venres 9 de febreiro de 2018

Nuns talleres desenvolvidos coa asociación Doa no marco do programa de voluntariado de BBAA

Un libro reúne as “illas íntimas” que persoas con enfermidades mentais articularon a través da arte

O alumno Ventura Pérez foi o responsable de impartir estes talleres centrados na pintura

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Xerar un “mapa cartográfico dun territorio imaxinado”, para a partires de aí, representar a través da pintura unha das paisaxes dese territorio e abordar, tamén desde a arte, a idea de illa no seu sentido máis amplo. Estes foron os puntos de partida dos dous talleres que o alumno da Facultade de Belas Artes Ventura Pérez desenvolveu, nos anos 2013 e 2016, cos usuarios e usuarias do centro de rehabilitación no que a asociación Doa traballa en Cangas con persoas con enfermidades mentais. Os resultados desas experiencias, 15 obras nas que estas persoas plasmaban esas “illas íntimas que todos levamos dentro”, como as definiu Santiago Hermelo, un dos participantes, reúnense en Illas, o libro que a asociación presentaba este venres na Casa das Campás.

“Para nós significou un reto, porque plasmar os nosos sentimentos nun lenzo sen experiencia previa non semellaba doado de primeiras”, salientou Hermelo na presentación desta publicación, na que participaron tamén a profesora e coordinadora do programa de voluntariado da facultade, Loreto Blanco, o presidente de Doa, Leopoldo Gutiérrez, e o traballador desta asociación Sócrates Pérez. Un acto que Daniel Fernández e Miguel Ángel Gutiérrez, participantes nestes talleres, abriron dando lectura aos textos cos que cada artista tratou de “explicar dun xeito poético aquilo do que falaban as súas imaxes”, como indicou Hermelo, quen definiu o libro como “unha proposta sincera pola nosa parte”.

Dúas experiencias que se unen nunha publicación

No marco deste programa de voluntariado, Ventura Pérez, hoxe alumno de doutoramento, desenvolveu en 2013 un primeiro taller no que convidou aos oito usuarios e usuarias participantes a realizar un “exercicio de representación espacial”, partindo da idea de idea de illa “como unha escusa ou primeira intuición para compor formas pechadas, pequenas e sen referencia figurativa”. Deses mapas de illas imaxinarias xurdiron posteriormente “novas interpretacións” a través de paisaxes que, como relata Pérez, tiñan como constante a presenza do “mar como elemento de limitación”.

Estas primeiras obras de gran formato, relatou Sócrates Pérez, estiveron presentes en diferentes exposicións, "pero seguían reclamando máis protagonismo” e foi así como xurdiu a idea dun libro de ilustracións que se vería completado polo segundo taller, con outros usuarios e usuarias do centro. Taller que partía de novo da idea de illa pero “desde un concepto máis aberto”, desde a idea dun mundo dentro dun mundo que, como apunta Pérez, “implica repensar un lugar desde experiencias, desexos ou formas de entender ou habitar un espazo”.

“Finalmente saíu un resultado incrible”, concluíu este alumno dos froitos duns talleres que implicaron un traballo “de moitas horas”, pero nos que “unha proposta tímida” foi respondida polos usuarios e usuarias de Doa con “traballos cada vez máis interesantes”. De feito, esta experiencia, relata Pérez, incidiu tamén no seu propio labor investigador, que ten na reflexión sobre ese “concepto de illa tan presentes nas humanidades”, un dos elementos do traballo para a súa tese de doutoramento. “Non creo que tivera chegado a este tipo de tese sen ter aos meus compañeiros de Doa por detrás comentando os traballos e achegando novas ideas”, conclúe.

A arte, un xeito de conectar coa creatividade de cada quen

A sinatura, en 2011, dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Plataforma de Accesibilidade Solidaria de Vigo (Pasovigo), da que forma parte Doa, foi o xerme dun programa de voluntariado que, como lembrou Loreto Blanco, “creouse realmente a demanda de centros como este”. A coordinadora desta iniciativa incidiu nese senso na existencia dunha “demanda social” de talleres como os que se promoven no marco deste programa, que permiten amosar a “gran capacidade da arte para falar dun mesmo e conectar a todas as persoas coa creatividade que levan dentro”, para amosar “ese mundo interior que ás veces só a través da arte se logra sacar”.

O presidente de Doa, pola súa banda, definiu como un “fito importante” a presentación desta publicación, coa que a asociación pecha os actos do seu 30 aniversario, e incidiu en que máis aló dea idea das “illas como refuxios”, iniciativas como esta contribúen "a abrirnos, a que nos coñezan”, a amosar que “as persoas que realizaron este traballo teñen unhas capacidades que son útiles para a sociedade”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal