Cultura

venres 17 de novembro de 2017

A Sala X acolle deste este venres unha escolma das máis de 600 obras que reuniu este evento internacional

A mostra que poderá visitarse ata o 17 de decembro reúne os traballos de artistas de oito países

A Sala X acolle deste este venres unha escolma das máis de 600 obras que reuniu este evento internacional

A piques de cumprir 40 anos, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira reuniu o pasado verán na localidade lusa de Vila Nova de Cerveira máis de 600 obras de preto de 500 artistas de 35 países. Con estas cifras como bagaxe e co propósito de defender a creación artística como medio de comunicación intercultural, a Fundación Bienal de Arte de Cerveira achega á Sala X unha escolma das obras presentes na súa décimo novena edición, nunha exposición que poderá visitarse ata o 17 de decembro, que reúne as creacións de 24 artistas de oito países.

venres 17 de novembro de 2017

A banda galega achegou ao Vidal Bolaño música contemporánea con trazas das cantigas de Martin Codax

A banda galega achegou ao Vidal Bolaño música contemporánea con trazas das cantigas de Martin Codax

Co Pergamiño Vindel exposto en Vigo dende o pasado mes, retornando así ás beiras da ría que o viu nacer, a programación cultural do segundo cuadrimestre da Universidade non podía senón empaparse da lírica medieval. Este xoves foi a banda galega ISGA Collective a encargada de achegar ao Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria a súa proposta que mestura a música galega de vangarda coa lírica medieval.

venres 10 de novembro de 2017

A Universidade e a Fundación Laxeiro organizan un curso sobre sexualidade e creación artística

A actividade pretende rachar cos modelos patriarcais da produción cultural

A Universidade e a Fundación Laxeiro organizan un curso sobre sexualidade e creación artística

“A arte pode amosar condutas e aspectos sexuais e, polo tanto, revelar os presupostos ideolóxicos e culturais en que se basean”. Esta é a base sobre a que se asenta o curso A arte do sexo: sexualidade, creación e xénero segundo o seu coordinador e profesor de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. A actividade, organizada pola Unidade de Igualdade, terá lugar na Fundación Laxeiro entre os días 13 e 15 deste mes, e está dirixida tanto a creadores e creadoras como a estudantes e profesorado dos eidos artísticos, especialmente aos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, así como público en xeral interesado na arte ou na igualdade de xénero.

xoves 9 de novembro de 2017

Filoloxía e Tradución acolleu a proxección dun filme realizado polos descendentes do seu descubridor

A profesora da USC Mariña Arbor encargouse de contextualizar a importancia do documento

Mariña Arbor cun facsímile do manuscrito

 A historia do Pergamiño Vindel chegou este xoves a Vigo en forma de película coa proxección na Facultade de Filoloxía e Tradución de El manuscrito Vindel, un filme no que se narra a historia do descubridor desta xoia literaria e musical, “un documento único no que se fala dun Vigo do século XIII no que se escribía e cantaba en galego”, tal e como lembrou Camiño Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo intres antes do inicio da proxección.

xoves 9 de novembro de 2017

A morte e a caricaturización do poder foi o eixo argumental desta obra de teatro

No escenario combináronse a danza, a interpretación e as artes plásticas

A morte e a caricaturización do poder foi o eixo argumental desta obra de teatro

Un rei que se aferra ao poder; un rei que basea o seu trono na disciplina da soberbia e unha noticia, que non é quen de aceptar. Con estas premisas, a compañía Sarabela Teatro representou unha nova versión de Le Roi se meurt, do escritor romanés Eugène Ionesco, no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria este mércores. Esta peza dramática forma parte da oferta cultural do primeiro cuadrimestre de Extensión Universitaria.

mércores 8 de novembro de 2017

A Casa das Campás acolle nestas semanas un curso impartido por Francisco Porto, da produtora Latamuda

O taller promovido pola Vicerreitoría dará pé á súa vez a un proxecto expositivo definido polo alumnado

O obradoiro desenvólvese na Casa das Campás

“O comisariado é moito máis que a coordinación dunha exposición, o comisario é quen idea xunto co artista toda a parte intelectual dese traballo, o que selecciona as pezas coa ou co artista, o que lle dá outro pulo para que avance no seu discurso”. Con estas verbas trata de pór de relevo Francisco Porto, director da produtora de arte contemporánea Latamuda, a importancia da figura que nestas semanas centra un dos obradoiros inseridos na oferta formativa promovida pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. Na súa terceira edición, o taller Comisariado e estratexias para artistas reúne na Casa das Campás a estudantes de diferentes titulacións.

mércores 8 de novembro de 2017

As instalacións universitarias acollen xa varias das mostras da programación desta edición

En total son sete as exposicións que se celebrarán ata principios de 2018

A programación do certame que acolle este ano o campus foi presentada este mércores

A 35 edición do Outono Fotográfico está en marcha e son moitas as exposicións que ao seu abeiro se están a realizar en diferentes puntos da xeografía galega e lusa. Formando parte desta iniciativa, o campus de Ourense acolle xa varias das sete mostras que organiza no marco desta edición e ata principios de 2018. A través das imaxes expostas, na Biblioteca Rosalía de Castro e na entrada do Edificio de Ferro, as persoas interesadas poden achegarse ao talento fotográfico.

martes 7 de novembro de 2017

Dende hoxe ata o día 17 desenvolveranse conferencias e concursos de fotografía e debuxo

O centro organiza unha semana de actividades para celebrar o seu patrón

Dende hoxe ata o día 17 desenvolveranse conferencias e concursos de fotografía e debuxo

A Facultade de Bioloxía inaugurou este luns, coa apertura dunha exposición de cogomelos, a semana de actividades que conmemoran o seu patrón, San Alberte. Así, dende este luns e ata o día 16 a ciencia e a natureza será os protagonistas dunha serie de conferencias e concursos de fotografía e debuxo biolóxico. A mostra micolóxica, coordinada pola profesora de Bioloxía Marisa Castro, poderase visitar na entrada do edificio de Ciencias Experimentais ata o venres desta semana.

martes 7 de novembro de 2017

A Biblioteca Rosalía de Castro dedica un espazo a visibilizar fondos sobre esta temática

O obxectivo é contribuír a unha maior concienciación dos usuarios e usuarias do centro

A Biblioteca Rosalía de Castro dedica un espazo a visibilizar fondos sobre esta temática

Periodicamente a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense dedica o espazo da súa entrada chamado Recuncho Temático a visibilizar fondos arredor dunha cuestión en concreto. Nesta ocasión, a temática elixida polas técnicas do centro é Violencias contra as mulleres e nel trátase de ofrecer máis información e conseguir unha maior concienciación dos usuarios e usuarias desta biblioteca sobre a violencia psíquica e física exercida contra as mulleres, dedicando especial atención aos micromachismos. 

xoves 2 de novembro de 2017

A persoa que gañe o certame recibirá unha cámara réflex dixital

O único requisito é que as imaxes se centren en Recursos Mineiros e Enerxéticos

As persoas interesadas poder enviar imaxes ata o vindeiro día 15

Persoal da Universidade, alumnado ou público en xeral. Calquera pode participar en Enfocar.me, un novo concurso fotográfico posto en marcha pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ao abeiro da celebración o vindeiro mes de decembro da súa patroa, Santa Bárbara. “É unha actividade máis para dar a coñecer as posibilidades e as saídas profesionais da nosa oferta académica”, explica a directora do centro, a profesora Natalia Caparrini.

Seguinte | Última

1 de 207

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal