Deportes

luns 18 de febreiro de 2008

O equipo feminino acadou tamén a súa primeira derrota

O Campus masculino non logra manter a vantaxe da primeira metade e cae no derbi ante o líder

“Como a cara e a cruz” así define Nino Santos, adestrador do Campus Universitario o partido da xornada no que caeron 90-61 no derbi ante o ABO. Tras unha primeira parte moi boa na que remataron gañando por 37-34 “e que podería ser de máis xa que o fixemos moi ben” chegou unha segunda metade nefasta. “O decisivo foi o arranque, despois do descanso eles saíron mellor e nós peor e metéronos un parcial de 20-2 que nos afundiu” comentou Santos.
En canto ao qeuipo feminino, tamén perdeu 49-42, contra todo pronóstico ante o San Xosé da Guía "por exceso de confianza" explicou o seu adestrador.

luns 18 de febreiro de 2008

Bos resultados tamén para os equipos de duatlon e rugby que asegurou a permanencia

O equipo de xadrez ascende ao terceiro posto da clasificación da División de Honra e sitúase a un punto do líder


Un punto separa ao equipo de xadrez da Universidade de Vigo do líder da División de Honra, o Padrón A, que supera á súa vez en medio punto ao segundo clasificado, o Círculo Ferrolá de Xadréz. O equipo vigués acadou o terceiro posto da clasificación tras derrotar cun marcador de 0.5 a 3.5 ao SAFA A de A Coruña que pecha a clasificación. No enfrontamento ante o equipo coruñés, o capitán do Universidade de Vigo volveu apostar polas rotacións, dando descanso a Miguel Senlle, o que permitiu o debut en liga de Manuel Núñez.

venres 15 de febreiro de 2008

O equipo feminino volve á competición fonte ao San Xosé da Guía

Un derbi local entre o colista Campus e o líder Cefegal prato forte da xornada


O Campus Universitario ten nesta xornada unha nova, aínda que complicada oportunidade para rematar coa racha negativa que o persegue no que vai de tempada. A rivalidade ourensá co Cefegal Pavillón “será unha motivación extra para ambas partes, ademais de local, tamén haberá rivalidade persoal porque o seu adestrador foi o do Campus durante moito tempo e moitos dos seus xogadores pasaron por aquí, polo que nos coñecemos de sobra os uns aos outros e iso pode minimizar as diferenzas” expresou o adestrador, Nino Santos.
En canto ao equipo feminino, volve á competición esta fin de semana ante o San Xosé da Guía.

venres 15 de febreiro de 2008

O equipo de rugby pode asegurar a permanencia a unha xornada do remate da competición

Esta fin de semana estréase o equipo infantil nunha concentración en A Coruña


A dous partidos para o remate da competición o Universidade de Vigo de Rugby pode acadar esta fin de semana a permanencia matematicamente. O domingo ante o Oviedo R.C. e na casa, os universitarios mídense aos asturianos, aos que lles levan oito puntos, coa mente posta na posibilidade de asegurar a continuidade na División de Honra B. Pola súa banda, o equipo infaltil estréase na competición esta fin de semana, na que tamén se celebra o Campionato de Seleccións Territoriais femininas, para o que foron seleccionadas cinco xogadoras do equipo da Universidade de Vigo.

mércores 13 de febreiro de 2008

II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte

Profesionais de todo o país daranse cita en Pontevedra para coñecer as novas tendencias no eido da actividade física

Do 8 ao 10 de maio no Pazo da Cultura en Pontevedra

Os profesionais relacionados co deporte teñen unha nova cita en Pontevedra para debater sobre as novas tendencias emerxentes nesta disciplina. Trátase do II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte da Universidade de Vigo e o IV Seminario Nacional de Nutrición, Medicina e Rendemento no Novo Deportista que terá lugar no Pazo da Cultura do 8 ao 10 de maio. Promovido polo grupo de investigación Hi10 da Área de Educación Física e Deportiva, o evento pretende ser un foro de difusión de coñecementos científicos, técnicos e culturais relativos ao deporte. As expectativas para esta edición son moi boas e tal como comentou un membro da organización, José Luis García Soidán, “o ano pasado acadouse a cifra de 440 participantes e presentáronse máis de 200 traballos de investigación, agora esperamos espertar o mesmo interese”.

martes 12 de febreiro de 2008

Dirixido dende as unidades de Medicina Deportiva e de Actividade Física

Comeza o programa "Ponte en forma" para mellorar a saúde da comunidade universitaria

O proxecto Ponte en Forma comeza este mes no campus para achegar aos membros da comunidade universitaria á práctica do deporte. Mediante un programa de exercicios realizado por un licenciado en Educación Física, Guillermo Santos, e supervisado por un médico especialista, Juan José Crespo Salgado, todos os interesados poderán mellorar a súa saúde de xeito personalizado. O programa é a novidade estrela da Área de Deporte e Saúde que está composta pola Unidade de Medicina Deportiva e pola de Actividade Física Personalizada. Ambas traballan conxuntamente para darlle o respaldo profesional necesario aos participantes.

martes 12 de febreiro de 2008

Co 2º posto na clasificación feminina e o 5º na masculina

Bo resultado do equipo de triatlón da Universidade no II Duatlón Cross de Pontevedra

A próxima cita terá lugar en Manzaneda

Esta fin de semana celebrouse o II Duatlón Cross Villa de Pontevedra na Illa das Esculturas, onde o equipo de triatlón da Universidade tivo un papel destacado sendo, ademais, o que máis participantes aportou. Sobre un recorrido de 5 quilómetros a pé, 20 en bicicleta e outros 2,5 a pé, o equipo feminino fíxose co segundo lugar por detrás do todopoderoso Fluvial de Lugo, o primeiro na clasificación nacional. Pola súa banda, os rapaces lograron o quinto posto cun moi bo papel, a pesar de que un dos seus mellores compoñentes deu unha volta de máis en bicicleta ,debido a cantidade de corredores dobrados que se atopou, logrando aínda así entrar entre os 50 primeiros.

luns 11 de febreiro de 2008

Importante vitoria do equipo de xadrez ante o Marcote A, dobre campión de España

O equipo escolar xa é lider da Segunda División Galega ao imporse ao Najdorf

A vitoria desta fin de semana ante o Marcote A encheu de folgos ao Universidade de Vigo de Xadrez. Ante o que leva anos sendo o mellor equipo galego e un dos mellores a nivel nacional, os universitarios acadaron un novo resultado positivo que os sitúa no quinto posto da clasificación, por riba do propio Marcote A, nun incómodo sexto lugar. Pola súa banda, o Universidade de Vigo- Xadrez Galego, que se estrea este ano na Segunda División está a dar moita satisfacción ao club. E é que o equipo escolar xa é líder da táboa ao imporse con contundencia, 4-0, ao Najdorf de Pontevedra.

luns 11 de febreiro de 2008

Os de Nino Santos perderon 72-82 ante o Riazor na Coruña

Unha derrota nos últimos minutos continúa a mala racha do Campus Universitario

O Campus Universitario masculino sumou unha nova derrota por 72-82 na Coruña ante o Riazor. Desta vez, segundo o seu adestrador, Nino Santos, o partido “estivo nivelado, uns minutos estabamos nós arriba e outros eles, de feito, á falta de tres para o final íamos empatados pero pitáronnos dúas faltas, unha por antideportividade e outra técnica e perdemos” explicou, aínda que engadiu que “si puidemos gañar”.

venres 8 de febreiro de 2008

Logrou os títulos Sub18 e Sub14 nos Campionatos Galegos de Idade

A Universidade de Vigo lidera o xadrez galego de base


Miguel Senlle e Samuel Villar son os novos campións galegos Sub18 e Sub14 tras acadar candaseu título nos Campionatos Galegos de Idades celebrados en Pontedeume. O éxito logado polos dous axedrecistas da Universidade de Vigo reafirma o traballo que se está a facer co deporte en idade escolar, ao tempo que permite a Senlle e Villar representar a Galicia nos Campionatos de España Sub18 e Sub 14 que se celebrarán o vindeiro mes de xullo. Ademais en categoría Sub18, Daniel Vila, tamén do equipo da Universidade de Vigo, foi o terceiro clasificado

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

144 de 152

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal