oitavo posto para José Comesaña e unha meritoria sexta posición na clasificación xeral para o equipo de triatlón. Pola súa banda, a formación masculina logrou un oitavo posto para José Comesaña.

martes 22 de xaneiro de 2008

Comeza o prazo para inscribirse nas Escolas Deportivas e rematan as ligas universitarias

A oferta de cursos inclúe dende aquafitness ata remo pasando polo ioga ou o kick boxing

Xa está aberto o prazo para os membros da comunidade universitaria que desexen inscribirse no segundo cuadrimestre das Escolas Deportivas. A Universidade ofrece unha ampla proposta de actividades e, concretamente, o campus de Ourense en colaboración con diferentes ximnasios e institucións da cidade ofrece un total de 23 actividades.
Ademais, esta semana rematan as ligas universitarias de fútbol sala, fútbol 7 e baloncesto.

luns 21 de xaneiro de 2008

Contundente derrota do equipo de rugby ante o líder da División de Honra B

Perdeu tamén o equipo da liga rexional e gañaron os xuvenís


A visita desta fin de semana ao campo do líder, o Liceo Francés, saldouse para o Universidade de Vigo de rugby cunha contundente derrota. Os vigueses caeron por 53-3 nun partido moi desigualado que afrontaron coas baixas de Diego e Arri no último momento. Pola súa banda, o equipo B tamén resultou derrotado en Vigo do seu enfrontamento co Lalín cun resultado final de 5-25. A nota positiva da fin de semana púxoa o equipo xuvenil que se impuxo ao Ingleses de Vilagarcía por 20-10.

luns 21 de xaneiro de 2008

Caeu 58-64 ante o Peleteiro

O Campus mellora o seu xogo pero non logra acadar a ansiada vitoria

O Campus segue sen levantar cabeza e nesta xornada volveu caer ante o Peleteiro por 58-64. Sen embargo, a nota positiva púxoa a igualdade do encontro, propiciada por unha mellora no xogo dos de Nino Santos. O adestrador comentou que “o partido estivo nivelado, imos mellorando pero houbo tres claves que nos levaron á derrota: perdemos moitos balóns, pitáronnos o dobre de faltas que a eles e desconcentrámonos nos últimos minutos”.

venres 18 de xaneiro de 2008

Todos buscan a vitoria. Complicados rivais para os equipos da Universidade


Co desexo común de obter unha vitoria, aínda que con diferentes necesidades os equipos de rugby, baloncesto masculino de xadrez da Universidade de Vigo, afrontar as súas respectivas citas da fin de semana. Mentres o equipo de rugby visitará este sábado o campo do líder da categoría, o Liceo Francés, o Campus medirase ao Peleteiro en Santiago, nun dó de pechacancelas.
Pola súa banda o equipo de xadrez que tan brillante inicio de liga tivo a semana pasada, enfrontarase esta fin de semana ao "Kasparov A" de Pontevedra.

venres 18 de xaneiro de 2008

A cita será o 22 e 23 de xaneiro

O Servizo de Deportes organiza as I Xornadas da Actividade Física e Saúde

Co obxectivo de concienciar sobre as consecuencias negativas do sedentarismo

Co obxectivo de concienciar á comunidade universitaria das consecuencias negativas do sedentarismo o Servizo de Deportes organizou para o vindeiro día 22 as I Xornadas de Actividade Física e Saúde nas que se informará a cada participante sobre o seu estado físico a través dunhas sinxelas probas.
Nesta xornada, dirixida a persoas entre 15 e 69 anos, avaliaranse aspectos como a composición corporal, a forza muscular, o equilibrio, a flexibilidade e a resistencia. A cita será no Pavillón Universitario de 13.00 a 15.00 horas e contarase coa colaboración do doutor Juanjo Crespo, médico especialista en Medicina Deportiva.

mércores 16 de xaneiro de 2008

O programa DUE apoia 15 deportistas de elite que estudan na universidade

Ofrecéndolle facilidades para compaxinar a vida académica coa competición

Nomes tan coñecidos como Javier Gómez Noya ou Santi Pérez forman parte, como estudantes da Universidade de Vigo, do programa DUE, de apoio a deportistas de elite. Xunto con eles, outros trece atletas de alto nivel pertencen a esta iniciativa da institución para que os deportistas poidan compatibilizar os seus estudos coa actividade física. O programa DUE establece unha serie de medidas docentes entre as que destaca a creación da figura dun titor personalizado para cada atleta.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

146 de 152

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal