venres 22 de decembro de 2017

Reitor e conselleiro presentaron un libro que vai moito máis aló do catálogo da exposición

A exposición do Pergamiño Vindel recibiu xa máis de 23.000 visitantes

O interese xerado fai que a partir de xaneiro o Museo do Mar abra as súas portas tamén os luns

D. Besadío e M. Del Río | Vigo

A exposición do Pergamiño Vindel, Un tesouro en sete cantigas, recibiu desde o pasado 10 de outubro a visita de máis 23.000 persoas, o que converte o regreso a Vigo da principal xoia da literatura galega medieval no acontecemento cultural do ano en Galicia. O interese xerado está a superar todas as expectativas, tal e como subliñaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na rolda de prensa de presentación do catálogo da exposición, “unha obra que vai moito máis aló dun simple catálogo”, segundo o conselleiro, e que se converte, tal como recalcou o reitor, “nun auténtico regalo de Nadal para todos os galegos e galegas”.

Xunto ao reitor e o conselleiro a rolda de prensa contou coa participación do comisario da exposición, Francisco Singul, que foi o encargado de ir debullando, os principais contidos dun libro que nace en torno á figura do Pergamiño pero que se converte nunha obra de referencia e de consulta obrigada, tanto para especialistas como para profanos, sobre a Galicia da Idade Media. “O Pergamiño é o núcleo aglutinador do libro, está no centro real e simbólico dos doce capítulos, pero só o capítulo sexto está dedicado especificamente a el, e ao seu arredor vanse desenvolvendo en círculo concéntricos o resto dos capítulos, que inclúen estudos relativos á lírica medieval, á cultura e arte do seu tempo, á política e á realidade da ría de Vigo e a súa contorna”, explicou Singul.

400 centros escolares xa concertaron visita

“O Pergamiño e a súa exposición xera produtos para a historia e este catálogo é iso un produto para a historia feito con moitísimo talento”, destacou o reitor, que ademais de facer fincapé no “papel central” do comisario da exposición, quixo pór en valor o traballo realizado para a obra “dos galegos e galegas que saben disto, que saben da nosa historia, da nosa cultura, do noso pobo, da nosa fala... e tamén dos maiores expertos a nivel internacional nestes temas”.
“Un catálogo sempre fai que unha exposición non remate o día que se pecha, senón que se amplíe ao longo do tempo”, subliñou o conselleiro, quen fixo fincapé en que as máis de 23.000 visitas recibidas “proban o elevado interese que espertou este proxecto expositivo na sociedade galega”. Na mesma liña Rodríguez insistiu no carácter didáctico da mostra, apuntando que ata o vindeiro mes de marzo van pasar pola exposición máis de 400 centros educativos, o que supón arredor do 50% do total de escolas e institutos de Galicia. Neste contexto o conselleiro fixo público que para atender á importante demanda de público a partir do mes de xaneiro o Museo do Mar tamén abrirá as súas portas os luns.

A Galicia da Idade Media en 12 capítulos

O catálogo ábrese cun artigo do propio Singul que explica o contexto político, social e cultural do século XIII, o mundo de Alfonso X O Sabio, “porque é arredor da corte onde se desenvolve a lírica medieval galega tanto profana como relixiosa”. O segundo capítulo é autoría da profesora Antonella Liuzzo, da Universidade de Lincoln, a maior especialista do mundo no concepto de amizade na Iberia medieval. O terceiro autor é o profesor da Universidade de Vigo Bieito Arias, que se centra na lírica galega e portuguesa e da paso a un cuarto capítulo, de Pilar Lorenzo, que asina un traballo sobre a tradición da canción de muller e a cantiga de amigo. Dun xeito máis concreto, Mercedes Brea aborda a Martin Codax como o creador dun modelo específico de cantigas de amigo. O capítulo central, dedicado á historia do pergamiño Vindel, o seu contido e descrición material, é obra de Mariña Arbor, profesora da USC.

A segunda parte do catálogo arranca co artigo do catedrática tamén da USC Carlos Villanueva, sobre a música e como interpretar as sete cantigas que se recollen no pergamiño. Pola súa banda, Manuel Castiñeiras, da Universidade de Barcelona, “que trata un aspecto máis importante, como é a relación de Galicia con Occitania, desenvolta moi especialmente a través do Camiño de Santiago ou de textos como o Códice Calixtino”, como destacaba Singul. Seguidamente, David Chao fala da iconografía profana, da danza, da música, da escultura, etc. dos séculos XII e XIII.

Na parte final do catálogo, Vigo é o protagonista. O profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez achégase á ría e á costa galega dende a cartografía medieval, algo que Singul considera relevante, “xa que temos que ter en conta que na Idade Media a xente non sabía onde vivía, non tiña unha idea clara da súa contorna, do lugar que ocupaban. O tamén docente vigués Francisco Javier Pérez fala no seu estudo sobre a bisbarra de Vigo na Idade Media e a súa realidade territorial. Finalmente o derradeiro capítulo, de Anselmo López, “un texto evocador e romántico sobre o Vigo que puido ver Martin Codax”.

O catálogo, dispoñible tanto no propio Museo do Mar coma na Libraría Institucional de Galicia, péchase cunha relación das fichas das obras que conforman a exposición Un tesouro en sete cantigas.

Presenza institucional

Xunto ao reitor, conselleiro e comisario da exposición, asistiron tamén á presentación o director do Museo do Mar Vicente Caramés; o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e, entre outros membros da comunidade universitaria, os vicerreitores Dolores González, de Estudantes, e Manuel J. Fernández Iglesias, de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, para quen o reitor tivo verbas de agradecemento.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal