xoves 21 de decembro de 2017

A organización internacional publica os resultados do estudo realizado

Santiago Lago participa na avaliación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal feita pola OCDE

O documento sinala que AIReF contribuíu a unha mellor xestión fiscal en España

Duvi | Ourense

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) foi establecida en 2013 como parte dun proceso estatal de reforma cuxo obxectivo era reforzar o marco fiscal español, cumprir con novas obrigacións europeas, así como restablecer as finanzas públicas de España e colocalas nunha senda sustentable. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OCDE, composta por 35 estados e cuxo obxectivo é coordinar as súas políticas económicas e sociais, vén de presentar un estudo de avaliación de AIReF asinado, entre outros, polo catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago.

O estudo, titulado Estudo de avaliación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), foi realizado por Lisa von Trapp, Scherie Nicol, Peter Fontaine, Wim Suyker e Santiago Lago, director este último do Grupo Gen Governance and Economics Research Network da Universidade de Vigo. Nel a OCDE recomenda unha serie de medidas que a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal debería tomar para que este organismo “afiance a súa reputación e consolide a súa independencia”, segundo informan en nota de prensa desde o Grupo Gen. A avaliación da OCDE forma parte da primeira quenda de avaliacións de institucións fiscais independentes que realiza este organismo.

Recomendacións de futuro

Segundo recolle o documento, os avaliadores concluíron que o traballo da AIReF “está aliñado coas boas prácticas en termos de enfoque, rigor e transparencia”, así como en comparación con entidades homóloga, “aínda que esta veríase beneficiada dun maior énfase no mediano prazo”. Ademais, o informe recolle “que o traballo da AIReF contribuíu a unha mellor xestión fiscal en España ao longo do ciclo da política fiscal”.

Entre as recomendacións dos expertos están incrementar a colaboración mediante un memorando de entendemento co Ministerio de Facenda para o acceso á información e “onde se podería considerar actuar de maneira previa e baixo un acordo de confidencialidade, do mesmo xeito que ocorre con outras entidades homólogas”. Ademais, indican desde o Grupo Gen, “a fin de asegurar a súa independencia e protección adicional de calquera presión, a AIReF podería adquirir un compromiso de financiamento multianual”. En relación aos recursos asignados, engaden, “tería que valorarse se as novas esixencias feitas se corresponden ao seu mandato”, apuntando como “en caso de que non se outorguen novos recursos, este organismo debería evitar asumir novas tarefas”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal