Cultura

martes 23 de outubro de 2007

Doado pola Asociación da Prensa de Vigo

A Asociación da Prensa de Vigo doou á biblioteca central do campus de Pontevedra parte dos seus fondos e material histórico que, a partir de agora, poderán ser consultados polos membros da comunidade universitaria. Trátase por un lado, de revistas clásicas da historia do cine español e, por outro, da publicación Gaceta de Prensa que recolle a evolución da liberdade de prensa no noso país desde a Guerra Civil ata a democracia.

martes 23 de outubro de 2007

Inicio do ciclo de conferencias “Escritores na universidade”


A escritora viguesa, Mª Xosé Queizán, fixo, na primeira conferencia do ciclo “Escritores na universidade”,un percorrido histórico polo feminismo aplicado á literatura. Na súa opinión, as diferenzas entre homes e mulleres son difíciles de eliminar porque os argumentos son silenciados constantemente, o que obriga ó xénero feminino a repetir, lustro tras lustro, as mesmas reivindicacións. Segundo Queizán, “a realidade actual segue sendo que as mulleres sofren acoso sexual, violencia de xénero ou discriminación laboral, entre outros males”.

martes 23 de outubro de 2007

O grupo Deluxe inicia as actuacións musicais

O Teatro Vidal Bolaño acolle a maior parte das actuacións

Avalados polo éxito das edición anteriores, o teatro e a música son un ano máis os protagonistas da programación cultural que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes organizou para este cuadrimestre. Dende o mércores, co concerto do grupo coruñés Deluxe, ata o vindeiro 18 de decembro, co Concerto de Nadal, os universitarios terán múltiples oportunidades para achegarse ás últimas creacións culturais. A nova programación combina a música alternativa, nunha nova edición do Ciclo Sonora, e a firme aposta polo teatro.

luns 22 de outubro de 2007

Posta en marcha do programa de voluntariado


Co fin de promover a integración dos estudantes na realidade social e crear unha cultura de solidariedade, a Universidade de Vigo pon en marcha, como cada ano, o programa de Voluntariado dirixido a membros da comunidade universitaria que poidan dispor dun mínimo de dúas horas libres semanais. Para complementar a formación social e humana e poder levar a cabo as tarefas solidarias dun xeito máis adecuado, os interesados terán acceso a cursos básicos e específicos de formación de voluntarios.

 

venres 19 de outubro de 2007

Programa de obradoiros do primeiro cuadrimestre

Entre Vigo e Pontevedra ofértanse 24 cursos

Música, teatro, cine, fotografía, voluntariado… Os obradoiros do primeiro cuadrimestre comezan cun programa cheo de novidades e de actividades complementarias para todos os gustos. Os campus de Pontevedra e Vigo contan cunha oferta de 24 cursos non que atopan acollida actividades tradicionais como a pandeireta ou a elaboración de pan artesanalmente e outras máis actuais como a fotografía dixital, o software libre ou os efectos especiais. No programa non faltan, como ven sendo habitual, o teatro, a guitarra, o djembé ou a formación de voluntariado.
A última semana de outubro botan a andar os primeiros obradoiros que, abertos ao público en xeral, ofrecen condicións especiais aos bolseiros e á comunidade universitaria. A matrícula está aberta ata o día 26 deste mes.

mércores 17 de outubro de 2007

Ao longo dos meses de outubro e novembro o campus vigués acollerá un programa de relatorios organizado polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra. O ciclo de conferencias e obradoiros “GALPon 2007 na UVigo” comprenderá máis de 30 horas repartidas dende este xoves 18 de outubro e ata o vindeiro 6 de novembro. Entre os contidos afondarase en temas como a sinatura dixital, o Media Center feito con GNU/Linux, os escritorios lixeiros para recuperar computadoras obsoletas, Home Station para ter na casa, seguridade en redes WiFi ou mesmo o desenvolvemento en PHP con patTemplate.

mércores 17 de outubro de 2007

Algún voluntario?

Ser membro da comunidade universitaria e dispoñer dun par de horas libres á semana, son os únicos requisitos para participar do programa de voluntariado da Universidade de Vigo para o curso 2007/2008.
Nesta nova edición, o programa segue a promover a integración dos estudantes dos tres campus na realidade social, fomentando a participación da comunidade universitaria en tres tipos de proxectos: os propios da UVigo, os que se desenvolven en colaboración con entidades do entorno e de voluntariado e educación no desenvolvemento e cooperación internacional.

luns 8 de outubro de 2007

A rodaxe tivo lugar esta fin de semana na praia de Cesantes

Membros do equipo A praia de Cesantes foi testemuña da rodaxe de Finisterre, unha curtametraxe realizada por un grupo de estudantes de Publicidade e Relacións Públicas. A obra reflexiona sobre o tema da morte na sociedade galega. O obxectivo é transmitir a especial idiosincrasia dun tipo galego, arraigado á súa terra e ás súas costumes. Finisterre pretende invitar ao espectador a reflexionar sobre o peso que o momento da morte ten na vida das persoas.

xoves 4 de outubro de 2007

Nas XIX Xornadas de Banda Deseñada

Coas obras "As aventuras de Cacacuequi" e "Delicatessen"

Viñetas das Tomar un café ou pasear polos corredores da facultade ao carón de obras recoñecidas da banda deseñada, son a partir de hoxe dúas opcións compatibles.
Na primeira planta do Edificio Politécnico, “cacacuequi” e unha estraña rapaza incitan a desviar a vista cara as paredes; mentres que, na cafetería da Bibiloteca, unha escolma de debuxos de Diego Blanco acompañan aos momentos de lecer.
A estas obras súmanse oito exposicións e diversas actividades que se celebrarán en diversos espazos da cidade das Burgas ata o vindeiro 21 de outubro, data de remate da festa galega do cómic.

xoves 4 de outubro de 2007

A profesora de Belas Artes inaugura mañá unha exposición en Madrid

Flor de mapa A galería madrileña "El mono de la tinta" acollerá, a partir de mañá, e ata o vindeiro 6 de novemebro, o traballo da profesora de Belas Artes, Anne Heyvaert. Na exposición, a autora presenta unha selección de obra gráfica realizada nos últimos anos: augafortes e outros recursos para as “caixas sobre cartón” e litografías, series e variacións para os “mapas e planos” dos múltiples lugares onde viviu e por onde viaxou.

 

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

207 de 208

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal